Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 22 de decembro de 2011 Páx. 37727

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2011 pola que se convocan probas selectivas, polo sistema de promoción interna e polo sistema de acceso libre, para a provisión dunha praza de técnico superior en mantementos vacante na relación de postos de traballo de persoal laboral desta universidade.

Debido á necesaria provisión dunha praza vacante de técnico superior en mantementos, da vixente relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servizos, esta reitoría, no uso das competencias que se lle atribúen no artigo 20 da Lei orgánica de universidades, así como nos estatutos desta universidade,

RESOLVE:

Convocar probas selectivas para cubrir 1 praza de técnico superior en mantementos (grupo I), polo sistema de promoción interna e polo sistema de acceso libre.

Os procesos de selección de promoción interna e acceso libre realizaranse por separado, e será en primeiro lugar o de promoción interna. De non se cubriren as vacantes por promoción interna, ofertarase para que se cubran por acceso libre. As persoas seleccionadas pola quenda de promoción interna, para as cales se habilitasen probas específicas, terán preferencia sobre a quenda libre para a elección de vacantes. Para a confección das listaxes de espera estarase ao abeiro do disposto no anexo V do Convenio colectivo.

Os aspirantes só poderán participar nunha das dúas quendas de acceso.

Ao abeiro do disposto no artigo 22 do III Convenio colectivo do PAS laboral da UDC, ao remataren as probas selectivas constituiranse listaxes de espera para cubrir con carácter temporal os postos de traballo que poidan xurdir ata o próximo proceso selectivo. Para estes efectos, as persoas aspirantes deberán presentar a solicitude debidamente cuberta, indicando todos os datos que se requiren no impreso que figura como anexo IV e especificando as súas opcións de preferencia canto á localidade e/ou ao tipo de contrato.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria.

1. Solicitudes.

1.1. As persoas que desexaren tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo no impreso segundo o modelo que figura como anexo IV desta convocatoria e deberán presentarse acompañadas de:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade; os/as aspirantes que non posúan nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de viviren a expensas ou estaren a cargo do/a nacional doutro Estado con que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estar separado/a de dereito do/a seu/súa cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o/a aspirante vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

b) Os/as aspirantes estranxeiros/as que estean exentos/as da realización da proba previa de acreditación do coñecemento do castelán establecida na base 8 desta convocatoria, xuntarán para tal efecto a fotocopia compulsada dos diplomas básico ou superior de español como lingua estranxeira ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros/as expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non achegaren esta certificación, non poderán ser declarados/as exentos/as, polo que deberán realizar a proba a que se refiren estas bases.

c) Certificación acreditativa dos servizos prestados noutras administracións públicas españolas referido á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Esta certificación será expedida polas respectivas xerencias. Se os servizos foron ou son prestados na UDC deberá indicarse na parte correspondente da solicitude e, deste xeito, a certificación expedirase de oficio e engadirase á solicitude do/a aspirante.

d) Fotocopia da titulación académica requirida.

e) As persoas aspirantes pola quenda libre deberán xustificar o pagamento co documento bancario acreditativo de que se pagaron os dereitos de exame que ascenden a 40,74 euros, que se ingresarán no Banco Santander Central Hispano na conta 0049-5030-15-2516011262.

Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%. Tamén estarán exentas do pagamento, as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50% da taxa os/as membros de familias numerosas de categoría xeral. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia orixinal ou compulsada da cualificación da discapacidade ou do carné de familia numerosa, segundo corresponda.

Tamén estarán exentas as persoas que figuren como demandantes de emprego durante o prazo, polo menos, dun mes anterior á data de publicación desta convocatoria. Para o goce da exención será requisito que non rexeitasen, no prazo de que se trate, oferta de emprego adecuado nin se negasen a participar, agás causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesional e que, así mesmo, carezan de rendas superiores, en cómputo mensual, ao salario mínimo interprofesional. O certificado relativo á condición de demandante de emprego, cos requisitos sinalados, solicitarase na oficina dos servizos públicos de emprego. A acreditación das rendas realizarase mediante unha declaración xurada ou promesa escrita da persoa solicitante. Ambos os documentos deberán xuntarse á solicitude.

En ningún caso a presentación e o pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude.

Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non presenten o documento referido na alínea 1.1.a), ou non aboen os dereitos de exame e non presenten o xustificante de bonificación ou exención dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes. Non se concederá ningún prazo adicional para o aboamento dos dereitos de exame.

Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas.

As solicitudes dirixiranse ao reitor da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais que contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para os efectos de cómputo de prazos, considerarase inhábil o mes de agosto.

A presentación das solicitudes farase no Rexistro Xeral da Universidade da Coruña (Edificio da Reitoría, rúa da Mestranza, n.º 9, CP 15001 A Coruña), nos rexistros auxiliares (Casa do Lagar, campus de Elviña, A Coruña e Edificio de Usos Administrativos no Campus de Esteiro, Ferrol), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

As solicitudes que se subscribiren no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. As persoas aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberanos acreditar mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou das copias compulsadas. Os servizos prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante unha certificación expedida pola Xerencia da Universidade, referida á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.3. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fagan constar na súas solicitudes e poden unicamente demandar a súa modificación mediante un escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1 para a presentación de solicitudes. Unha vez transcorrido este prazo, non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e apreciada polo tribunal.

1.4. As persoas aspirantes que padezan algunha discapacidade poderano indicar na solicitude e pedir, de ser o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

2. Requisitos das persoas candidatas.

2.1. Para seren admitidas á realización destas probas selectivas, as persoas aspirantes deberán reunir e manter os seguintes requisitos:

a) Ser español/a ou nacional dun estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados aos cales, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participar o/a cónxuxe, descendentes e descendentes do/a cónxuxe, dos/as españois e dos/as nacionais doutros estados membros da Unión Europea, se non estiveren separados/as de dereito, menores de vinte e un anos ou maiores desta idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación nos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaseis anos de idade e non exceder os sesenta e cinco.

c) Estar en posesión do título de doutor/a, licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a ou equivalente segundo a normativa vixente, ou en condicións de o obter na data en que remate o prazo de presentación das solicitudes. No caso de que a persoa aspirante posúa unha titulación académica estranxeira para poder participar no proceso selectivo, deberá ter homologado previamente o título, de acordo co previsto na lexislación española.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado/a para o desempeño de funcións públicas por sentenza firme. As persoas aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar non estar sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.2. Todos os requisitos deberán posuírse no momento de rematar o prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador que foi asignado para as xulgar establecerá, para as persoas con discapacidade que o demandasen na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se lle presentaren dúbidas ao tribunal con respecto á capacidade das persoas aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades que habitualmente desenvolven os/as traballadores/as da categoría de técnico superior en mantementos, poderá solicitar o correspondente ditame do órgano competente da comunidade autónoma.

4. Relacións de persoas admitidas e excluídas.

4.1. Unha vez que remate o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o reitor da Universidade ditará unha resolución en que declarará aprobadas as relacións provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicarán no taboleiro de anuncios da reitoría da universidade, na Vicerreitoría do Campus de Ferrol e na páxina web da universidade con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, o caso, as causas de exclusión.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez días, que conta a partir da publicación da referida resolución, para corrixiren o defecto que motivase a exclusión. Unha vez transcorrido o devandito prazo, o reitor ditará a resolución en que se declarará aprobada a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, que será publicada no taboleiro de anuncios da reitoría da universidade, na Vicerreitoría do Campus de Ferrol e na páxina web da universidade.

4.2. O feito de figuraren na relación de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos, que terán que se acreditar no seu momento, de acordo co que está previsto na base 11 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección das persoas aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. A composición do tribunal cualificador destas probas será publicada no taboleiro de anuncios da reitoría cunha anticipación de, polo menos, un mes respecto da data de inicio dos exercicios.

6.2. Os/as membros do tribunal deberán absterse de intervir e notificaranllo ao reitor da universidade cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou participasen en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a poderá solicitar dos/as membros do tribunal declaración expresa de non se encontraren incursos/as nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os/as membros do tribunal cando concorreren as circunstancias citadas.

6.3. Logo da convocatoria do/a presidente/a, constituirase o tribunal coa asistencia do/da presidente/a e do/da secretario/a, ou de ser o caso, daqueles/as que os/as substitúan, e como mínimo da metade dos/as seus/súas membros. Nesta sesión o tribunal acordará todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

6.4. Para os efectos de realización de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a asistencia dos/as membros do tribunal especificados no punto anterior.

6.5. O tribunal resolverá todas as dúbidas que puideren xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos. O procedemento de actuación do tribunal axustarase ao disposto na Lei 30/1992.

6.6. O tribunal poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que estime pertinentes, e estes limitaranse a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores/as será feita polo reitor da Universidade da Coruña, por proposta do tribunal, e seralles de aplicación o previsto na base 6.2.

6.7. Os/as membros do tribunal cualificador deberán posuír titulación igual ou superior á exixida para seren admitidos/as ás probas.

6.8. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con algunha discapacidade gocen de similares condicións para a realización dos exercicios que o resto das persoas aspirantes. Para as persoas con discapacidade que o soliciten na forma prevista na base 1.4, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

6.9. O/a presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos perante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores/as que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

6.10. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da Universidade da Coruña.

6.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superarou as probas selectivas un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados/as que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6.12. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2008, do 26 de xuño, polo que se modifica o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e a data de comezo dos exercicios será feito público na resolución reitoral que aprobe as relacións definitivas de aspirantes admitidos/as e excluídos/as.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación da presente convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos/as opositores/as iniciarase alfabeticamente por aqueles/as cuxo primeiro apelido comece pola letra L, de conformidade coa resolución da Consellería de Facenda do 1 de febreiro de 2011, pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

7.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

7.5. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento e serán excluídas da oposición aquelas que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal.

7.6. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se realizase o anterior, así como na sede do tribunal e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilitar a súa máxima divulgación, con 48 horas de anticipación, polo menos, á data sinalada para a súa iniciación.

7.7. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento de que algunha das persoas aspirantes carece dos requisitos exixidos por esta convocatoria, logo da audiencia do/a interesado/a, deberá propor a súa exclusión ao reitor da Universidade da Coruña e comunicarlle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase da oposición os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba en que se comprobará que posúen un nivel axeitado de comprensión e de expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do idioma español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto/a ou non apto/a; é necesario obter a valoración de apto/a para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos/as de realizar esta proba os/as aspirantes que acrediten mediante unha fotocopia compulsada estar en posesión do diploma de español como lingua estranxeira (nivel B2 ou nivel C2) e as persoas estranxeiras nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español. De non achegaren esta documentación, non poderán ser declaradas exentas e deberán, en consecuencia, realizar a proba descrita.

9. Relación de persoas aprobadas.

9.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador publicará na Reitoría da Coruña, na Vicerreitoría do Campus de Ferrol, e na páxina web da Universidade da Coruña, así como naqueloutros lugares que coide oportuno, a puntuación que obtiveron as persoas aspirantes, así como, se for o caso, a de cada unha das probas que o compoñen.

Os/as aspirantes disporán de 5 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación das puntuacións provisionais de cada exercicio, para presentaren reclamacións. Disporán de idéntico prazo para reclamaren contra as puntuacións da fase de concurso, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

Posteriormente, o tribunal publicará, neses mesmos lugares, a relación definitiva de persoas aprobadas para cada un dos sistemas de acceso, que en ningún caso poderá conter un número de persoas candidatas superior ao das prazas convocadas, en que constará o nome e a puntuación das persoas aspirantes que, ao acadaren a puntuación mínima exixida para superar os exercicios da fase de oposición, obtiveron a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I. As persoas opositoras que non estiveren incluídas nas respectivas relacións terán a consideración de non apto/a para todos os efectos, único punto acerca do cal o tribunal poderá certificar.

9.2. O tribunal publicará a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.3. A cualificación final do proceso selectivo será a suma das puntuacións que se obteñan na fase de oposición e na fase de concurso. Os puntos que se obteñan nesta última en ningún caso poderán sumarse para os efectos de superar a fase de oposición. No caso de empate, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida nos exercicios e pola seguinte orde: terceiro exercicio do proceso selectivo e, se persistir, atenderase á maior puntuación no segundo exercicio e, se persistir, atenderase á maior puntuación na fase de concurso. No caso de que continuase persistindo o empate, dirimirase por sorteo público en presenza dos/as opositores/as empatados/as.

9.4. O tribunal remitirá ao reitor a relación definitiva das persoas aspirantes aprobadas pola orde desta puntuación final, con proposta de que se lles formalice o correspondente contrato de traballo.

10. Listaxes de espera.

Constituirase unha listaxe de espera, ao abeiro do disposto no anexo V do III Convenio colectivo do persoal laboral da Universidade da Coruña, coas persoas aspirantes que non acadasen a puntuación final suficiente para a súa inclusión na relación definitiva de aprobados. Na listaxe incluiranse as persoas que superasen todos os exercicios da oposición. Caso de existir fase de concurso, sumarase a puntuación obtida nesa fase.

11. Presentación de documentos e formalización dos contratos.

11.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel en que se publicase a relación definitiva de persoas aprobadas nas probas selectivas, estas deberán presentar no Servizo de Persoal de Administración e Servizos da Universidade da Coruña (rúa da Mestranza, 9) os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título exixido para acceder ás probas.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas. As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de non estaren sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que inhabilite no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que o/a imposibiliten para o servizo.

d) Os/as aspirantes con discapacidade igual ou superior ao 33%, deberán acreditar tal condición, se obtiveren praza, mediante unha certificación dos órganos competentes.

11.2. Unha vez que a persoa aspirante supere as probas selectivas e realice debidamente os trámites de presentación de documentos, será contratada como técnico/a superior en mantementos.

11.3. O período de proba será de tres meses. Neste prazo o/a traballador/a terá os dereitos e as obrigas que lle correspondan en relación co posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por solicitude de calquera das partes durante o seu transcurso.

Segundo. De acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD), os datos indicados na solicitude pasarán a formar parte do ficheiro de persoal, que ten por finalidade a xestión do persoal da Universidade da Coruña. O ficheiro está baixo a responsabilidade da Xerencia. Coa súa participación neste proceso selectivo, as persoas interesadas autorizan a Universidade da Coruña para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza deste procedemento de concorrencia competitiva. Así mesmo, poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, en cumprimento do que establece a LOPD, ante a Secretaría Xeral da Universidade da Coruña.

Terceiro. Estas probas selectivas axustaranse ao disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro) e aos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto da Xunta de Galicia 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio), á Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, modificada pola Lei 55/1999, do 29 de decembro, ao establecido no III Convenio colectivo do persoal laboral da Universidade da Coruña (BOP do 1 de setembro de 2009) e ás bases desta convocatoria.

Cuarto. Esta convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos derivaren delas poderán ser impugnados perante a xurisdición contencioso-administrativa nos casos e na forma que establece a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

Así mesmo, as persoas interesadas poderán interpor o recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas perante o reitor da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 9 de decembro de 2011.

José María Barja Pérez
Reitor da Universidade da Coruña

ANEXO I

Procedemento de selección

Ao abeiro do disposto na disposición transitoria cuarta do III Convenio colectivo do PAS laboral da UDC, de xeito excepcional e ao tratarse este do primeiro proceso selectivo para técnico/a superior en mantementos despois da publicación da RPT de 2005, valorarase como segue:

Fase de oposición: 60 puntos.

Primeiro exercicio: de carácter obrigatorio e eliminatorio para aqueles/as candidatos/as que non acrediten posuír, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, o Celga 3, curso de iniciación de galego ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (publicada no DOG n.º 146, do 30 de xullo).

Consistirá en realizar por escrito unha proba sobre o uso do idioma galego que determinará o tribunal. Cualificarase de apto/a ou non apto/a e corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar o resultado de apto/a.

O tempo máximo para a realización desta proba será de sesenta minutos.

Segundo exercicio: de carácter obrigatorio e eliminatorio. Consistirá en contestar un cuestionario de 100 preguntas (máis tres de reserva que só se corrixirán no caso de anulación dalgunha pregunta), con catro respostas alternativas, das cales só unha será correcta. Todas as preguntas terán a mesma puntuación e cada resposta errónea descontará o 25% do valor da resposta correcta. A duración do exercicio será de cento corenta minutos e a súa valoración será de 0 a 20 puntos e será necesario obter 8 puntos para o superar.

Ao abeiro do que dispón o artigo 18 do vixente Convenio colectivo do PAS laboral da UDC, as persoas aspirantes de promoción interna están exentas de se examinar dos temas correspondentes ao bloque I. O exercicio consistirá en contestar un cuestionario de 80 preguntas (máis tres de reserva, que só se corrixirán no caso de anulación dalgunha pregunta), con catro respostas alternativas, das cales só unha será correcta. Todas as preguntas terán a mesma puntuación e cada resposta errónea descontará o 25% do valor da resposta correcta. A duración do exercicio será de noventa e cinco minutos e a súa valoración será de 0 a 20 puntos e será necesario obter 8 puntos para o superar.

Terceiro exercicio: de carácter obrigatorio e eliminatorio. Consistirá na resolución de dous supostos prácticos, que se elixirán de entre catro propostos polo tribunal. A cualificación do exercicio será de 0 a 40 puntos, e é necesario obter 16 puntos para o superar. O temario para este exercicio é o que consta no bloque II. A duración deste exercicio será de 210 minutos.

Fase de concurso: 40 puntos.

A antigüidade, ata un máximo de 30 puntos, valorarase a razón de 0,625 puntos por mes na mesma categoría e grupo na UDC e 0,15 puntos por mes na mesma categoría e grupo noutras administracións.

Os 10 puntos restantes acadaranse pola valoración da formación relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais e organismos de recoñecido prestixio.

A valoración da formación farase atendendo aos seguintes criterios:

1. Lingua galega, no caso de posuír máis dun curso de lingua galega, só puntuará o máis alto.

Celga 3: 1 punto.

Celga 4: 2 puntos.

Linguaxe administrativa: 2,5 puntos.

Linguaxe administrativa, nivel superior: 3 puntos.

Celga 5: 3 puntos.

2. Formación relacionada coa categoría de pertenza da praza.

Cursos de asistencia:

Menos de 10 horas, ou que non indiquen a súa duración: 0,25 puntos/curso.

De 10 a 19 horas: 0,50 puntos/curso.

De 20 a 29 horas: 1 punto/curso.

De 30 a 39 horas: 1,5 puntos/curso.

De 40 a 49 horas: 2 puntos/curso.

De 50 horas ou máis: 2,5 puntos/curso.

Os cursos impartidos ou de aproveitamento puntuarán o dobre.

ANEXO II

Temario

Bloque I

1. A Constitución española: dos dereitos e deberes fundamentais. Do Goberno e da Administración. Da organización territorial do Estado.

2. O Estatuto de autonomía de Galicia: do poder galego. Do réxime xurídico. Da Administración pública galega.

3. A Lei orgánica 6/2001, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007 (do 12 de abril).

4. Os Estatutos da Universidade da Coruña.

5. O III Convenio colectivo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade da Coruña.

6. A Lei de prevención de riscos laborais.

Bloque II

1. Disposicións xerais do Código técnico da edificación (Real decreto 316/2006).

2. Documento básico de seguranza no caso de incendio (documentos DB-SI1 a DB-SI4) do Código técnico da edificación.

3. Protección contra o lume dos edificios públicos e de ensino. Inspección e mantemento. Teoría do lume e combustión, triángulo do lume. Sistemas de seguranza pasiva e activa. Sistemas de extinción e detección. Extintores. Iluminación de emerxencia.

4. Regulamento de instalacións de protección contra incendios, Real decreto 1942/1993, do 5 de novembro, e Orde do 16 de abril de 1998 sobre normas de procedemento e desenvolvemento do Real decreto 1942/1993.

5. Documento básico de seguranza de utilización nos seus capítulos SUA4 e SUA8 do Código técnico da edificación (Real decreto 314/2006).

6. Documento básico de salubridade (HS) no seu capítulo HS3, calidade de aire interior do Código técnico da edificación. Sistemas de ventilación e renovación de aire. Condicións de seguranza en laboratorios e talleres universitarios, equipamentos e materiais.

7. Documento básico de salubridade HS4, subministración de auga, do Código técnico da edificación e HS5, evacuación de augas, do Código técnico da edificación.

8. Documento básico de aforro de enerxía HE4, contribución solar mínima en usos de auga quente sanitaria, do Código técnico da edificación.

9. Documento básico de aforro de enerxía HE5, contribución fotovoltaica mínima de enerxía eléctrica, do Código técnico da edificación.

10. Real decreto 1369/2007, do 19 de outubro, no cal se establecen os requisitos de deseño ecolóxico aplicables aos produtos que utilizan enerxía.

11. Regulamento electrotécnico de baixa tensión (Real decreto 842/2002, do 2 de agosto), e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-BT 3, 4, 5, 9, 10, 19, 28, 30, 33 e 40.

12. Real decreto 614/2001, do 8 de xuño, sobre disposicións mínimas para a protección da saúde e seguranza dos traballadores fronte ao risco eléctrico. Proteccións contra sobreintensidades, contactos directos e indirectos. Regras de ouro. Postas á terra. Equipamentos de protección individuais. Elementos de protección nun cadro eléctrico.

13. Instalacións eléctricas interiores de baixa tensión. Previsión de cargas. Baterías de condensadores. Consumo eléctrico. Revisións e mantemento.

14. Natureza e conceptos fundamentais da electricidade. Corrente alterna e corrente continua. Sistemas monofásicos e sistemas trifásicos. Intensidade, tensión e potencia eléctrica. Illadores e condutores eléctricos. O factor de potencia.

15. Luminotecnia. Magnitudes e unidades fotométricas. Fluxo luminoso e intensidade luminosa. Iluminancia e luminancia. Eficiencia enerxética en iluminación. Tipos de lámpadas empregadas: incandescentes, fluorescentes, descarga en gas, baixo consumo. Equipamentos de acendido en lámpadas de descarga.

16. Instalacións de iluminación interior. Código técnico da edificación na súa sección HE3, eficiencia enerxética das instalacións de iluminación, criterios de deseño e cálculo das instalacións. Iluminación directa e iluminación indirecta. Tipos de lámpadas máis frecuentes. Condicións de mantemento da iluminación e programas de mantemento. Criterios de selección e boas prácticas.

17. Real decreto 1890/2008, Regulamento de eficiencia enerxética en iluminación exterior e as súas ITC-EA 01, eficiencia enerxética, ITC-EA 04, compoñentes das instalacións, ITC-EA 05, documentación técnica, verificacións e inspeccións, e ITC-EA 06, mantemento da eficiencia enerxética das instalacións. Criterios de selección de ambientes, calidades de luz, características dos elementos de iluminación exterior.

18. Instalacións de calefacción, AQS e produción de calor. Caldeiras, salas de caldeiras e queimadores. Chemineas. Fontes de enerxía para calefacción, AQS e produción de calor. Tipos de instalacións de calefacción e de AQS. Transmisión de calor dos edificios ao exterior. Deseño, compoñentes, cálculo e funcionamento.

19. Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o regulamento de instalacións térmicas en edificacións e as súas instrucións técnicas complementarias.

20. A certificación enerxética dos edificios. Real decreto 47/2007, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética de edificios de nova construción.

21. O Decreto 42/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a certificación enerxética de edificios de nova construción na Comunidade Autónoma de Galicia. Importancia da arquitectura nas condicións interiores, bioclimatismo e climatización pasiva.

22. Instalacións de gas. Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas ITC ICG01, 07, 08 Real decreto 919/2006.

23. Combustibles sólidos, líquidos e gasosos. Poder calorífico e outras propiedades xerais. Xeradores de calor. Análise de fumes pola combustión, procedemento e instrumentos de medida.

24. Piscinas. O tratamento físico e químico da auga. Tratamentos físicos e químicos da auga de piscinas. Identificación e solución de problemas na piscina. Tipos de cubertas de piscinas.

25. Decreto 103/2005, do 6 de maio, polo que se establece a regulamentación técnico sanitaria de piscinas de uso colectivo.

26. Control de lexionelose. Real decreto 865/2003 polo que se establecen as condicións técnico-sanitarias para a prevención e o control da lexionelose.

27. Instalacións urbanas. Deseño e mantemento de espazos públicos e áreas axardinadas. Aplicación no ámbito universitario.

28. Instalacións solares fotovoltaicas. Real decreto 1663/2000 sobre conexión de instalacións fotovoltaicas á rede de baixa tensión. Criterios de selección e boas prácticas.

29. Enerxía solar térmica. Aproveitamento para uso en auga quente sanitaria e climatización de piscinas e calefacción. Criterios de selección e boas prácticas.

30. Aforro e eficiencia enerxética dentro dunha institución pública. Enerxías renovables e a súa implementación en institucións públicas.

31. Auditoría enerxética dentro dun edificio universitario.

32. Auditoría enerxética dentro das instalacións urbanas dun campus universitario.

33. Sistemas de reaproveitamento e aforro no consumo de auga nas instalacións dun campus universitario. Criterios na tipoloxía dos sistemas de evacuación de augas (separativo, unitario, etc.).

34. Arquitectura e instalacións sustentables. Implementación de criterios ambientais no deseño, construción e mantemento das infraestruturas. Aforro de auga, xestión enerxética, xestión de residuos e imaxe ambiental. Grupo de traballo calidade ambiental e desenvolvemento sustentable da CRUE, melloras ambientais de edificios, obxectivos, plans directores e enerxéticos.

35. Xestión do mantemento das instalacións universitarias. Tipos de mantemento. Libros de mantemento. Fiabilidade e auditorías de mantemento.

36. O contrato de obras. Clasificación das empresas. Actuacións preparatorias dos contratos de obras.

37. Execución dos contratos de obras. Modificacións do contrato de obras. Cumprimento dos contratos de obras. Resolución dos contratos de obras.

38. Os contratos de servizos. Disposicións xerais. Execución dos contratos de servizos. Cumprimento dos contratos de servizos. Resolución dos contratos de servizos.

39. O procedemento aberto.O procedemento restrinxido. O procedemento negociado.

40. Os contratos de subministracións.

missing image file