Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 28 de novembro de 2011 Páx. 35017

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 23 de novembro de 2011 pola que se modifica o artigo 19 da Orde do 20 de xullo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para investimentos innovadores para o crecemento empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede a súa convocatoria para o ano 2011 (código de procedemento IN848A), así como o artigo 6 do anexo I da mesma Orde.

Mediante Orde do 20 de xullo de 2011 establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para investimentos innovadores para o crecemento empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

No artigo 19.1 da devandita orde establécese que para xustificar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 3 desta convocatoria e na data límite do 30 de novembro de 2011, ademais da documentación exixida no artigo 6 das bases reguladoras, a documentación que se indica. Establécese, así mesmo, que o período de emisión das facturas será desde a data de presentación das solicitudes das subvencións ata o 30 de novembro de 2011, e que en ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data anterior á solicitude da subvención nin posterior ao 30 de novembro de 2011.

Por outra banda, no artigo 6 do anexo I da devandita orde, establécese que para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar na data límite do 30 de novembro de 2011 a documentación que se indica.

Tendo en conta o atraso producido na resolución das devanditas axudas, motivado polo volume de solicitudes presentadas e polo longo proceso de avaliación, e co fin de viabilizar o proceso de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o referido artigo 19 da convocatoria, así como o artigo 6 do anexo I da mesma, mediante a seguinte

Disposición única.

Modificación parcial do artigo 19 da Orde do 20 de xullo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para investimentos innovadores para o crecemento empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, que queda redactado do seguinte xeito nos parágrafos afectados:

19.1. Para xustificar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 3 desta convocatoria e na data límite do 31 de decembro de 2011, ademais da documentación exixida no artigo 6 das bases reguladoras, a documentación que a continuación se indica: (.../...).

19.1.b. O período de emisión das facturas será desde a data de presentación das solicitudes das subvencións ata o 31 de decembro de 2011.

19.1.c. Documentación xustificativa do pagamento: orixinal ou fotocopia compulsada de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data anterior á solicitude da subvención nin posterior ao 31 de decembro de 2011. Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, a satisfacción do importe total da factura, o número de factura a que correspondan, así como o concepto a que se refiren.

Modificación parcial do artigo 6 do anexo I da devandita Orde do 20 de xullo de 2011, que queda redactado do seguinte xeito no seu primeiro parágrafo:

Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar na data límite do 31 de decembro de 2011 a seguinte documentación (.../...).

Disposición final.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2011.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria