Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2012 Páx. 908

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 27 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.

A Consellería do Medio Rural publicou o 3 de marzo de 2009 a Orde do 25 de febreiro de 2009 (DOG n.º 43, do 3 de marzo) pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal, e se convocan para o ano 2009. Estas axudas convocáronse amparadas no Regulamento (CE) n.º 1698/2005, relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), así como na normativa comunitaria sobre axudas de estado, e enmárcanse dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013, eixe 1, co código 124.

A entrada en vigor do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as modificacións da regulamentación europea pola que se rexe o Feader, a nova estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, aprobada polo Decreto 318/2009, do 4 de xuño, e a experiencia adquirida na xestión destas axudas, fixo conveniente introducir algunhas modificacións que afectaban o sistema de xestión, polo que a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 16 de xuño de 2010 (DOG n.º 117, do 22 de xuño) pola que se modifica a Orde do 25 de febreiro de 2009, na cal se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal, da Consellería do Medio Rural, e se convocan para o ano 2010.

A existencia de dúas ordes nas cales se regulan as bases da convocatoria anual de axudas aconsella a publicación nunha única orde, en forma de texto refundido, das bases da convocatoria para que os solicitantes teñan un só texto legal de referencia.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das axudas para a realización de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario e forestal para o período 2012-2014 e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o ano 2012.

2. Por innovación de produto enténdese a obtención dun ben anteriormente inexistente; a innovación de proceso implica a obtención dun novo uso transformado para unha materia prima preexistente e unha innovación tecnolóxica implica a mellora da eficiencia dun proceso produtivo.

Artigo 2. Beneficiarios das axudas e outros axentes cooperantes.

1. Terán a condición de beneficiarios das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases: organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura e/ou silvicultura e empresas ou industrias transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.

2. Terán a condición de axentes cooperantes nas accións propostas polos beneficiarios das axudas os seguintes:

a) Produtores do sector agroforestal e as súas asociacións e outras organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria.

b) Centros de investigación e experimentación da Consellería do Medio Rural e centros tecnolóxicos participados por ela, así como outros centros públicos de investigación da comunidade autónoma.

O orzamento das actividades de ningún dos axentes cooperantes poderá ser inferior ao 10% do orzamento total da proposta de cooperación.

3. Segundo a nova redacción do artigo 29 do Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro, dada polo Regulamento 74/2009, do 19 de xaneiro, na acción de cooperación deberán intervir como mínimo dous actores, e, cando menos, un deles deberá ser un produtor primario ou pertencer á industria da transformación.

Artigo 3. Actividades subvencionables.

1. As propostas deberán adecuarse ás seguintes temáticas:

– Iniciativas de cooperación que ofrezan saídas alternativas ou incrementen o valor engadido dos produtos agrarios e dos seus transformados.

– Iniciativas de cooperación que introduzan melloras ambientais en procesos e tecnoloxías de produción e transformación agroalimentaria.

– Iniciativas de cooperación que permitan o desenvolvemento de fontes renovables de enerxía de orixe agraria e forestal en Galicia.

2. A solicitude de axuda para a realización das accións de cooperación será presentada necesariamente por algunha das entidades ás que se fai referencia no número 1 do artigo 2 desta orde, que asumirá a coordinación do proxecto. A proposta deberá incluír, como mínimo, a participación dun centro de investigación dos enumerados no punto 2.b) do devandito artigo, como axente cooperante.

3. A duración da iniciativa de cooperación será de tres anos como máximo.

Artigo 4. Contía das axudas.

A contía máxima subvencionada en cada proposta de cooperación será de 200.000 euros. A dita subvención pode chegar a cubrir o custo total da actividade, e a contía concreta para cada caso determinarase en función dos seguintes condicionantes:

a) O orzamento realmente susceptible de axuda, con base no sinalado no artigo 8 desta orde.

b) A puntuación total obtida aplicando os criterios do punto 2 do artigo 11.

c) O orzamento total dispoñible para as tres anualidades.

Artigo 5. Financiamento das axudas.

1. O financiamento das propostas de cooperación seleccionadas ao abeiro desta convocatoria imputarase, segundo a natureza das axudas e beneficiarios, á aplicación orzamentaria 13.04.561A.770.0 por un valor total de 3.624.364,76 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 1.256.787,76 euros en 2012, 1.267.577,00 en 2013 e 1.100.000,00 en 2014.

2. Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2012 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, e en trámite parlamentario actualmente. A concesión de subvencións imputadas aos exercicios correspondentes aos anos 2013 e 2014 está condicionada á existencia de dotación económica suficiente en cada momento.

3. Poderanse utilizar outros remanentes que puidesen existir na mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As axudas están financiadas con fondos Feader e fondos propios da Xunta de Galicia e do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.

Artigo 6. Aplicación da normativa comunitaria sobre axudas públicas.

De acordo co establecido no artigo 57.2 e no punto 9.B do anexo II do Regulamento (CE) n.º 1974/2006, as axudas a proxectos relativos a operacións non reguladas polo artigo 36 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo I do Tratado, concederanse ao abeiro do Regulamento (CE) n.º 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DO L 379, do 28 de decembro), relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis. Neste caso, o importe total das axudas de minimis que poderán recibir as entidades solicitantes non superará o importe de 200.000 euros nun período de tres anos. Para comprobar o cumprimento deste requisito, os solicitantes incluídos neste suposto deberán presentar unha declaración sobre as axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais no momento de presentar a solicitude e cando se solicite o pagamento da axuda, tal e como se indica nos artigos 10 e 16, respectivamente, desta orde.

Artigo 7. Compatibilidade das axudas.

As axudas reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outra axuda que, co mesmo fin, concedan outras administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sen prexuízo do establecido, en relación coa concorrencia doutras axudas, no artigo 2 do Regulamento (CE) n.º 1998/2006 para as axudas amparadas no réxime de minimis e, en relación coa incompatibilidade desta axuda con calquera outra cofinanciada con fondos europeos, no artigo 70.7 do Regulamento (CE) n.º 1698/2005, sen que en ningún caso o importe das axudas acumuladas poida superar o custo total do proxecto.

Artigo 8. Conceptos susceptibles de axuda.

1. De acordo co artigo 20 do Regulamento (CE) n.º 1974/2006, os custos da cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no sector agrícola, alimentario e no sector forestal a que fai referencia o artigo 29, número 2 do Regulamento (CE) n.º 1698/2005 corresponderán a actividades preparatorias, incluído o deseño, o desenvolvemento e ensaio de produtos, procesos e tecnoloxías e os investimentos materiais e inmateriais relacionados coa cooperación antes da aplicación dos novos produtos, procesos e tecnoloxías desenvolvidas con propósitos comerciais por parte dos beneficiarios.

2. As axudas previstas nesta convocatoria destinaranse a cubrir os gastos que estean directamente relacionados co orzamento do proxecto para o cal se concederon, e poderán aplicarse aos conceptos que a continuación se detallan. Os ditos conceptos, a excepción do que se refire ás colaboracións externas, non teñen a consideración de subcontratación.

I. Custos directos:

a) Custo de persoal. Os gastos debidos á imputación de custos de persoal propio das entidades privadas solicitantes non poderán superar o 25% do custo do seu subproxecto, mentres que os centros públicos de investigación ou tecnolóxicos non poderá imputar custos de persoal propio. O persoal temporal contratado con cargo ao proxecto poderá ser persoas coa titulación de doutor, titulación universitaria ou técnica de grao medio ou superior, así como outro persoal de apoio non vinculado estatutaria ou contratualmente cos organismos de investigación ou coas entidades solicitantes. Estes contratos son incompatibles coa percepción de calquera outra remuneración. O dito persoal incorporarase baixo calquera modalidade de contratación temporal acorde coa normativa laboral vixente e coa da entidade solicitante, e sen que iso implique compromiso algún en canto á súa posterior incorporación ao organismo ou entidade.

b) Custo de execución. Serán subvencionables os gastos debidamente xustificados encadrados nas seguintes categorías:

– Material inventariable: adquisición de equipamentos e instrumental precisos para a realización do proxecto, na medida en que se dediquen ao proxecto en cuestión, e que estean debidamente xustificados. Admitiranse os alugamentos de equipamentos só en casos específicos e debidamente razoados. Non se admitirán custos de utilización nin amortizacións.

– Adecuación ou mellora de infraestruturas e equipamento.

– Servizos tecnolóxicos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto, debidamente xustificados. Entenderase por servizos tecnolóxicos aquelas actividades, diferentes á acción de cooperación proposta que deban ser puntualmente prestadas por outra entidade para que o proxecto poida ser desenvolvido, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias e consultorías externas. Se a actividade que se vai realizar é desenvolvida por un dos axentes cooperantes deberá ser considerada como colaboración externa, e non como servizo tecnolóxico externo. Non se admitirán servizos tecnolóxicos externos realizados por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial que a solicitante.

– Material funxible: adquisición de materiais funxibles ou compoñentes precisos para a execución do proxecto, debidamente xustificados.

– Viaxes e axudas de custo relacionadas coa execución do proxecto, debidamente xustificados, nas contías establecidas pola normativa vixente que regula as indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (Decreto 144/2001, do 7 de xuño, e Resolución do 29 de decembro de 2005, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou normativa que a substitúa).

II. Colaboracións externas cos axentes cooperantes indicados no número 2 do artigo 2 desta orde, segundo o orzamento aprobado na correspondente resolución para cada subproxecto. O custo da colaboración poderá incluír calquera dos conceptos sinalados nos puntos anteriores e, no caso de colaboracións con centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos, o custo da colaboración poderá incrementarse ata un 10% en concepto de gastos indirectos. Estes gastos indirectos dos centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos só resultarían admisibles se responden a custos reais imputables á realización do proxecto e contan co debido soporte documental (facturas de documentos contables de valor probatorio equivalente e xustificantes do pagamento), e deben vir acompañados dun informe técnico motivado que explique o método de imputación dos ditos custos. A documentación acreditativa do gasto e pagamento será igualmente exixible aos gastos de persoal, respecto dos cales, ademais da certificación e dos partes de traballo, deberá xuntarse ao expediente a documentación correspondente (nóminas, xustificante de pagamento das retribucións, dos gastos da Seguridade Social, da retención do IRPF, etc.).

Non se admitirán colaboracións externas realizadas por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial que a solicitante.

3. Non será subvencionable ningún gasto correspondente a actuacións ou actividades anteriores á data de publicación da orde no DOG.

4. O IVE só será subvencionable no caso de que sexa real e definitivamente soportado polo beneficiario e, por tanto, non recuperable, agás no caso de que o beneficiario sexa un organismo de dereito público, xa que neste caso non será subvencionable a través da axuda Feader.

Artigo 9. Requisitos dos solicitantes.

As entidades solicitantes na acción de cooperación deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

3. Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

4. Non ter contraída débeda coa Xunta de Galicia.

5. Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou outros entes públicos.

6. Non incorrer en ningunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario que aínda non teñan acadada personalidade xurídica de seu, por non ter adaptados os seus regulamentos ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, poderán solicitar as axudas reguladas por medio esta orde sempre que cumpran co recollido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Presentación das solicitudes.

1. As solicitudes estarán dirixidas ao conselleiro do Medio Rural e serán presentadas pola entidade solicitante, que debe cumprir o disposto no número 1 do artigo 2 e no artigo 9 desta orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

2. Poderán ser presentadas nas dependencias da Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, sitas na rúa Camiño Francés 10, planta semisoto, 15703 Santiago de Compostela, ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderán presentarse en sede electrónica no seguinte enderezo:

http://sede.xunta.es

3. A solicitude será subscrita polo representante legal da entidade e deberá conter a seguinte información:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

b) Solicitude da axuda cos datos de identificación do proxecto e das entidades participantes (anexo I desta orde).

c) Declaración en que se fagan constar as axudas obtidas pola entidade solicitante, as que estean en fase de solicitude e as que se teña previsto solicitar de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, en relación co proxecto e en particular para garantir que non existe dobre financiamento para as operacións incluídas nos réximes de axudas enumerados no anexo I do Regulamento (CE) n.º 1974/2006 (anexo IV desta orde).

d) No caso de solicitar axuda para a realización de proxectos relativos a operacións non reguladas polo artigo 36 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo I do dito Tratado (ver anexo II desta orde) deberase presentar unha declaración sobre as axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais por parte da entidade solicitante (anexo V desta orde).

e) Unha copia compulsada do NIF da entidade solicitante ou do empresario individual.

f) Declaración do responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da condición de beneficiario de subvencións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Memoria científico-técnica única para todas as actividades dos axentes participantes na acción de cooperación (anexo III desta orde), en que conste:

– Relación do persoal participante no proxecto, coas sinaturas dos participantes.

– Un resumo do proxecto.

– Unha introdución en que se presente o estado de arte e a xustificación da execución da acción e o proxecto que se propón.

– Obxectivos do proxecto.

– Metodoloxía usada no proxecto.

– Plan de traballo e cronograma que se desenvolverá no tempo de execución do proxecto, en que se inclúa as actividades que realizará cada unha das partes que colaboran e o seu desenvolvemento temporal.

– Referencias bibliográficas utilizadas na redacción do proxecto.

– Beneficios que podan derivar do proxecto, dende o punto de vista da súa repercusión económica, social e tecnolóxica.

– Orzamentos do custo total do proxecto e o correspondente a cada un dos axentes que colaboran nel, especificando a contía subvencionable de cada parte, con detalle de cada unha das anualidades e dos diferentes conceptos de gasto especificados no artigo 8 desta orde. No caso de incluír no orzamento material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, por importe superior a 12.000 euros, deberán achegarse tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

h) Currículum vitae de todos os membros do centro de investigación ou centro tecnolóxico participantes na acción de cooperación.

O documento correspondente ao currículum vitae do persoal do centro público de investigación ou centro tecnolóxico poderá ser cuberto en formato normalizado da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, da Consellería de Economía e Industria ou en formato similar que conteña as epígrafes do documento normalizado.

i) Copia do contrato, convenio, acordo de colaboración ou carta de intencións asinados polos representantes legais dos participantes na acción de colaboración. No caso daqueles solicitantes que resulten beneficiarios das axudas, se o que xuntaron á solicitude foi unha carta de intencións, coa aceptación da axuda deberán remitir o contrato, convenio ou acordo de colaboración asinados polos representantes legais das partes.

k) Copia dos estatutos fundacionais da entidade solicitante, en que apareza recollido o seu obxecto social.

l) Aquelas entidades que cumpran o establecido na epígrafe 6 da alínea a) do punto 2 do artigo 11 deberán achegar unha declaración que reflicta a porcentaxe de produción adquirida a través de contratos homologados con produtores, sen prexuízo de que a Administración poida comprobar a veracidade dos datos declarados.

4. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles proceda a corrixir as deficiencias detectadas mediante a presentación da solicitude requirida. Se non o fixese, considerarase que desiste da súa solicitude, logo de resolución nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Tramitación.

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes das axudas previstas nesta orde será a Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais.

2. Para a avaliación das solicitudes presentadas teranse en conta os seguintes criterios de puntuación:

a) Axentes cooperantes e obxecto da acción (valoración máxima 70 puntos):

1.º Proxectos de cooperación que se desenvolvan en colaboración coa rede de centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos da Consellería do Medio Rural (ata 10 puntos).

2.º Proxectos en que participen consellos reguladores e cooperativas que poidan ter unha implantación extensa no sector agrario, alimentario e forestal (ata 15 puntos).

3.º Proxectos que promovan procesos de integración entre o sector produtor e empresas para a posta en mercado de produtos de calidade diferenciada (ata 20 puntos).

4.º Proxectos que promovan melloras ambientais en procesos e tecnoloxías de transformación agroalimentarias (ata 10 puntos).

5.º Proxectos correspondentes á área da produción de enerxías renovables de orixe agroforestal (ata 5 puntos).

6.º Proxectos en que participen empresas lácteas que teñan elas directamente ou os seus subministradores contratos homologados con produtores que amparen a maioría (máis do 50%) da produción adquirida (ata 10 puntos).

b) Calidade técnica da proposta (valoración máxima 70 puntos):

1.º Viabilidade do proxecto (ata 10 puntos).

2.º Grao de innovación tecnolóxica (ata 10 puntos).

3.º Claridade e coherencia dos obxectivos propostos (ata 10 puntos).

4.º Utilización dunha metodoloxía axeitada e un plan de traballo coherente (ata 10 puntos).

5.º Beneficios potenciais derivados do proxecto (ata 10 puntos).

6.º Adecuación do equipo investigador participante (ata a 10 puntos).

7.º Adecuación do orzamento solicitado ás actividades que se vaian desenvolver e valor engadido que se pretende (ata 10 puntos).

c) Impacto previsto da acción de cooperación (valoración máxima 60 puntos):

1.º Aplicabilidade dos resultados (ata 10 puntos).

2.º Conservación e mellora do medio natural (ata 10 puntos).

3.º Revalorización dos produtos agroforestais (ata 10 puntos).

4.º Redución do consumo e da dependencia enerxética (ata 10 puntos).

5.º Redución dos custos de produción (ata 10 puntos).

6.º Implicación de produtores primarios e de pequenas e medianas empresas (ata 10 puntos).

d) Emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as cales se solicita a axuda (5 puntos).

e) Solicitude presentada correctamente, sen que sexa necesaria a súa rectificación (5 puntos).

A puntuación total (P) de cada unha das solicitudes presentadas calcularase con base na seguinte fórmula:

P=(b*ka*kc)+d+e

Onde:

b: puntuación da calidade técnica do proxecto segundo a alínea b).

ka: coeficiente de ponderación calculado segundo ka=(100+a)/100, onde «a» é a puntuación obtida na alínea a).

kc: coeficiente de ponderación calculado segundo kc=(100+c)/100, onde «c» é a puntuación obtida na alínea c).

d: puntuación correspondente á alínea d).

e: puntuación correspondente á alínea e).

3. A avaliación das solicitudes e determinación da contía da axuda será realizada por unha comisión. Para avaliar as solicitudes a comisión aplicará os criterios anteriormente expostos no punto 2 deste artigo. Para determinar a contía da axuda a cada beneficiario, a comisión aplicará unhas reducións sobre o orzamento solicitado, que se obterán en función dos condicionantes expostos no punto 1 do artigo 4 desta orde. A dita comisión actuará como un órgano colexiado constituído polos seguintes membros:

a) Presidenta: a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, ou a persoa en quen delegue.

b) Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, nomeado pola directora xeral, que actuará con voz e voto.

c) Vogais: tres funcionarios nomeados, respectivamente, polos directores xerais de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, de Produción Agropecuaria e de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural.

Serán excluídas as solicitudes que na valoración técnica non acaden unha puntuación mínima de 35 puntos. A comisión de avaliación poderá solicitar a colaboración de avaliadores externos, de recoñecida experiencia nas áreas correspondentes ás propostas presentadas, co fin de emitir informe sobre os respectivos proxectos solicitados.

Artigo 12. Resolución e notificacións.

1. A resolución de concesión das axudas corresponderalle ao conselleiro do Medio Rural por proposta da directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, logo da avaliación das solicitudes pola comisión. A proposta de resolución conterá unha relación priorizada dos proxectos que se propoñen para ser financiados co seu correspondente orzamento, acompañada dunha relación dos proxectos avaliados positivamente en lista de espera e a relación de proxectos que se consideran non financiables.

2. A resolución deberá ser notificada aos beneficiarios de forma individualizada, de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita notificación deberá informar os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e se enmarca dentro do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013, eixe 1, co código 124.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non mediar resolución expresa no devandito prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

4. A Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

5. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias co Ministerio de Economía e Facenda e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda.

6. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

7. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería do Medio Rural.

Artigo 13. Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da concesión por instancia do beneficiario, sempre que estea presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto de subvención e se cumpran os seguintes requisitos:

– Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

– Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

– Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro do Medio Rural logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 14. Aceptación e renuncia.

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, o interesado comunicará expresamente a súa aceptación ou renuncia á subvención transcorridos quince días naturais desde a notificación desta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao disposto no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas coa subvención, xunto cos xuros de demora calculados en función do tempo transcorrido entre a modificación do beneficiario da obriga de reembolso e o reembolso efectivo ou a dedución da cantidade que debe reembolsarse.

2. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas co fondo Feader, os beneficiarios deberán someterse aos específicos controis administrativos, sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento (CE) n.º 1975/2006.

3. Os beneficiarios deberán levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á acción de cooperación subvencionada, tal e como exixe o artigo 75.1.c).i do Regulamento (CE) n.º 1974/2006.

4. No caso de accións de cooperación nas que estean previstos investimentos cuxo custo total supere os 50.000 euros, o beneficiario deberá instalar unha placa explicativa segundo o anexo VI, modelo L.

Artigo 16. Pagamento das subvencións.

1. A entidade solicitante deberá xustificar a subvención conforme a anualidade establecida na resolución da concesión e solicitar os correspondentes pagamentos parciais da axuda, coa data límite do 31 de outubro de cada ano, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo órgano xestor, logo da petición do beneficiario. As solicitudes de pagamentos (anexo VI, modelo A) presentaranse nas dependencias da Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais (rúa do Camiño Francés, n.º 10, planta semisoto, 15703 Santiago de Compostela), antes da data límite que se indique na notificación da resolución de concesión, acompañados dos seguintes documentos:

a) Un resumo da execución da subvención en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (co IVE excluído e desagregado) e a data de cada un dos xustificantes agrupados por entidade participante e por conceptos de gastos (anexo VI, modelo B).

b) Documentación acreditativa de realización de investimento ou gasto, que consistirá nun orixinal e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes de pagamento mediante transferencia bancaria. As facturas orixinais marcaranse cun selo indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

Considérase admisible o pagamento en metálico nos seguintes supostos e condicións:

– Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 euros; neste caso, o pagamento xustificarase mediante certificación expresa, asinada, datada e cuñada polo provedor, na cal se faga constar a recepción do importe facturado e o medio de pagamento empregado, así como o compromiso do provedor de someterse ás actuacións de control e comprobación na súa contabilidade da realidade do pagamento. Esta certificación acompañará a factura preceptiva.

– Para gastos de escasa contía que non superen os 300 euros, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo provedor na que figure a expresión «recibín en metálico».

– As excepcións recollidas nos puntos anteriores non serán aplicables aos pagamentos efectuados directamente pola Administración a provedores, que deberán xustificarse mediante a presentación dalgún dos documentos indicados na alínea b).

c) De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de adquisición de material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, por importe superior a 12.000 euros, deberán achegarse:

– Tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

– Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

d) No caso de custos de persoal, tanto técnico propio como adicional contratado, con destino específico ao proxecto, deberá achegarse:

– Certificación emitida polo responsable de persoal co visto e prace do xerente ou director da empresa, consistente en: unha relación detallada por meses do persoal dedicado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome e apelidos, posto na empresa, retribución bruta mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á empresa e custo proporcional imputado ao proxecto (retribucións + Seguridade Social) segundo a dedicación de cada traballador (anexo VI, modelo C); os certificados dos partes de traballo nos que se relacionen as horas dedicadas por cada traballador mensualmente ao proxecto (anexo VI, modelo D).

– Copia compulsada do contrato de traballo no caso de persoal adicional contratado, con destino específico ao proxecto.

e) No caso de viaxes e axudas de custo relacionadas coa execución do proxecto deberá achegarse unha certificación das viaxes realizadas, xunto coa documentación acreditativa da realización do gasto (anexo VI, modelo E).

f) Certificación expedida pola entidade bancaria en que se sinale o número de conta do beneficiario onde se deba realizar o pagamento.

g) No caso de proxectos plurianuais con importe superior a 18.000 euros, constituirase unha garantía mediante seguro de caución prestado pola entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria (anexo VI, modelo F).

A garantía deberá cubrir o 110% do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria. Para o pagamento final da última anualidade non é necesaria a presentación da dita garantía.

Poderá exonerarse os beneficiarios da constitución de garantía, logo da autorización do Consello da Xunta de Galicia.

h) No caso de proxectos plurianuais presentarase anualmente un informe parcial de resultados, en formato normalizado, no cal se reflectirán os datos do nivel de execución do proxecto (anexo VI, modelo G).

i) No caso de proxectos dunha única anualidade ou cando se trate da última anualidade dun proxecto plurianual achegarase, ademais dun informe final de resultados en formato normalizado (anexo VI, modelo H), unha memoria en formato libre na cal se detallará o desenvolvemento científico-técnico do proxecto, así como os resultados obtidos.

No caso dos centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos será suficiente para xustificar o gasto a emisión dunha única factura onde se reflictan os diferentes conceptos de gasto, debidamente conformada polo responsble da xestión económica e do persoal do centro. Todo isto sen prexuízo da obriga de dispoñer dos correspondentes xustificantes orixinais de execución do gasto de acordo co especificado nas alíneas a) á e) deste artigo no momento de emisión da factura, para os efectos de calquera comprobación ou auditoría.

Todos os datos incluídos nos dous documentos anteriores, agás cando explicitamente se indique, formarán parte dunha base de datos, serán confidenciais e non se poderá facer uso deles salvo autorización expresa dos seus propietarios.

2. Segundo o recollido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste capítulo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan.

Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada polo beneficiario, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección, de acordo co artigo 46.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

4. Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución (anexo VI, modelo I). Así mesmo, cando a axuda fose concedida para a realización de proxectos relativos a operacións non reguladas polo artigo 36 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo I do dito Tratado, deberase presentar unha declaración complementaria sobre as axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais pola entidade beneficiaria (anexo VI, modelo L).

5. Segundo o recollido nos artigos 31.5, 33.2 e 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos coa aceptación da axuda, a cantidade desta que finalmente teña que percibir o beneficiario ou, se é o caso, o importe que vai reintegrar, virá determinada pola aplicación de criterios de graduación que deberán responder ao principio de proporcionalidade.

Artigo 17. Control.

1. A Consellería do Medio Rural poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. Ademais do seguimento baseado nos informes anuais e final recibidos, a Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais poderá facer un seguimento técnico do proxecto mediante a presenza in situ de persoal técnico nomeado para este fin. O seguimento poderá avaliar o grao de cumprimento das accións propostas, así como o plan de traballo previsto en cada etapa do proxecto e os datos e resultados derivados do proxecto.

2. A entidade beneficiaria someterase aos procedementos de comprobación e control financeiro das accións de cooperación subvencionadas por parte da Consellería do Medio Rural, do órgano pagador do Feader, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do Consello de Contas, do Tribunal de Contas e das instancias comunitarias de control.

3. Seralles de aplicación ás axudas previstas nesta orde o referido ao réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento (UE) n.º 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) n.º 1698/2005 do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de desenvolvemento rural.

Os pagamentos das axudas calcularanse con base no que se considere subvencionable durante os controis administrativos.

O organismo competente examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes subvencionables de acordo co seguinte:

a) O importe que pode concederse ao beneficiario en función exclusivamente da solicitude de pagamento.

b) O importe que pode concederse ao beneficiario tras os controis da solicitude de pagamento.

Se o importe establecido en virtude da letra a) supera o importe establecido en virtude da letra b) en máis dun 3%, aplicarase unha redución ao importe establecido en virtude da letra b). O importe da redución será igual á diferenza entre os dous importes citados.

Non obstante, non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe non subvencionable.

Artigo 18. Recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto expreso; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde ou dos obxectivos da actividade subvencionada, a non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención, a obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen, o incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado ou de calquera outra Administración pública, así como as demais circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, constituirán causas determinantes de reintegro da subvención polo beneficiario, xunto cos xuros de demora.

2. Aos beneficiarios das subvencións seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previstas na citada Lei 9/2007.

Artigo 20. Lexislación de aplicación.

En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2997, de subvencións de Galicia, no Regulamento (CE) n.º 1698/2005, do Feader, e nos regulamentos (CE) 1975/2006, (UE) 65/2011, (CE) 1974/2006 e (UE) 679/2011.

Disposición adicional primeira. Marco programático da orde.

As axudas reguladas nesta orde forman parte do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 20072013, aprobado mediante Decisión da Comisión C (2008) n.º 703, do 15 de febreiro de 2008, polo que a presente convocatoria e as súas bases deben axustarse ao contido do programa, así como ao Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Disposición adicional segunda. Formularios.

Xúntanse a esta orde os formularios dos anexos I, II, III, IV e V (necesarios para solicitar a axuda). Os ditos formularios, xunto co anexo VI (cuxos modelos son os que empregarán as entidades beneficiarias á hora de solicitar o pagamento e xustificar a axuda), poderán baixarse da páxina web http://mediorural.xunta.es/axudas

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas as ordes do 25 de febreiro de 2009 (DOG n.º 43, do 3 de marzo) e do 16 de xuño de 2010 (DOG n.º 117, do 22 de xuño).

Disposicion derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento.

Autorízase a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

missing image file

ANEXO II

LISTA prevista no artigo 32 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea (anexo I do Tratado)

1

2

Partidas da nomenclatura de Bruxelas

Denominación dos produtos

CAPÍTULO 1

Animais vivos

CAPÍTULO 2

Carnes e refugallos comestibles

CAPÍTULO 3

Peixes, crustáceos e moluscos

CAPÍTULO 4

Leite e produtos lácteos; ovos de ave; mel natural

CAPÍTULO 5

05.04

Tripas, vexigas e estómagos de animais (distintos dos de peixe), enteiros ou en anacos

05.15

Produtos de orixe animal non expresados nin comprendidos noutras partidas; animais mortos dos capítulos 1 ou 3, impropios para o consumo humano

CAPÍTULO 6

Plantas vivas e produtos da floricultura

CAPÍTULO 7

Legumes, plantas, raíces e tubérculos alimenticios

CAPÍTULO 8

Froitos comestibles; codias de agrios e de melóns

CAPÍTULO 9

Café, té e especias, con exclusión da herba mate (partida 09.03)

CAPÍTULO 10

Cereais

CAPÍTULO 11

Produtos da moenda; malta; amidóns e féculas; glute; inulina

CAPÍTULO 12

Sementes e froitos oleaxinosos; sementes, sementes e froitos diversos; plantas industriais e medicinais; pallas e forraxes

CAPÍTULO 13

ex 13.03

Pectina

CAPÍTULO 15

15.01

Manteiga, outras graxas de porco e graxas de aves de curral, prensadas ou

fundidas

15.02

Sebos (das especies bovina, ovina e caprina) en bruto ou fundidos, incluídos os sebos chamados «primeiros zumes»

15.03

Estearina solar; oleoestearina; aceite de manteiga de porco e oleomargarina non emulsionada, sen mestura nin preparación ningunha

15.04

Graxas e aceites de peixe e de mamíferos mariños, incluso refinados

15.07

Aceites vexetais fixos, fluídos ou concretos, brutos, purificados ou refinados

15.12

Graxas e aceites animais ou vexetais hidroxenados, incluso refinados, pero sen preparación ulterior

15.13

Margarina, sucedáneos da manteiga de porco e outras graxas alimenticias preparadas

15.17

Residuos procedentes do tratamento dos corpos graxos ou das ceras animais ou vexetais

CAPÍTULO 16

Preparados de carnes, de peixes, de crustáceos e de moluscos

CAPÍTULO 17

17.01

Azucres de remolacha e de cana, en estado sólido

17.02

Outros azucres; xaropes; sucedáneos do mel, incluso mesturados con mel natural; azucres e melazas caramelizadas

17.03

Melazas, incluso descoloradas

17.05 (*)

Azucres, xaropes e melazas aromatizados ou con adición de colorantes (incluídos o azucre con vainilla ou vainillina), con excepción dos zumes de froitas con adición de azucre en calquera porcentaxe

(*) Partida engadida polo artigo 1 do Regulamento n.º 7 bis do Consello da Comunidade Económica Europea, do 18 de decembro de 1959 (DO n.º 7, do 30.1.1961, p. 71).

CAPÍTULO 18

18.01

Cacao en gran, enteiro ou partido, cru ou tostado

18.02

Casca, cascarilla, películas e residuos de cacao

CAPÍTULO 20

Preparados de legumes, de hortalizas, de froitas e doutras plantas ou partes de plantas

CAPÍTULO 22

22.04

Mosto de uva parcialmente fermentado, incluso «apagado» sen utilización de alcol

22.05

Viños de uva; mosto de uva «apagado» con alcol (incluídas as mistelas)

22.07

Sidra, perada, hidromel e outras bebidas fermentadas

ex 22.08 (*)

ex 22.09 (*)

Alcol etílico desnaturalizado ou sen desnaturalizar, de calquera gradación, obtido cos produtos agrícolas que se enumeran no anexo I do Tratado, con exclusión dos augardentes, licores e demais bebidas espirituosas; preparados alcohólicos compostos (chamados «extractos concentrados») para a fabricación de bebidas

(*) Partida engadida polo artigo 1 do Regulamento n.º 7 bis do Consello da Comunidade Económica Europea, do 18 de decembro de 1959 (DO n.º 7, do 30.1.1961, p. 71).

22.10 (*)

Vinagre e os seus sucedáneos comestibles

(*) Partida engadida polo artigo 1 do Regulamento n.º 7 bis do Consello da Comunidade Económica Europea, do 18 de decembro de 1959 (DO n.º 7, do 30.1.1961, p. 71).

CAPÍTULO 23

Residuos e desperdicios das industrias alimenticias; alimentos preparados para animais

CAPÍTULO 24

24.01

Tabaco en rama ou sen elaborar; desperdicios de tabaco

CAPÍTULO 45

45.01

Cortiza natural en bruto e desperdicios de cortiza; cortiza triturada, granulada ou pulverizada

CAPÍTULO 54

54.01

Liño en bruto (planta de liño), enriado, espadado, rastrillado (peiteado) ou traballado doutra forma, pero sen fiar; estopas e desperdicios de liño (incluídas as fías)

CAPÍTULO 57

57.01

Cáñabo (Cannabis sativa) en rama, enriado, espadado, rastrillado (peiteado) ou traballado doutra forma, pero sen fiar; estopas e desperdicios de cáñabo (incluídas as fías)

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file