Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 28 de novembro de 2011 Páx. 35019

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 23 de novembro de 2011 pola que se modifican o artigo 6 dos anexos I e II e o artigo 7 do anexo III da Orde do 20 de xullo de 2011, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concurrencia competitiva, das subvencións para o apoio ao crecemento empresarial mediante o fomento da investigación e a innovación empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 (códigos de procedemento IN841A, IN841B, IN841C).

Pola Orde do 20 de xullo de 2011 aprobáronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o apoio ao crecemento empresarial mediante o fomento da investigación e a innovación empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

No artigo 6 dos anexos I e II e no artigo 7 do anexo III da devandita orde establécense que os prazos de presentación da documentación xustificativa da subvención concedida rematan o 30 de novembro de 2011. Establécese, así mesmo, que o período de emisión de facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados será ata o 30 de novembro de 2011.

Tendo en conta o atraso producido na resolución das devanditas axudas, motivado polo volume de solicitudes presentadas e polo longo proceso de avaliación, e co fin de viabilizar o proceso de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o referido artigo 6 dos anexos I e II e o artigo 7 do anexo III da convocatoria, mediante a seguinte

Disposición única.

Modificación parcial do artigo 6 dos anexos I e II e do artigo 7 do anexo III da Orde do 20 de xullo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o apoio ao crecemento empresarial mediante o fomento da investigación e a innovación empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, que quedan redactados do seguinte xeito nos parágrafos afectados:

Artigo 6.1 do anexo I. Prazos de xustificación:

Prazo de presentación da documentación xustificativa

31 de decembro de 2011

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados

Desde a data de presentación da solicitude ata o 31 de decembro de 2011

Artigo 6.1 do anexo II. Prazos de xustificación:

Prazo de presentación da documentación xustificativa

31 de decembro de 2011

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados

Desde o 1 de xaneiro de 2011 ata o 31 de decembro de 2011

Artigo 7.1 do anexo III. Prazos de xustificación:

Prazos de presentación da documentación:

Expedientes plurianuais (1.ª anualidade) ou expedientes dunha única anualidade

31 de decembro de 2011

Expedientes plurianuais (resto de anualidades)

31 de outubro da anualidade de que se trate

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Expedientes plurianuais (1.ª anualidade) ou expedientes dunha única anualidade

Desde a data de presentación da solicitude ata o 31 de decembro

Restantes anualidades (incluída a derradeira)

Desde a data límite de xustificación da anterior anualidade ata o 31 de outubro do ano correspondente

Disposición derradeira.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2011.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria