Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Martes, 20 de decembro de 2011 Páx. 37404

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

ANUNCIO do 24 de outubro de 2011, da Dirección Xeral de Comercio, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental do proxecto de implantación dun hipermercado no centro comercial e de lecer Abella, no concello de Lugo, promovido por Sofiespa, S.L.(Grupo E. Leclerc).

De conformidade co disposto no artigo 9.2 do texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, e modificado pola Lei 6/2010, do 24 de marzo, iníciase o trámite de información pública e de participación pública, como parte integrante do procedemento de avaliación de impacto ambiental, do expediente do proxecto de implantación dun hipermercado no centro comercial e de lecer Abella, no concello de Lugo, promovido por Sofiespa, S.L. (Grupo E. Leclerc).

Para estes efectos, cubrindo a información que debe outorgarse ao público sobre os aspectos relevantes relacionados co procedemento de autorización do proxecto de referencia, infórmase do seguinte:

a) Sofiespa, S.L. (Grupo E. Leclerc), solicitou a concesión da autorización autonómica para a implantación dun hipermercado de 4.881 m2 de superficie útil de exposición e venda ao público no centro comercial e de lecer Abella, no concello de Lugo.

A actividade comercial principal para hipermercado desenvolverase nun local situado na planta semisoto, cunha superficie aproximada de 10.462 m2, dos cales 689 m2 están en entresollado e serán destinados a oficinas e vestiario, 2.697 m2 situados en planta semisoto que se destinarán a almacén, e os restantes 7.076 m2, situados en semisoto-baixo destinaranse a zona de laboratorios cunha superficie de 1.163 m2, locais técnicos cunha superficie aproximada de 217 m2, un mall de 455 m2, e unha sala de vendas central de 4.881 m2, onde se desenvolverá a actividade comercial principal para hipermercado.

b) E. Leclerc presentou un estudo de impacto ambiental que foi elaborado coa amplitude e co nivel de detalle aconsellado pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, nun escrito do 19 de outubro de 2011.

c) O proxecto está suxeito ao procedemento de avaliación de impacto ambiental en virtude do disposto no artigo 32.º.3 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

Este precepto establece que, logo de completar a documentación, o órgano instrutor recadará, entre outros informes, a declaración de impacto ambiental, que constituirá a acreditación do cumprimento do criterio f) do artigo 32.2 (a viabilidade e a legalidade ambiental do proxecto co cumprimento da normativa vixente en materia ambiental, que preverá a adopción de medidas positivas de protección ambiental que reduzan a contaminación acústica, a emisión de gases de efecto invernadoiro e a produción de residuos, e a súa xestión mediante procedementos de valorización, preferentemente mediante reciclaxe e reutilización, e a utilización da auga, da enerxía, das materias primas e doutros recursos de maneira eficiente). Para estes efectos, os proxectos de instalación de establecementos comerciais que precisan autorización comercial autonómica someteranse, en todo caso, aos trámites de avaliación de impacto ambiental. O procedemento correspondente quedará integrado no de outorgamento da autorización comercial e o órgano substantivo será a consellería competente en materia de comercio. Durante a tramitación da avaliación de impacto enténdese suspendido o procedemento para resolver a autorización autonómica.

d) A competencia para resolver o procedemento de avaliación de impacto ambiental en relación co referido proxecto corresponde á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Así mesmo, o órgano competente para resolver a solicitude de concesión da autorización comercial autonómica é a persoa titular da Consellería de Economía e Industria en virtude do establecido no artigo 32.1 da Lei do comercio interior de Galicia, e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

e) O órgano do cal pode obterse información ao respecto é o Servizo de Ordenación da Dirección Xeral de Comercio.

f) A declaración de impacto ambiental está configurada como un acto de trámite, de carácter vinculante, cuxo contido deberá integrarse no procedemento substantivo.

g) A solicitude, o estudo de impacto ambiental e o proxecto están dispoñibles ao público, para a súa consulta, nas dependencias da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, situadas no edificio administrativo San Caetano, bloque 5, terceiro andar, de Santiago de Compostela, das 9.00 ás 14.00 horas de luns a venres.

h) A participación do público poderá realizarse durante o prazo de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao de publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. As persoas que o desexen poderán tomar vista do expediente durante o referido período e formular as alegacións, observacións e suxestións que coiden oportunas, que deberán dirixirse á Dirección Xeral de Comercio e presentarse por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2011.

María Nava Castro Domínguez
Directora xeral de Comercio