Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Mércores, 28 de decembro de 2011 Páx. 38600

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 12 de decembro de 2011 pola que se convocan para o ano 2012, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de carácter socioeconómico cofinanciadas co FEP, tramitada como anticipado de gasto.

Mediante a Orde do 6 de maio de 2010 (DOG n.º 94, do 20 de maio) establecéronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de carácter socioeconómico cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca, en virtude do Regulamento (CE) n.º 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP).

A devandita orde estable no artigo 3 que o crédito anual existente fixarase en cada orde de convocatoria.

Por outra banda, o artigo 1.1.1. da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG n.º 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG n.º 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG n.º 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos del artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Ademais, o artigo 3.3.3. estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Con base no anterior, procede convocar para o ano 2012 as axudas de carácter socioeconómico fixando o crédito orzamentario así coma os criterios de selección a aplicar.

Artigo 1. Obxecto.

Convócanse para o exercicio 2012 axudas de carácter socioeconómico que se rexerán polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido na Orde do 6 de maio de 2010 (DOG n.º 94, do 20 de maio).

Artigo 2. Crédito orzamentario.

1. Para o ano 2012 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.780.0 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para ese ano, con un importe de 1.000.000 € . A concesión da subvención queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente.

2. O importes fixados no punto anterior deste artigo poderase ampliar con fondos incorporados e remanentes adicionais, podendo dar lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

3. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEP nun 61% e do Estado membro nun 39%.

Artigo 3. Prazo de presentación de solicitudes.

1. Para esta convocatoria de 2012 o prazo de presentación de solicitudes será ata o 31 de xaneiro de 2012 (salvo para a prima non renovable), sempre que houbese como mínimo un mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. No caso contrario o prazo será dun mes contado dende o día seguinte ao da publicación desta orde no devandito diario oficial. Neste último caso, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

2. Para as axudas de prima non renovable, para esta convocatoria de 2012, o prazo de presentación de solicitudes será ata o 2 de maio de 2012.

3. A solicitude e a documentación indicada no artigo 12 punto 2 da Orde reguladora destas axudas (Orde do 6 de maio de 2010), presentarase no Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común. Así mesmo, tamén se poderá presentar na sede electrónica https://sede.xunta.es.

Disposición transitoria.

Para esta convocatoria do ano 2012, aqueles solicitantes da axuda por xubilación anticipada que tivesen concedida a axuda nas convocatorias do ano 2010 e 2011 e renunciasen, non aceptasen ou se declarasen decaídos no seu dereito de cobramento, quedarán inadmitidos na presente convocatoria.

Disposición derradeira.

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2011.

Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file