Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 29 de novembro de 2011 Páx. 35163

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 18 de novembro de 2011 pola que se modifica a Orde do 27 de abril de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2010 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración financiados polo Fondo Europeo de Pesca, que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos.

O obxecto da Orde do 27 de abril de 2010 é establecer as bases reguladoras xerais para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración, financiados polo FEP, que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos.

O artigo 24 da citada orde recolle a necesidade de que os beneficiarios das axudas presten garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos parciais, nos supostos alí recollidos.

A situación económica de crise que vive actualmente o sector pesqueiro aconsella, de acordo co disposto no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a modificación da citada Orde da Consellería do Mar do 24 de abril de 2010.

DISPOÑO:

Artigo único.

Modificación do número 3 do artigo 24 da Orde do 27 de abril de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2010 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración, financiados polo Fondo Europeo de Pesca, que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos, que queda redactado como segue:

«3. A garantía deberá cubrir o 110% do importe dos anticipos ou pagamentos parciais».

Así mesmo, engádese un número 5 do seguinte teor:

«5. Nos supostos establecidos neste artigo, por razóns xustificadas, e por petición da entidade beneficiaria de acordo co previsto nos artigos 65.2 e 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar a constitución por importe inferior ao establecido no número 3 deste artigo ou eximir da obriga de constituír garantías».

Disposición derradeira.

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2011.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Mar