Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Xoves, 22 de decembro de 2011 Páx. 37680

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 233/2011, do 2 de decembro, polo que se modifica a denominación da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB da Universidade de Santiago de Compostela.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta que o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Ensino Superior non supón só a modificación das titulacións da anterior ordenación das ensinanzas universitarias senón tamén a dos centros en que estas se imparten, neste decreto autorízase a modificación da denominación da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB do Campus de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela, que pasará a denominarse Facultade de Formación do Profesorado para adaptala á estrutura dos novos estudos de grao.

En aplicación do artigo 8.2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, e por proposta do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, co informe favorable do seu Consello Social e do Consello Galego de Universidades, no exercicio das competencias sinaladas na Lei 2/2003, do 22 de maio, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dous de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.

Autorizar a modificación da denominación da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, que pasará a denominarse Facultade de Formación do Profesorado.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria