Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Mércores, 14 de decembro de 2011 Páx. 36570

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 12 de decembro de 2011 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada no sector de hospitalización e internamento da provincia de Pontevedra para o día 15 de decembro de 2011 e os días 18 e 25 de xaneiro de 2012.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG n.º 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións sindicais CC.OO., UGT e CIG presentaron convocatoria de folga que se desenvolverá das 00.00 ás 24.00 horas o día 15 de decembro de 2011 e os días 18 e 25 de xaneiro de 2012. A dita folga afectará, no que resulta de interese para o obxecto desta orde, a todas as actividades desempeñadas polos traballadores e traballadoras dos centros comprendidos no ámbito de aplicación do Convenio provincial de hospitalización e internamento da provincia de Pontevedra.

Outorgada audiencia aos comités de folga, a conselleira

DISPÓN:

Artigo 1.

A folga que se desenvolverá das 00.00 ás 24.00 horas o día 15 de decembro de 2011 e os días 18 e 25 de xaneiro de 2012, e que afectará todas as actividades desempeñadas polos traballadores e traballadoras dos centros comprendidos no ámbito de aplicación do Convenio provincial de hospitalización e internamento da provincia de Pontevedra, deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura dos servizos esenciais de asistencia sanitaria. Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga, coa atención á poboación que, baixo ningún concepto, pode quedar desasistida polas características do servizo dispensado.

E por iso mantéñense os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible a doentes hospitalizados, así como a atención urxente e permanente que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

Entrando na análise pormenorizada dos servizos esenciais, establécense os seguintes criterios reitores na determinación do persoal necesario para o seu mantemento nas institucións afectadas:

A) Persoal facultativo:

1. Cobertura do 100% da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias e gardas médicas.

– Quirófanos urxentes para a atención dos usuarios que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

– Paritorios.

2. Cobertura do 100% da actividade nas seguintes áreas:

– Unidades de reanimación.

– Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias, se é o caso.

– Área de diálise.

– Área de tratamentos oncolóxicos (radioterapia, hospital de día).

3. Cobertura da actividade cirúrxica nos doentes, tanto hospitalizados como ambulatorios, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a vida dos mesmos ou agraven o seu estado de saúde, en especial, procesos neoplásicos.

4. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir as visitas médicas, a atención indefectible dos doentes hospitalizados e as altas clínicas.

5. No ámbito de consulta así como as interconsultas dos doentes hospitalizados que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, a criterio do persoal facultativo. Así mesmo atenderanse as consultas inaprazables dos doentes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os doentes desprazados.

6. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias urxentes, e as que se refiren aos doentes hospitalizados que, a criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, entendéndose incluídas as dos doentes con neoplasias malignas.

7. Garantirase a dispensación de sangue, medicamentos e de produtos sanitarios, que ao criterio do facultativo sexan necesarias.

8. Garantirase a atención necesaria a pacientes subsidiarios de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

B) Persoal sanitario non facultativo:

1. Cobertura do 100% da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias.

– Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos usuarios que requiran intervencións cirúrxicas inaprazables no ingreso.

– Atención aos paritorios.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos doentes hospitalizados, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

3. No ámbito de consultas estableceranse mínimos nun dobre ámbito:

– Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

– Así mesmo atenderanse as consultas inaprazables dos doentes oncolóxicos que requiran tratamento citostático e os doentes desprazados.

4. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos doentes hospitalizados que, a criterio dos facultativos, sexan necesarios e inaprazables, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

5. Garantirase a dispensación de medicamentos, hemoderivados e produtos sanitarios, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

6. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos pacientes, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

C) Persoal non sanitario:

1. Urxencias: o 100% do persoal.

2. Área de hospitalización: un número de efectivos equivalente ao de domingos ou festivos.

3. Cita previa: un número de efectivos que garantan a atención ao doente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50% dos efectivos da quenda.

4. Servizos de admisión e arquivo: un número equivalente ao de domingos ou festivos.

5. Atención ao doente: un número de efectivos que garantan a atención ao doente que o requira, cun mínimo dun por centro e ata un máximo do 50% dos efectivos da quenda.

6. Servizos de mantemento: un número equivalente aos domingos ou festivos.

7. Servizo de lavandaría e lenzaría: un número equivalente aos domingos e festivos ou ata o 50% dos efectivos da quenda.

8. Limpeza: ata o 50% dos efectivos da quenda.

9. Hostalaría: un número mínimo igual aos domingos ou festivos, ou ben un 60% dos efectivos da quenda, en función do tamaño das prestacións dependentes de hostalaría en cada centro.

Coa finalidade de garantir o adecuado mantemento do servizo, servirase, con carácter xeral, un único menú aos doentes que non requiran dieta médica especial.

10. Condutores: o mesmo número de efectivos cos domingos ou festivos, cun mínimo, en todo caso, dun efectivo.

11. Servizos administrativos:

– Información: o número de profesionais necesarios para garantir a debida información aos pacientes.

– Persoal: o número imprescindible para garantir as incidencias e xestións derivadas da folga e como máximo ata o 40% dos efectivos da quenda.

– Subministracións: o número imprescindible para garantir os pedidos urxentes e ata un máximo do 25% dos efectivos da quenda.

– Almacén: un número imprescindible para a xestión do almacén e ata un máximo do 25% dos efectivos da quenda.

– Contabilidade: un número imprescindible para as xestións urxentes e ata un 25% dos efectivos da quenda.

D) Outras áreas de traballo ou servizos.

Establecerase, con carácter xeral, un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

Artigo 2.

A determinación dos profesionais necesarios con base nos criterios anteriores farase pola dirección, debendo estar a súa fixación adecuadamente motivada, mediante a designación nominal e individual destes.

A/os profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios do centro, con antelación ao comezo da folga.

A/o profesional designado como servizo mínimo, que desexe exercer o seu dereito de folga, poderá instar a substitución da súa designación por outra/o profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos da institución, exteriorizarse axeitadamente para xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as prestacións mínimas.

Con tales premisas, no anexo desta resolución recóllese o número de efectivos de servizos mínimos para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3.

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios de cada centro, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE n.º 58, do 9 de marzo).

Artigo 4.

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5.

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira.

A presente orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2011.

Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade

ANEXO

Centro: Centro Médico Pintado

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

5

5

5

Persoal sanitario non facultativo

1

1

1

Persoal non sanitario

4

2

2

Centro: Centro Médico El Castro-Clínica Ntra. Sra. del Perpetuo Socorro

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

1

1

1

Persoal sanitario non facultativo

11

10

8

Persoal non sanitario

5

5

0

Centro: Sanatorio Concheiro Raconsa, S.L.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

2

1

1

Persoal sanitario non facultativo

4

5

2

Persoal non sanitario

4

4

0

Centro: Clínica Residencial El Pinar

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

4

2

1

Persoal sanitario non facultativo

8

7

3

Persoal non sanitario

11

7

0

Centro: Sanatorio Santamaría

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

1

1

1

Persoal sanitario non facultativo

4

3

2

Persoal non sanitario

2

1

0

Centro: Hospital Nosa Señora de Fátima

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

10

9

3

Persoal sanitario non facultativo

44

37

18

Persoal non sanitario

30

17

0