Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Mércores, 14 de decembro de 2011 Páx. 36567

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

INSTRUCIÓN 16/2011, do 28 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios aplicables para a tramitación das prórrogas das concesións de explotación de recursos das seccións C e D.

A Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e a Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, establecen que a concesión de explotación de recursos da sección C ou da sección D se outorgará por un período de trinta anos prorrogable. En concreto, o artigo 30.2 desta última lei establece que a solicitude de renovación e prórroga se tramitará polo procedemento que se determine regulamentariamente.

Na falta dun desenvolvemento regulamentario autonómico das prórrogas e ao non recoller a Lei 22/1973 unha regulación sistemática destas, debe terse en conta o disposto no Regulamento xeral para o réxime da minaría, aprobado polo Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, que no seu artigo 81 literalmente di:

«Para a obtención de cada prórroga, o concesionario deberá presentar, tres anos antes, como mínimo, da terminación da vixencia da concesión (a Lei 3/2008 reduce este prazo a un ano) a correspondente solicitude dirixida ao director xeral de Minas e Industrias da Construción na Delegación Provincial do Ministerio de Industria e Enerxía que corresponda, acompañada dun informe subscrito polo director facultativo responsable, no cal deberá demostrarse a continuidade do recurso explotado ou o descubrimento dun novo, cálculo de reservas, proxecto xeral de explotación para o seguinte período e técnicas de explotación, tratamento e beneficio axeitadas ao progreso tecnolóxico».

A interpretación deste artigo debe facerse tendo en conta a normativa sectorial promulgada posteriormente, en particular o Real decreto 863/1985, do 2 de abril, que aproba o Regulamento xeral de normas básicas de seguranza mineira e as súas instrucións técnicas complementarias ITC.MIE.S.M.04.0.01, ITC.MIE.S.M.07.1.02, Orde ITC/101/2006, do 23 de maio, así como o Real decreto 975/2009, do 12 de xuño, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras. Ademais, debe terse tamén en consideración todo o desenvolvemento normativo operado a partir da Constitución, e os principios instaurados despois da incorporación de España á Unión Europea, en particular o marco de regulación relativo ao urbanismo, ordenación do territorio, e ambiente.

Por todo iso, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas considera necesario indicar os criterios que aplicarán as xefaturas territoriais co obxecto de coordinar a súa actuación na instrución dos procedementos de solicitude de prórroga de concesións de explotación de recursos da sección C e da sección D. Con esa finalidade dítase a presente instrución que, aínda que de acordo co previsto no artigo 37.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, non ten os efectos propios dunha norma xurídica de natureza administrativa, considérase conveniente a súa publicación para que todos poidan coñecer os criterios que seguirá a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas nesta materia, en prol dunha maior transparencia na xestión administrativa e da seguranza xurídica.

Instrución

Primeiro. Solicitudes de prórroga de concesións de explotación de recursos da sección C e D.

Cada xefatura territorial, a través do Servizo de Enerxía e Minas, iniciará a instrución dos expedientes de solicitude de prórroga de concesións de explotación de recursos da sección C e da sección D, que comprendan a maior extensión de superficie no seu ámbito territorial.

A instancia de solicitude, dirixida ao director xeral de Industria, Enerxía e Minas, deberá conter o nome, apelidos ou razón social do peticionario ou peticionarios, así como a súa veciñanza e domicilio, nome da concesión que se prorroga, recurso ou recursos minerais obxecto desta e situación, límites e extensión do terreo, expresado en cuadrículas mineiras, sobre o cal se solicita a prórroga dos dereitos de explotación derivados da concesión.

Coa solicitude deberá presentarse un informe detallado subscrito polo director facultativo responsable; a documentación acreditativa do cálculo de reservas; o proxecto xeral de explotación para o seguinte período, que incluirá o plan de restauración nos termos previstos no Real decreto 975/2008, do 12 de xuño, e o documento de seguranza e saúde conforme a Orde ITC/101/2006, do 23 de maio; e a certificación sobre a cualificación urbanística do solo que ocupará a actividade.

O informe técnico do director facultativo demostrará a continuidade do recurso explotado ou o descubrimento dun novo e a adecuación das técnicas de aproveitamento ao progreso tecnolóxico; detallará os labores efectuados durante o período de vixencia da concesión, os investimentos realizados e os empregos xerados e porá de manifesto se o proxecto xeral de explotación e o plan de restauración para o seguinte período constitúe unha modificación substancial ou a ampliación do que se vén executando ou se, pola contra, consiste nunha mera prolongación temporal do proxecto xeral de explotación e do plan de restauración vixentes, por non supor modificación de superficie, nin incremento de recursos, residuos ou emisións por enriba dos previstos no primeiro período de vixencia da concesión. Ao informe xuntaranse os planos que sexan necesarios para xustificar o seu contido, incluíndo, así mesmo, os que identifiquen a cualificación urbanística do solo que ocupará a actividade.

Segundo. Tramitación das solicitudes.

O Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial comprobará que a solicitude de prórroga reúne os requisitos sinalados e, se for o caso, requirirá o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución.

Unha vez revisadas as solicitudes e efectuadas as emendas, o Servizo de Enerxía e Minas, logo de estudo dos documentos presentados e confrontación sobre o terreo do proxecto de explotación e do plan de restauración que acompañan a solicitude, emitirá informe que detallará se a prórroga da concesión está xustificada, se a superficie solicitada é adecuada á que se considera necesaria para a prórroga da actividade e se o proxecto de explotación e o plan de restauración supoñen a continuidade dos autorizados no seu día ou implican cambio ou ampliación destes, así como dos outros aspectos considerados no informe do director facultativo.

A xefatura territorial, nun prazo máximo de dous meses, elevará o expediente á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas xunto co informe do Servizo de Enerxía e Minas.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas