Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Mércores, 28 de decembro de 2011 Páx. 38523

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 21 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2012.

O Decreto 332/1995, do 27 de decembro, establece para a Comunidade Autónoma de Galicia as axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios coa finalidade de que un maior número de agricultores e gandeiros poidan beneficiarse das vantaxes que supoñen os seguros como un instrumento que lles permite facer fronte ás perdas económicas que poidan ter nas súas producións como consecuencia da actuación de axentes alleos, como o clima, enfermidades e outros.

Tendo en conta a evolución da contratación de seguros agrarios nas últimas campañas, as recomendacións da Comisión Europea canto a contías máximas de subvención por tipos de seguros e coberturas e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, é necesario regular mediante esta orde determinados aspectos das axudas para fomentar a contratación de seguros agrarios durante o ano 2012.

Conforme o previsto no artigo cinco do título II da Lei 87/1978, do 28 de decembro, e o Regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 2329/1979, do 14 de setembro, a Entidade Estatal de Seguros Agrarios elaborou o Plan de Seguros Agrarios Combinados para o exercicio 2012, o contido do cal se axusta ao Acordo de bases para a elaboración dos plans de seguros agrarios combinados para o trienio 2010 – 2012, aprobado pola Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos na xuntanza de 30 de xullo de 2009, para a elaboración do cal a Consellería do Medio Rural forneceu varios traballos.

No Plan determínanse as distintas porcentaxes de subvención que lle corresponden á Administración do Estado, que achegará Enesa, nos diferentes grupos de liñas de seguro e os criterios para a súa asignación, os estudos de viabilidade e condicións de cobertura, as novas liñas de seguro ou garantías adicionais que se poden incorporar como novidades, a elaboración e revisión das normas de peritación, as datas de subscrición e prazos de elaboración de cada seguro, e demais cuestións relacionadas co Plan.

O Plan Anual de Seguros Agrarios foi aprobado para o ano 2012 polo Acordo do Consello de Ministros do 28 de outubro de 2011.

Mediante esta orde e en desenvolvemento do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, a Comunidade Autónoma de Galicia participará nas subvencións que financien as pólizas de seguro que se prevexan no plan anual estatal, co fin de fomentar a contratación de seguros agrarios.

As liñas mestras deste plan estarán destinadas ao logro dos seguintes obxectivos:

– Completar o proceso de consolidación do deseño e posta en marcha dos seguros con coberturas crecentes.

– Mobilizar o conxunto das capacidades das distintas institucións que participan no sistema de seguros agrarios para conseguir un maior grao de implantación das diferentes liñas de aseguramento que o integran.

– Continuar co proceso de incorporación ao sistema de seguros agrarios sobre danos en instalacións e en elementos produtivos nas parcelas.

Para o logro dos anteriores obxectivos o Plan de Seguros integrará un conxunto de actuacións que, nos seus elementos máis importantes, se indican deseguido:

1. Consolidación dos seguros con coberturas crecentes.

Para afianzar os importantes avances que se rexistraron na protección ao sector agrario a través da posta en marcha do modelo de cobertura denominado «seguro crecente», no exercicio 2012 traballarase especialmente en consolidar e completar os procesos de diseño e implantación. Nestas tarefas prestarase especial atención aos seguintes aspectos:

• Completarese o deseño das liñas de aseguramento crecente para as producións agrícolas e forestais, cuxa contratación se realiza no primeiro trimestre do próximo ano, correspondentes a cereixas, hortalizas ao aire libre e flor cortada, plantacións forestais e cultivos industriais.

• Unha vez completado o deseño das liñas correspondentes ás producións agrícolas, continuarase cun proceso de perfeccionamento das condicións de cobertura destas liñas comezando a partir dos seguros que inician a súa contratación o 1 de abril de 2012.

• Comezarase o proceso de deseño das condicións de cobertura de aplicación aos seguros crecentes das producións gandeiras e acuícolas cuxa posta en marcha estea prevista no 2013.

• Completarase durante o exercicio 2012 o estudo, elaboración e revisión, se for o caso, das normas específicas de peritación das producións agrícolas.

Mediante estas actuacións búscase transmitir aos agricultores e gandeiros unha clara menxase de que calquera risco natural non controlable dispón dunha cobertura adecuada no marco do sistema de seguros.

2. Incrementar o grao de implantación do seguro.

Unha vez completado o proceso de inclusión no seguro de todos os sectores produtivos e riscos naturais que afectan as explotacións, priorizaranse os esforzos para aumentar o número de explotacións aseguradas para facer efectiva a universalidade na protección aos produtores.

Para avanzar na consecución deste obxectivo, especialmente nos sectores con menores niveis de protección, e Enesa, contando coa colaboración do conxunto de institucións interesadas no seguro agrario, procederá a elaborar «plans específicos de actuación» destinados a mobilizar o conxunto de capacidades das ditas institucións e a favorecer a sinerxia dos medios dispoñibles que fagan posible a incorporación ao sistema a novos produtores. Neste senso, elaboraranse plans para os sectores de viña, hortalizas e gandaría intensiva.

3. Cobertura de danos en instalacións e elementos produtivos.

A modificación da Lei de seguros agrarios, realizada en 2010, posibilita a inclusión no sistema de seguros da cobertura dos danos ocasionados sobre as instalacións e elementos produtivos presentes nas explotacións. Neste senso traballarase en 2012 nos seguintes ámbitos:

• Entre as producións agrícolas completarase esta incorporación, en especial no que fa referencia aos sistemas de rega.

• Comezaranse os estudos que permitan incorporar esas intalacións e equipamentos nas explotacións gandeiras, coincidindo coa posta en marcha do seguro crecente nas producións pecuarias.

4. Outras actuacións que se desenvolverán.

Continuaranse os diferentes estudos sobre novas coberturas e garantías iniciados en anos anteriores, atendéndose, adicionalmente, ás seguintes tarefas:

• Procederase a simplificar os procesos de control de subvencións, de tal forma que, incrementando o grao de control e a súa eficacia, o asegurado e tomador dispoñan dun maior nivel de información no momento de formalizar a declaración de seguro e unha maior facilidade para a xustificación dos requisitos de acceso ás subvencións.

• Desenvolveranse novas ferramentas, deseñadas a partir dos datos xerados da aplicación do seguro, que faciliten información de interese para o propio sistema de seguros e para outras institucións públicas.

No ano 2012 por parte da Consellería do Medio Rural recibirán subvención as liñas de seguros indicadas no anexo, así como outras liñas e melloras de garantías que se poidan incorporar ao longo do ano unha vez realizados os estudos necesarios para a súa viabilidade e as condicións de cobertura correspondentes sempre que se incorporen as ordes dos seguros correspondentes.

En virtude do exposto, e de conformidade co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e beneficiarios.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios e convocalas para o ano 2012, para os seguros incluídos no plan de seguros agrarios combinados para o exercicio 2012, ao abeiro do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, polo que se establecen na Comunidade Autónoma galega axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios.

2. A Consellería do Medio Rural concederá estas axudas en réxime de concorrencia e poderán ser beneficiarios das ditas axudas os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do plan 2012 e liñas gandeiras dos plans 2011 e 2012, formalizadas no 2012, e cumpran o establecido no Decreto 332/1995 e nesta orde. Tamén poderán ser beneficiarios das axudas outorgadas en esta orde os titulares de explotacións de piscifactorías de troitas.

3. Segundo o establecido no número 2 do artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estas axudas exceptúanse do requisito de fixar unha orde de prelación das solicitudes, procedéndose ao pagamento destas ata o esgotamento do orzamento consignado.

4. As subvencións establecidas nesta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros contratadas por asegurados que, de acordo co artigo 2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, teñan a consideración de administracións públicas.

Artigo 2. Entidades aseguradoras autorizadas.

1. A subscrición do seguro realizarase exclusivamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Economía e Facenda e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras de los Seguros Agrarios Combinados, S.A. (Agroseguro), ou a través dos axentes de seguros autorizados, de conformidade co previsto na Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados, e demais normativa de desenvolvemento.

2. A contratación con estas entidades poderase realizar de forma individual ou ben de forma colectiva por medio de tomadores de seguros. Non obstante, soamente aqueles tomadores que se inscriban no Rexistro de Tomadores da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa) poderán percibir as subvencións públicas adicionais que por contratación colectiva se establezan.

Artigo 3. Liñas de seguros subvencionables e contía das axudas.

1. Para o ano 2012 a subvención da Consellería do Medio Rural queda establecida para as liñas de contratación dos grupos establecidos no anexo que se xunta a esta orde do seguinte xeito:

a) Para todas as liñas, incluídas as do seguro crecente, agás as dos seguros de retirada de cadáveres, unha porcentaxe sobre a axuda á contratación que lles conceda Enesa, que será variable segundo as liñas, na contía que se especifica no anexo.

b) Para as liñas dos seguros de retirada de cadáveres correspondente aos seguros de cobertura de gastos derivados da destrución de animais bovinos mortos nas explotacións e gastos derivados da destrución de animais non bovinos mortos nas explotacións, incluídas as modalidades de renovables, unha porcentaxe sobre o custo neto do seguro especificado no anexo.

2. A concorrencia das axudas das administracións públicas non superará as porcentaxes máximas establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario para atender posibles perdas causadas por desastres naturais e acontecementos de carácter natural ou por fenómenos climáticos adversos asimilables a desastres naturais. Para asegurar o cumprimento desta normativa, a subvencións terán os seguintes límites:

a) A subvención conxunta de Enesa e da Consellería do Medio Rural non poderán sobrepasar un límite xenérico do 80% do custo do seguro.

Existirán uns límites específicos sobre o custo do seguro das seguintes contías:

1. Seguros de explotación de producións gandeiras e acuícolas: 65%.

2. Seguro de explotación de uva de viño: 65%.

3. Seguro combinado e de danos excepcionais de uva de viño: 65%.

4. Seguro de caqui e outras froiteiras, froiteiras e cereixa: 74%.

3. Para o cálculo do importe definitivo de subvención, ás cantidades que resulten de aplicar as porcentaxes do número 1 e os límites impostos no número 2 deste artigo restaráselle a cantidade de 15 euros. Non se concederá ningunha subvención a aqueles solicitudes en que este cálculo resulte igual ou inferior a esta cantidade.

Artigo 4. Procedemento e prazos de execución.

1. A formalización da declaración do seguro considerarase solicitude de axuda sempre que se realice dentro dos períodos de subscrición establecidos pola normativa do plan anual vixente establecido polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño e, ademais, se cumpran aos distintos partes referentes á subvención que se conteñan na declaración do seguro. En todo caso, na declaración do seguro especificarase, na parte de subvencións para comunidades autónomas, a expresión literal de «subvención da Comunidade Autónoma de Galicia».

2. A contratación da póliza do seguro constitúe unha declaración do asegurado de que reúne os requisitos eixidos nas normas reguladoras sobre subvencións e axudas públicas, de acordo cos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que non foron obxecto de resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro ou que, de ser o caso, se realizou o correspondente ingreso, e que dispón dos documentos que xustifican o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde para a concesión das subvencións.

3. No caso daquelas pólizas de seguro correspondentes á modalidade «renovable», terán a consideración de solicitude de subvención a póliza de seguro inicialmente subscrita mediante a formalización da declaración do seguro, conxuntamente co recibo de pagamento da correspondente anualidade. Neste senso, presumirase que o pagamento do recibo da póliza constitúe a manifestación da aceptación das condicións do seguro e de xuntar os requisitos para a percepción das subvencións correspondentes.

4. As datas de inicio e o prazo da subscrición e formalización da correspondente póliza de seguro sinálanse de forma particular para cada liña de contratación no plan anual para o ano 2012, onde constan as datas de inicio para a subscrición das pólizas do seguro de que se trate.

5. O importe da axuda que corresponda á Consellería do Medio Rural deducirase do importe da prima que aboen o tomador ou o asegurado no momento da subscrición da póliza. As cantidades así descontadas pagarallas a Consellería a Agroseguro contra certificacións de liquidacións, sempre de acordo co procedemento establecido no correspondente convenio de colaboración subscrito entre a consellería e Agroseguro.

6. No dito convenio establécense os prazos e a documentación que Agroseguro deberá xuntar a cada certificación de liquidación co fin de que se poidan efectuar as comprobacións oportunas para a resolución por parte da Consellería do Medio Rural, antes de realizar os correspondentes pagamentos da axuda a Agroseguro.

7. O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

8. Dentro das dispoñibilidades orzamentarias e de acordo coa orde de presentación de solicitudes, o conselleiro do Medio Rural, logo da proposta do director xeral de Produción Agropecuaria, ditará a correspondente resolución de concesión ou denegación da axuda, no prazo máximo de seis meses contados desde a presentación da solicitude. Poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo as solicitudes se no devandito prazo non se ditar a correspondente resolución.

9. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e, contra elas, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios e tomadores dos seguros.

1. Os tomadores dos seguros e, de ser o caso, os asegurados beneficiarios achegarán unha lista resumo das pólizas subscritas así como toda aquela documentación relacionada coa contratación do seguro, sempre que así lles fose exixida expresamente pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. Así mesmo, aqueles terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.

2. Na formalización do seguro, os beneficiarios das axudas farán constar as axudas solicitadas ou concedidas, polas distintas administracións públicas competentes para a mesma finalidade.

3. O incumprimento das obrigas sinaladas nos dous puntos anteriores poderá supor a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituír as cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puideren incorrer os beneficiarios ou perceptores.

4. Os asegurados, polo feito de contrataren a póliza do seguro agrario, autorizan a Consellería do Medio Rural para que, en caso necesario, e co obxecto de verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde, poida solicitar a cesión de información a outras administracións, por medios informáticos ou telemáticos, sobre a circunstancia de estaren ou non ao día nas súas obrigas tributarias, así como calquera outra información que permita certificar o cumprimento dos requisitos exixidos para a obtención das subvencións reguladas nesta orde.

5. A formalización da poliza constitúe unha autorización para poder obter de Agroseguro a información sobre os sinistros acaecidos nas explotacións aseguradas e outros datos relevantes sobre a xestión da póliza, segundo se fai constar no documento de aseguramento que se asina para a súa formalización.

6. Nos seguros de gando, no caso de cesar a actividade para a cal se subscribise o seguro, antes de rematar o prazo de garantías, é obrigatorio comunicar á compañía aseguradora o fin da actividade, a fin de que, se é o caso, a Consellería de Medio Rural poida recuperar a parte de subvención non empregada.

Artigo 6. Modificación da resolución de concesión e infraccións administrativas.

Toda alteración das condicións que se tiveren en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da axuda.

Artigo 7. Control das axudas.

1. A Consellería de Medio Rural, establecerá os controis administrativos e de campo precisos para asegurar que se cumpren los requisitos establecidos nesta orde.

2. Para os efectos do control das subvencións reguladas nesta orde, o tomador do seguro, no caso de pólizas de contratación colectiva, ou o asegurado, no caso de pólizas individuais, serán responsables das infraccións administrativas en materia de subvencións e estarán suxeitos ás sancións reguladas ao respecto, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Co obxecto de mellorar o sistema de control de subvencións, a Consellería de Medio Rural poderá establecer un convenio de colaboración con Enesa para o intercambio de información relativa ás pólizas contratadas, en particular aquelas cuxo importe se calcula como unha porcentaxe das que outorga esta entidade.

Artigo 8. Reintegro das axudas.

No caso de pagamentos indebidos, os beneficiarios ou perceptores das axudas quedarán obrigados ao reembolso do importe indebidamente percibido, xunto cos xuros de demora producidos desde o pagamento, sen prexuízo doutras responsabilidades a que houber lugar segundo os artigos 37, 38 ,39 e 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Financiamento.

1. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde existe crédito adecuado e suficiente con cargo ao proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, por un importe total de 6.500.000,00 euros, que poderá verse incrementado con outros remanentes orzamentarios e sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias na aplicación 2012 13 02 712B 7720.

2. Esta convoatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2012, no momento da resolución.

Disposición adicional primeira. Norma que se observará no non previsto nesta orde.

No non previsto nesta orde, observarase o disposto preferentemente na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009, polo que se regula o regulamento de dita lei.

Disposición adicional segunda. Publicación da concesión de axudas.

Sen perxuizo da súa publicación no Diario oficial de Galicia, e de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos na citada páxina web.

Disposición derradeira primeira. Facultades para ditar instrucións.

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO
Seguros para producións agrícolas

Liñas de seguro

Producións asegurables

Data de inicio suscrición

Subvención Com. Aut. Galicia (%)

Módulo contratado

Grupo subvencións Enesa

Seguro de coberturas crecentes para explotacións de cereixa.

Cereixa.

1 de xaneiro de 2012

 

Módulo P

IV

 

Resto dos módulos

(2)

Seguro de coberturas crecentes para OPFH e cooperativas.

Cereixa, cítricos, cultivos herbáceos extensivos, froiteiras, froitos secos, hortalizas, olivas, plátano, producións tropicais e subtropicais, uva de mesa e uva de vinificación.

1 de xaneiro de 2012

 18

Módulo OP

Subvención única del 53%

Seguros con coberturas crecentes para explotacións hortícolas ao aire libre, de ciclo primavera–verán, na península e Baleares.

Chicoria-raíz, berenxena, cabaciña, cabaza, calçot, cebola, ceboliña, charouvía, chufa, feixón verde, melón, nabo, cogombro, cogombro novo, pemento, porro, ravo, remolacha de mesa, sandía, tomate e cenoria.

15 de xaneiro de 2012

 18

Módulo P

II

 18

Resto dos módulos

(2)

Seguro con coberturas crecentes para explotacións hortícolas con ciclos sucesivos na península e Baleares.

Acelga, chicoria de folla verde, baby-leaf, berza, borraxe, brócoli, coles de Bruxelas, col-repolo, coliflor, escarola, endivia, espinaca, grelos, fiúncho, hortalizas orientais e leituga romanesco.

15 de xaneiro de 2012

 18

Módulo P

II

 18

Resto dos módulos

(2)

Seguro con coberturas crecentes para incendios forestais.

Coníferas, frondosas arbustivas.

15 de xaneiro de 2012

 0

Módulo P

IV

Seguro con coberturas crecentes para explotacións de planta viva, flor cortada, viveiros e sementes na península e Baleares.

Planta viva, flor cortada, viveiros: de vide, cítricos, forestais, amorodo, froiteiras, aromáticas, sementes de hortalizas e chantóns de hortalizas, tabaco, amorodo e amorodo grande.

1 de febreiro de 2012

 18

Módulo P

IV

 18

Resto dos módulos

(2)

Seguro con coberturas crecentes para explotacións industriais téxtiles.

Algodón, cánabo e liño.

1 de febreiro de 2012

 18

Módulo P

II

 18

Resto dos módulos

(2)

Seguro con coberturas crecentes para explotacións de cultivos industriais non téxtiles.

Durmideira, alcaparra, aloe vera, anís, azafrán, cana de azucre, lavanda, lavandina, lúpulo, menta, vimbio, regalicia, remolacha, resto das aromáticas, resto das culinarias e resto de medicinais e tabaco.

1 de febreiro de 2012

 18

Módulo P

II

18 

Resto dos módulos

(2)

Seguro con coberturas crecentes para explotacións de multicultivos de hortalizas.

Todas as hortalizas agás os cultivos de máis dun ano alcachofa, espárrago, amorodo e amorodo grande.

1 de marzo de 2012

18

Módulo P

V

 18

Resto dos módulos

(2)

Seguro con coberturas crecentes para explotacións hortícolas baixo cuberta, na península e Baleares.

Todas as producións hortícolas, así como os chantóns de hortalizas e tabaco, amorodo e fresón, frambuesa, arando, grosella e mora.

1 de xuño de 2012

18

Módulo P

IV

 18

Resto dos módulos

(2)

Seguro con coberturas crecentes para explotacións hortícolas ao aire libre, de ciclo outono–inverno, na península e Baleares.

Faba verde, chícharo verde, alcachofa, cardo, espárrago, allo, pataca, pataca doce e boniato.

1 de xuño de 2012

 18

Módulo P

II

 18

Resto dos módulos

(2)

Seguro con coberturas crecentes para explotacións de caqui e outras froiteiras.

Caqui, kiwi, néspera, abruñeiro, granado, figueira, castaña e azufaifo.

1 de setembro de 2012

 55

Módulo P

IV

 55

Resto dos módulos

(2)

Seguro con coberturas crecentes para explotacións de froitos secos.

Amendoeira, abeleira, alfarrobeira, nogueira e pistacho.

1 de setembro de 2012

 18

Módulo P

II

 18

Resto dos módulos

(2)

Seguro con coberturas crecentes para explotacións de cultivos herbáceos extensivos.

Cereais de inverno, cereais de primavera, arroz, leguminosas gran, leguminosas de consumo humano, oleaxinosas e fabas.

1 de setembro de 2012

18

Módulo P (para arroz e fabas)

II

 18

Módulo P (para o resto dos cultivos)

I

 18

Módulo S

III

 18

Resto dos módulos

(2)

Seguro con coberturas crecentes para explotacións de oliveiras.

Oliva de aceite e oliva de mesa.

1 de outubro de 2012

 18

Módulo P

II

 18

Resto dos módulos

(2)

Seguro con coberturas crecentes para explotacións vitícolas na península e Baleares.

Uva de vinificación.

1 de outubro de 2012

 55

Módulo P

IV

 55

Resto dos módulos

(2)

Seguro con coberturas crecentes para explotacións frutícolas.

Albaricoque, ameixa, mazá, mazá de sidra, melocotón, marmelo e pera.

15 de novembro de 2012

 55

Módulo P

III

 55

Resto dos módulos

(2)

Seguro con coberturas crecentes para explotacións de cultivos forraxeiros.

Todos os cultivos forraxeiros.

15 de novembro de 2012

 18

Módulo P

II

 18

Resto dos módulos

(2)

Seguro con coberturas crecentes para explotacións de cultivos agroenerxéticos.

Cultivos destinados á produción de biocombustibles sólidos lignocelulósicos.

15 de novembro de 2012

 18

Módulo P

II

 18

Resto dos módulos

(2)

(2) As subvencións que se aplicarán ás pólizas de seguros contratadas nos módulos 1, 2 ou, se for o caso, 3 serán as mesmas para todas as liñas de aseguramento e corresponderanse cos seguintes grupos de subvencións:

Módulo de contratación

Grupo de subvención aplicable

Módulo 1

Grupo VI

Módulo 2

Grupo V

Módulo 3

Grupo V

Os seguros complementarios e de extensións de garantías, de aplicación aos módulos 1, 2 ou 3, que dispoñan deles, beneficiaranse da mesma porcentaxe de subvención que se aplique á póliza principal, incluíndo tamen as subvencións adicionais que lle aplicasen.

Seguros para producións gandeiras e acuícolas

Seguros para producións ganadeiras.

Liñas de seguro

Data inicio suscrición

Subvención Com. Aut. Galicia (%)

Grupo subvencións Enesa

Seguro de explotación de gando vacún reprodutor e de recría.

Sistema de manexo de explotación de aptitude cárnica.

15 de xaneiro de 2012

18

III

Outros sistemas de manexo de explotación.

18

IV

Seguro de explotación de gando vacún de ceba.

15 de xaneiro de 2012

18

IV

Seguro de explotación de gando vacún de lida.

15 de xaneiro de 2012

18

IV

Seguro de explotación de gando vacún de alta valoración xenética.

15 de xaneiro de 2012

18

IV

Seguro de explotación de reprodutores bovinos de aptitude cárnica.

15 de xaneiro de 2012

18

IV

Seguro para a cobertura de falta de vexetación en pastos.

1 de xullo de 2012

18

IV

Seguro de explotación en apicultura.

1 de outubro de 2012

18

IV

Seguro de explotación de gando ovino e caprino.

15 de eneiro de 2012

18

IV

Seguro de explotación de gando equino.

1 de febreiro de 2012

18

IV

Seguro de explotación equino en razas selectas.

1 de febreiro de 2012

18

IV

Seguro de explotación de gando aviar de carne.

1 de febreiro de 2012

18

IV

Seguro de explotación de gando aviar de posta.

1 de febreiro de 2012

18

IV

Seguro de explotación de gando porcino.

1 de febreiro de 2012

18

IV

Tarifa xeral gandeira.

1 de marzo de 2012

18

IV

Seguros de retirada.

Liñas de seguro

Data inicio suscrición

Subvención Com. Aut. Galicia (%)

Grupo subvencións Enesa

Seguro para a cobertura de gastos derivados da retirada e destrución de animais bovinos mortos na explotación.

1 de xuño de 2012

28

VII

Seguro renovable para a cobertura de gastos derivados da destrución de animais bovinos mortos na explotación.

1 de xuño de 2012

28

VII

Seguro para a cobertura de gastos derivados de la retirada y destrución de animales non bovinos mortos na explotación.

1 de xuño de 2012

28

VII

Seguro renovable para a cobertura de gastos derivados da retirada e destrución de animais non bovinos na explotación.

1 de xuño de 2012

28

VII

Seguros para producións acuícolas.

Liñas de seguro

Data inicio suscrición

Subvención Com. Aut. Galicia (%)

Grupo subvencións Enesa

Seguro de piscifactorías de troitas.

1 de febreiro de 2012

20

IV