Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Mércores, 21 de decembro de 2011 Páx. 37517

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 28 de novembro de 2011 pola que se clasifica de interese tecnolóxico a Fundación Creares.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Creares con domicilio na rúa San Ignacio número 7, na Coruña.

Feitos.

1. Carlos Iglesias Agra, presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Creares foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o 11 de maio de 2011, ante o notario Juan Cora Guerreiro, co número de protocolo 933, por Carlos Iglesias Agra que actúa no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto a promoción da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, coa incentivación de actitudes innovadoras en todos os eidos: empresariais, investigadores, educativos e sociais.

4. O padroado inicial da fundación está formado por Carlos Iglesias Agra, como presidente; Óscar Rama Penas, como secretario, e Cristina Seco López e Alejandro Álvarez Cotelo, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese tecnolóxico da Fundación Creares, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese tecnolóxico e a súa adscrición á Consellería de Economía e Industria.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais, na súa reunión do día 21 de novembro de 2011,

DISPOÑO:

Clasificar de interese tecnolóxico a Fundación Creares, e adscribila ao protectorado da Consellería de Economía e Industria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza