Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2012 Páx. 984

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 28 de decembro de 2011 pola que se acorda a cesión en propiedade da embarcación Pilarín, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Confraría de Pescadores San Martiño do Grove.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da comunidade autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, sempre que a súa afectación ou explotación non se xulgue previsible.

Por outra banda a Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia define as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, actuando como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.

Na actualidade a embarcación Pilarín consta inscrita a favor da Xunta de Galicia no Rexistro Marítimo Español, provincia marítima de Vigo, con matrícula 8ª VI 5-1-97 (actualmente 5ª VI 5-4-97), coas seguintes características:

Nome da embarcación: Pilarín.

Ano de construción: 1973.

Modelo: 0226 MTE.

Motor: MAN-D.

Dimensións: manga: 3,08, eslora: 8,65, puntal: 1,66.

TRB: 8,22.

Matrícula/folio: 5ª VI 5-4-97.

Ano de inscrición: 1980.

Por Orde do 22 de novembro de 2006 acordouse a cesión en uso da embarcación Pilarín á Confraría de Pescadores San Martiño do Grove. O artigo 2.b) desta orde establecía que a cesión tería unha duración de cinco anos, contados desde a data da súa formalización.

O 9 de decembro de 2011 a Confraría de Pescadores San Martiño do Grove solicitou a cesión en propiedade da referida embarcación.

Dado que a referida confraría destina a embarcación Pilarín para fins de utilidade pública e interese social, de forma especial á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos e á colaboración en asuntos de salvamento marítimo e loita contra a contaminación, e tendo en conta que non se xulga previsible a súa afectación ao servizo público no futuro, cómpre cederlle en propiedade esta embarcación, adscrita a esta consellería, para ser destinada a tales fins.

Por outro lado dado que carece de fins lucrativos considérase axeitado provela da dita embarcación para o fortalecemento da súa estrutura.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27 números 15 e 29 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das competencias que me confiren o artigo 83.3 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Acórdase a cesión en propiedade á Confraría de Pescadores San Martiño do Grove (Pontevedra) da seguinte embarcación:

Nome da embarcación: Pilarín.

Ano de construcción: 1973.

Modelo: 0226 MTE.

Motor: MAN-D.

Dimensións: manga: 3,08, eslora: 8,65, puntal: 1,66.

TRB: 8,22.

Matrícula/folio: 5ª VI 5-4-97.

Ano de inscrición: 1980.

Artigo 2.

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido nos artigos 82 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, o ben cedido será destinado pola confraría cesionaria a fins de utilidade pública ou de interese social, de maneira especial á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos e á colaboración en asuntos de salvamento marítimo e loita contra a contaminación.

b) Coa cesión outorgaráselle á Confraría de Pescadores San Martiño do Grove a propiedade do ben moble cedido.

c) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido.

d) Serán causas de resolución da cesión acordada, revertendo ao patrimonio da Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que aqueles experimentasen, as seguintes:

– A non aplicación do ben cedido ao fin sinalado na alínea a) deste artigo.

– A súa utilización con grave quebrantamento.

– En xeral, o incumprimento das condicións da cesión.

Artigo 3.

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico da Consellería do Mar ou funcionario en quen delegue e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o secretario xeral técnico da Consellería do Mar para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2011.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Mar