Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Luns, 26 de decembro de 2011 Páx. 38134

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se fai pública a convocatoria, mediante procedemento aberto con criterio único, para o alleamento de madeira na provincia de Pontevedra.

Convócase mediante esta resolución o alleamento de madeiras dos lotes que se poderán consultar no servizo de montes da Xefatura Territorial de Pontevedra (edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra, rúa Fernández Ladreda 43, 2.º, Pontevedra) e no enderezo http://mediorural.xunta.es/forestal/poxas, de acordo co disposto no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia e na Orde do 8 de setembro de 1998 (DOG do 16 de setembro), pola que se desenvolve o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia. A apertura dos sobres coas ofertas económicas terá lugar no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra, rúa Fernández Ladreda 43, Pontevedra.

Para este procedemento rexerán a normativa ante citada e mais os pregos de condicións técnico-administrativas xerais e particulares destas que figuran no expediente correspondente, no Servizo de Montes de Pontevedra, onde poderán ser examinados polos interesados a partir do día da publicación no DOG da presente resolución.

As ofertas poderanse presentar durante os vinte e seis días naturais seguintes ao da publicación no DOG desta resolución no rexistra da Xefatura Territorial de Pontevedra ou en calquera das formas legalmente establecidas.

Cando a oferta se envíe por correo ou se presente noutro rexistro diferente ao da Xefatura Territorial de Pontevedra, o licitador deberá anunciarlle á mesa de contratación a remisión da mencionada oferta mediante telegrama ou fax ao n.º 986 80 54 78 ou ben 986 80 54 85.

A apertura das proposicións será realizada pola mesa de contratación, que se reunirá ás once horas do noveno día hábil, que non cadre en sábado, contados a partir do termo do prazo de presentación das ofertas.

Cada licitador presentará dous sobres pechados para cada oferta. O sobre A coa documentación administrativa e o sobre B, coa oferta económica.

O sobre A, que contén a documentación administrativa, poderá ser único para todos os lotes que teñan lugar ante a mesa e na mesma sesión. Deberá conter, en todo caso, a seguinte documentación:

1. Fotocopia do NIF ou CIF.

2. Acreditación da personalidade xurídica do empresario e, se é o caso, a súa representación.

3. Os xustificantes acreditativos de que están constituídas as fianzas provisionais, 2% do prezo de taxación, de acordo co disposto no artigo 91 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

4. Declaración responsable outorgada ante a autoridade administrativa, notario público, ou organismo profesional cualificado de non estar incurso o licitador nalgún dos supostos de prohibición de contratar previstos no artigo 49 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, así como na nova redacción establecida pola Lei 5/2006, do 10 de abril, de regulación de conflitos de intereses dos membros do Goberno e dos altos cargos da Administración xeral do Estado, e pola Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e da administración.

5. Os que acrediten estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias coa facenda estatal e da comunidade autónoma e da Seguridade Social e estar dados de alta no imposto de actividades económicas (IAE), referida ao exercicio corrente, ou do último recibo deste, completado cunha declaración responsable de non se ter dado de baixa nel.

6. Acreditarase a solvencia financeira, económica, e técnica exixida polos medios precisados no cadro de características.

No caso de que o licitador estea dado de alta no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma deberá indicar na parte exterior do sobre o seu número e incluír copia da inscrición da empresa no dito rexistro e os xustificantes acreditativos das fianzas provisionais e a solvencia técnica e económica.

Ademais desta documentación, deberá xuntarse a que proceda en cada caso segundo o especificado no prego de cláusulas administrativas particulares.

O sobre B recollerá a proposición económica e presentarase no modelo normalizado que se encontra á disposición dos interesados no Servizo de Montes de Pontevedra. Cada un dos lotes deberá figurar nun sobre B individual.

O adxudicatario constituirá a fianza definitiva do 5% do prezo de licitación, agás nos expedientes en que o aproveitamento se realice a resultas ou o motivo da corta sexa a realización dun rareo. Nestes últimos casos engadirase o 5% de fianza complementaria, acadándose unha garantía definitiva dun 10%.

O adxudicatario constituirá a fianza definitiva dentro dos dez días hábiles seguintes ao da data en que regulamentariamente se lle comunique a proposta de adxudicación.

Dentro dese mesmo prazo deberá aboar:

1. O importe total do remate, ou o importe do primeiro prazo, segundo se indique no prego de condicións particulares de cada lote.

2. O importe das taxas.

3. Os gastos proporcionais deste anuncio.

4. Os demais que se establezan nos pregos particulares de aproveitamento.

O adxudicatario deberá aboar, ademais das cantidades expresadas no anuncio, a porcentaxe que corresponda, segundo o réxime especial ou xeral que aplique a propiedade do monte, en concepto de IVE.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2011.

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural