Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 4 de xaneiro de 2012 Páx. 554

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 27 de decembro de 2011 pola que se modifica a Orde do 21 de decembro de 2009, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á utilización de servizos de asesoramento por persoas titulares de explotacións agrarias cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.

A Consellería do Medio Rural publicou o 29 de decembro de 2009 a Orde do 21 de decembro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á utilización dos servizos de asesoramento por persoas titulares de explotacións agrarias, e se convocaban estas axudas para o ano 2010 (DOG n.º 252, do 29 de decembro de 2009).

Estas axudas convocáronse amparadas no disposto no Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013 (PDR), e estes servizos deberán seguir sendo prestados polas entidades de asesoramento durante todo o período comprendido en 2007-2013, de acordo co indicado no devandito PDR. Dada a experiencia na tramitación destas axudas nas convocatorias anteriores, así como na modificación da ficha desta medida no PDR de Galicia 2007-2013, cómpre modificar as vixentes bases reguladoras.

Ademais, ante a proximidade do inicio do exercicio orzamentario 2012, procede realizar a convocatoria correspondente a ese ano.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

A presente orde ten por obxecto modificar as bases reguladoras das axudas á utilización de servizos de asesoramento por persoas titulares de explotacións agrarias publicadas o 29 de decembro de 2009 mediante a Orde do 21 de decembro, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á utilización de servizos de asesoramento por persoas titulares de explotacións, e convocalas para o ano 2012, segundo o disposto nos artigos 20, letra a), inciso iv) e 24 do Regulamento (CE) n.º 1698/2005, do Feader, e no artigo 15 e anexo II punto 5.3.1.1.4 do Regulamento 1974/2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior regulamento, e nos cales se prevén axudas destinadas a agricultores para facer fronte aos custos de utilización de servizos de asesoramento destinados a mellorar o rendemento global da explotación.

Sección 1.ª Modificación das bases reguladoras para a concesión das axudas
pola utilización de servizos de asesoramento por persoas titulares
de explotacións agrarias

Artigo 2. Modificación das bases reguladoras.

Introdúcense as seguintes modificacións nas bases reguladoras das axudas á utilización dos servizos de asesoramento por persoas titulares de explotacións agrarias (DOG n.º 252, do 29 de decembro de 2009):

Primeira. Modificación do punto 8 do artigo 3.

O punto 8 do artigo 3 (Axudas ás persoas titulares de explotacións demandantes de asesoramento) queda redactado como segue:

«8. Para os efectos do cálculo da axuda, non serán admisibles orzamentos cun custo elixible inferior a 250 euros. Os custos unitarios máximos que se aplicarán ás actuacións elixibles son os que se recollen no anexo VII».

Segunda. Modificación do primeiro parágrafo do artigo 4.

1. O primeiro parágrafo do artigo 4 (Solicitude) queda redactado como segue:

«Os interesados en acceder ás axudas previstas nesta orde deberán presentar unha única solicitude, que incluirá os seguintes documentos:»

2. Na letra b) deste parágrafo onde di «CIF» debe dicir «NIF».

3. Engádese a letra g), que queda redactada como segue:

«g) Tamén coa solicitude de axuda as persoas solicitantes xuntarán unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas (anexo III)».

Terceira. Modificación do punto 2 do artigo 5.

O punto 2 do artigo 5 (Criterios de prioridade) queda redactado como segue:

«2. As axudas previstas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva, en función das dispoñibilidades orzamentarias, das porcentaxes de axuda e das solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nela, e clasifícanse en función dos seguintes criterios referidos á persoa titular e á explotación, coa seguinte puntuación máxima por criterio:

a) Persoa titular de explotación que obteña a concesión de axudas do contrato de explotación sustentable coa Consellería do Medio Rural: 8 puntos.

b) Persoa titular de explotación que solicitase asesoramento vinculado aos novos retos: 8 puntos.

c) Persoa titular de explotación cualificada como prioritaria de acordo coa Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias: 5 puntos.

d) Persoa titular de explotación que recibise a axuda á utilización dos servizos de asesoramento por persoas titulares de explotacións agrarias nos anos 2008 e 2010: 1 punto.

e) Persoa titular de explotación beneficiaria dunha axuda á modernización de explotacións agrarias (plan de mellora) nos últimos cinco anos: 2 puntos.

