Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 29 de decembro de 2011 Páx. 38722

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 235/2011, do 2 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de obras de remate da rede de saneamento en Brandiz e A Cruz (Conforto) do concello da Pontenova.

O Concello da Pontenova, en sesión celebrada o día cinco de maio de dous mil once, aprobou o proxecto de obras de remate da rede de saneamento en Brandiz e A Cruz (Conforto) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na comisión de secretarios xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello e o informe do técnico, os veciños do núcleo de Conforto carecen do servizo de sanemamento público en todas as zonas debido á dispersión da poboción. Tal é o caso das zonas coñecidas como Brandiz e A Cruz, nas cales se atopan instaladas vivendas unifamiliares sen o devandito servizo.

En datas recentes realizouse un tramo deste saneamento cunha lonxitude de 830 metros lineais. É por iso polo que se redacta o proxecto obxecto da expropiación para completar o dito tramo e o remate da rede de saneamento.

A urxencia vén motivada por tratarse dun servizo mínimo e obrigatorio que o municipio da Pontenova debe prestar aos cidadáns segundo o teor do establecido no artigo 81.a) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2.º e 28.2.º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de obras de remate da rede de saneamento en Brandiz e a Cruz (Conforto) do concello da Pontenova, debendo, se for o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza