Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Mércores, 28 de decembro de 2011 Páx. 38609

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 12 de decembro 2011 pola que se convocan para o ano 2012 axudas a investimentos a bordo dos buques pesqueiros para mellorar o rendemento enerxético, en réxime de concorrencia competitiva e tramitada como anticipado de gasto, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca.

Mediante a Orde do 31 de maio de 2010 (DOG n.º 105, do 4 de xuño) establecéronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos a bordo de buques pesqueiros e selectividade, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca, en virtude do Regulamento (CE) n.º 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP).

O mesmo que se realizou no ano 2011, a realización dunha convocatoria específica para o rendemento enerxético ten a finalidade de estimular entre o sector este tipo de investimentos, que especialmente nalgúns segmentos da frota constitúen a porcentaxe máis elevada dos seus custos de explotación.

Ademais, o artigo 1.1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG n.º 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG n.º 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG n.º 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

O artigo 3.3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Procede, polo tanto, publicar mediante esta orde, a convocatoria para o ano 2012 de investimentos a bordo que melloren o rendemento enerxético.

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.1.º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso da competencia que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria de axudas.

Convócanse para o exercicio 2012 axudas a investimentos a bordo dos buques pesqueiros, que teñan a finalidade de mellorar o rendemento enerxético do buque pesqueiro segundo o establecido no artigo 2 desta orde que se rexerán polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido na Orde do 31 de maio de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras destas axudas (DOG núm. 105, do 4 de xuño de 2010).

Artigo 2. Definicións.

Para efectos desta orde, enténdese por mellora do rendemento enerxético todos aqueles investimentos que intenten optimizar a xeración de enerxía en relación coa demanda desta no buque, o aproveitamento da enerxía residual, así como aqueles investimentos que reduzan o consumo de combustible no buque.

Artigo 3. Crédito orzamentario.

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.723A.770.3 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para este ano, cun importe de 5.000.000 €. A concesión da subvención queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente.

2. Os importes fixados no punto anterior deste artigo poderanse ampliar con fondos incorporados e remanentes adicionais, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

3. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEP nun 61% e do Estado membro nun 39%.

Artigo 4. Investimentos subvencionables.

1. Serán subvencionables os investimentos que acaden unha mellora do rendemento enerxético, segundo a definición establecida no artigo 2 desta orde.

2. Non serán subvencionables os investimentos que se refiran a estudos sobre a mellora do rendemento enerxético do buque ou auditorías enerxéticas, así como aqueles investimentos que impliquen a renovación total ou parcial do casco. Non obstante o anterior, si serán subvencionables aqueles investimentos realizados sobre o casco, que non supoñan renovación total ou parcial deste e que diminúan a resistencia ao avance do buque. Tampouco serán subvencionables as simples substitucións de motor.

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes.

1. Para esta convocatoria de 2012 o prazo de presentación de solicitudes será ata o 15 de marzo de 2012, sempre que houber como mínimo un mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. No caso contrario o prazo será dun mes contado dende o día seguinte ao da publicación desta orde no devandito diario oficial. Neste último caso, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

2. A solicitude e a documentación indicada no artigo 12 punto 2 da orde reguladora destas axudas (Orde do 31 de maio de 2010; DOG n.º 105, do 4.6.2010), presentarase nas delegacións territoriais da Xunta de Galicia ou, en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común. Así mesmo, tamén se poderá presentar na sede electrónica https://sede.xunta.es

Artigo 6. Criterio de selección.

1. Para a convocatoria do ano 2012 os criterios de selección serán os seguintes:

A) Frota de artes menores: 20 puntos.

B) Frota de cerco: 20 puntos.

C) Frota de arrastre litoral e arrastre en augas de Portugal: 30 puntos.

D) Frota do caladoiro Cantábrico Noroeste distinta das anteriores: 20 puntos.

E) Frota de altura (pesquería comunitaria): 30 puntos.

F) Frota de grande altura (pesqueira internacional): 30 puntos.

2. Ademais, nesta convocatoria, e segundo o investimento de que se trate, engadiranse os seguintes puntos:

a) Investimentos que optimicen a xeración de enerxía en relación coa demanda desta: 10 puntos.

b) Investimentos que optimicen o aproveitamento da enerxía residual: 8 puntos.

c) Investimentos que reduzan o consumo de combustible no buque: 6 puntos.

3. No caso de que o buque teña unha auditoría enerxética engadiranse 6 puntos máis. Para obter a puntuación neste epígrafe deberá presentar unha copia da auditoría enerxética.

4. Ademais, engadiranse 5 puntos por cada un dos aspectos que a continuación se indican, para o cal deberán cubrir o anexo VI co que proceda:

I. Naquelas frotas en que proceda, o buque sexa provedor habitual da marca de calidade «pescadeRías».

II. O armador ou propietario do buque teña acordos con outros armadores para a redución de custos de polo menos o buque para o cal solicita axuda.

III. O buque teña mulleres enroladas desde, polo menos, a data da presentación da solicitude.

IV. O buque teña asinado un convenio colectivo ou estea adherido a algún existente.

V. O buque pertenza a unha organización de produtores.

VI. O buque pertenza a algunha organización promotora dalgunha medida de autorregulación (norma de extensión etc...) nos últimos 3 anos.

VII. O buque teña implantado un sistema de xestión da calidade, seguridade alimentaria ou de xestión ambiental.

VIII. Polo menos nunha parte, o buque interveña na comercialización dos seus produtos pesqueiros.

IX. A empresa solicitante da axuda favoreza a inserción laboral de discapacitados ou persoas en situación de exclusión social.

A Administración poderá requirir de oficio ao interesado a documentación que considere oportuna para a verificación destes feitos.

5. No caso de empate terán preferencia o buque de menor antigüidade. De seguir o empate, terán preferencia os que presentasen antes a solicitude de axuda.

En calquera caso, terán prioridade sobre o resto da frota os barcos de artes menores.

6. Terase en conta o Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia para a inclusión dos buques nas epígrafes indicadas no punto 1 deste artigo.

Disposición transitoria primeira.

Para esta convocatoria do 2012 entenderase por folla de asento actualizada, segundo indica o artigo 12, punto 2, letra f) da orde reguladora das axudas, aquela que sexa expedida nos tres meses anteriores contados desde a data de publicación desta orde.

Disposición transitoria segunda.

Cando o buque se atope nalgún porto fóra do territorio nacional, para esta convocatoria do ano 2012 e en relación ás certificacións de non inicio e fin de obra reguladas, respectivamente, nos artigos 9 e 19 da devandita orde reguladora, a administración, por causas xustificadas, poderá determinar a necesidade de que unha/s persoa/s designada polo director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica se desprace ata onde se atope o buque para realizar a visita in situ; os gastos do devandito desprazamento serán por conta do solicitante da axuda.

Disposición transitoria terceira.

Para a realización das actas de inicio e fin de obra desta convocatoria o interesado deberá poñer os medios necesarios que faculten a devandita inspección, asumindo os gastos que deriven desta.

Disposición transitoria cuarta.

Nesta convocatoria, para a concesión da axuda deberá quedar acreditado que se acada a mellora do rendemento enerxético segundo o definido no artigo 2 que, se é o caso, se realizará mediante informe do enxeñeiro naval e oceánico, ao abeiro do convenio da Consellería do Mar co Colexio de Enxeñeiros Navais e Oceánicos.

Disposición transitoria quinta.

Unicamente para a convocatoria do ano 2012 terán validez as actas de non inicio realizadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2011, cuxas solicitudes non se puidesen presentar por estar pechado o prazo ou existir a imposibilidade de que fosen atendidas no dito exercicio económico de 2011, salvo que o solicitante renuncia á axuda.

Disposición transitoria sexta.

Aqueles solicitantes aos cales se lles conceda a axuda nesta convocatoria do ano 2012, e renuncien, non acepten ou se lles declare decaídos no seu dereito de cobramento, serán inadmitidos na seguinte convocatoria.

Disposición derradeira.

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2011.

Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file