f) Persoa titular de explotación beneficiaria dunha axuda á incorporación de persoas mozas á actividade agraria nos últimos cinco anos: 2 puntos.

g) Persoa titular de explotación localizada en zona desfavorecida nos termos previstos nos artigos 36 a) (i) e (ii) e 37 do Regulamento (CE) n.º 1698/2005, ou en zona Natura 2000: 4 puntos.

h) Persoa titular de explotación que sexa muller. No caso de explotacións asociativas, cando polo menos o 50% das persoas socias que a integran sexan mulleres: 4 puntos.

i) Persoa titular de explotación que sexa agricultor/a mozo ou moza. No caso de explotacións asociativas, cando polo menos o 50% das persoas socias que a integran o sexan: 4 puntos.

j) Persoa titular de explotación de carácter asociativo ou cooperativo: 2 puntos.

k) Persoa titular de explotación que participe en programas de calidade dos alimentos ou explotación ecolóxica: 3 puntos.

Cuarta. Modificación do punto 4 do artigo 6.

O punto 4 do artigo 6 (tramitación e resolución) queda redactado como segue:

«4. Na resolución de concesión indicarase o importe da axuda, as condicións para a súa execución e o prazo máximo de xustificación, que non excederá o 30 de decembro de cada ano. Así mesmo, indicarase nesa resolución que a operación se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, do eixe 1».

Quinta. Modificación do artigo 7.

O artigo 7 (xustificación dos gastos e pagamento das axudas) queda redactado como segue:

«1. Só serán auxiliables os servizos que se realicen desde o remate do servizo de asesoramento da convocatoria de 2010, sempre e cando se dite resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos servizos. Para estes efectos, terase en conta o punto 16 do artigo 3 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), polo cal poden ser considerados como subvencionables os honorarios técnicos anteriores á data de solicitude de axuda, sempre e cando así se estableza nas correspondentes bases reguladoras.

2. Unha vez realizados os servizos e cumpridos, de ser o caso, os compromisos adquiridos, a persoa beneficiaria deberá comunicalo, por escrito, nunha solicitude de pagamento (anexo IV), preferentemente nos rexistros das oficinas agrarias comarcais, con anterioridade ao prazo máximo establecido na resolución aprobatoria da axuda, presentando tamén a documentación e os xustificantes dos servizos de asesoramento recibido, de acordo cos puntos 3, 4 e 5 deste artigo. O beneficiario deberá dispor dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable axeitado, no cal deben estar incluídos os gastos declarados para a presente axuda.

Os xustificantes dos gastos auxiliables da solicitude de pagamento consistirán de forma xeral nas facturas orixinais acreditativas do servizo, que deberán cumprir as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro) e serán dilixenciados pola Administración, co texto «cofinanciado con fondos comunitarios».

3. Estes xustificantes virán acompañados do documento que verifique o pagamento efectivo delas co xustificante bancario do pagamento debidamente selado pola entidade, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo ou unha certificación bancaria. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto) na cal conste que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria, dentro do prazo para a xustificación da axuda.

4. Os gastos auxiliables non poderán ter, en ningún caso, relación directa ou indirecta coa venda de produtos ou prestación de servizos alleos ao propio servizo de asesoramento, e deberán suxeitarse ao establecido no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

5. Xunto coa anterior xustificación de gastos, nesa solicitude de pagamento achegarase tamén certificación emitida pola entidade que presta o servizo (anexo VI) na cal se especifiquen as materias e medidas obxecto de asesoramento, e que incluirán, cando menos, os ámbitos definidos no artigo 24 do Regulamento (CE) n.º 1698/2005, do Feader, así como tamén, e só no caso de seren elixibles, figurarán desagregadas as operacións de asesoramento sobre os novos retos das do resto de operacións.

6. Na solicitude de pagamento só se admitirán facturas dunha única entidade de asesoramento. Estas terán que estar emitidas con anterioridade á realización do pagamento, e en todo caso, emitidas e pagadas dentro do prazo de realización do servizo de asesoramento.

Sexta. Cambio do enunciado e modificación do artigo 8.

1. O enunciado do artigo 8 (Compromisos das entidades de asesoramento) modifícase pasándose a chamar «Compromisos dos beneficiarios das axudas e das entidades de asesoramento».

2. O artigo 8 queda redactado como segue:

«1. Para aqueles casos en que poidan xurdir modificacións na relación entre o solicitante e a entidade de asesoramento, os beneficiarios das axudas poderán cambiar a entidade de asesoramento, cambio que se deberá realizar sempre con anterioridade ao comezo do servizo de asesoramento pola entidade que elaborou o orzamento aprobado, e como límite máximo a data de aprobación da axuda. Estes cambios deberán ser comunicados por escrito indicando os motivos por que se solicita o dito cambio e achegando os orzamentos da nova entidade. Os ditos cambios, para seren efectivos, deberán ser autorizados polo Servizo de Explotacións Agrarias.

2. Cando se produza un cambio de titularidade da explotación agraria no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, e sempre que na solicitude de cambio de titularidade se produza a subrogación dos compromisos adquiridos na concesión da axuda, a Administración procederá a resolver a dita subrogación. Desde o momento en que se produza o dito cambio de titularidade, os documentos xustificativos da realización da axuda estarán a nome do novo titular da explotación.

3. A persoa titular da explotación agraria deberá comunicar a súa renuncia á solicitude da axuda, sempre con anterioridade á resolución de concesión da axuda».

Sétima. Modificación do artigo 9.

O punto 2 do artigo 9 (Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas) queda redactado como segue:

«2. De acordo co que se establece na letra g) do artigo 4, as persoas solicitantes das axudas previstas nesta orde xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas (anexo III)».

Oitava. Modificación do artigo 10.

Engádese o seguinte texto ao artigo 10 (Obriga de facilitar información).

«Por outra banda tamén o beneficiario deberá dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, no cal deben estar incluídos os gastos declarados para a presente axuda».

Novena. Modificación do punto 1 do artigo 12.

O punto 1 do artigo 12 (Reintegro das axudas) queda redactado como segue:

«1. De acordo co Regulamento (UE) n.º 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011 (DOUE L 25/8 do 28 de xaneiro), procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta as excepcións contidas. Os xuros calcularanse en función do tempo que medie entre a notificación da resolución do procedemento de reintegro ao produtor e o seu reembolso efectivo polo obrigado. Estes intereses soamente se cobrarán cando o beneficiario non realizase o pagamento do reintegro no prazo voluntario».

Sección 2.ª Convocatoria 2012

Artigo 3. Convocatoria.

1. Convócanse para o exercicio orzamentario 2012 as axudas regulamentadas por esta orde e polas modificacións da sección 1.

2. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as establecidas con carácter xeral na Orde do 21 de decembro de 2009, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á utilización dos servizos de asesoramento por persoas titulares de explotacións agrarias (DOG nº 252, do 29 de decembro de 2009), e nas modificacións da sección 1.

Artigo 4. Prazo e lugar de presentación das solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. A presentación da solicitude de axuda realizarase segundo o previsto no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e, preferentemente, nos rexistros das oficinas agrarias comarcais, utilizando os impresos normalizados incluídos como anexo I, que estarán á disposición dos interesados nas mencionadas oficinas. Coa solicitude de axuda achegarase a documentación complementaria establecida no anexo II desta orde. Así mesmo, tamén se poderá presentar a solicitude electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: http://www.xunta.es/sede-electronica».

Artigo 5. Financiamento das axudas.

1. O financiamento das axudas recollidas nesta orde efectuarase con cargo á Aplicación 13.02.712B.772.4, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, na cal existe crédito adecuado para o ano 2012, de 1.500.000 euros (un millón cincocentos mil euros), e para o ano 2013, de 1.500.000 euros (un millón cincocentos mil euros).

2. A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma, de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Esta orde tramítase conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2012, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia.

4. O cofinanciamento do Feader nestas axudas acadará unha porcentaxe do 57,56% do gasto executado.

Disposición adicional primeira. Publicidade das axudas.

De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e para a súa publicación na citada páxina web, así como tamén se procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición adicional segunda.

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no establecido no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013, no Regulamento (CE) n.º 1698/2005, do 25 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader e regulamentos que o desenvolven, así como tamén no Real decreto 1852/2009, de 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file