Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 25 de novembro de 2011 Páx. 34853

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar no ano 2012.

A Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, relativa á cualificación inicial e á formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, pola que se modifican o Regulamento (CEE) n.º 3820/85 do Consello e a Directiva 91/439/CEE do Consello, establece unha nova formación obrigatoria para determinados condutores profesionais.

A formación obrigatoria dos condutores establécese como algo diferente da que actualmente existe para a obtención dos permisos de condución a que se refire a Directiva 91/439/CEE do Consello, do 29 de xullo de 1991, sobre o permiso de condución, incorporada ao ordenamento interno polo Regulamento xeral de condutores, aprobado polo Real decreto 772/1997, do 30 de maio. A nova formación difire desta última tanto na súa estrutura como no seu contido e destinatarios. Por unha parte, establécese unha cualificación inicial que debe obterse con independencia do permiso de condución e, por outra, unha formación continua dirixida a manter actualizados os coñecementos inicialmente exixidos. As materias sobre as que se exixen coñecementos afectan fundamentalmente á actividade de transporte á que se dedican profesionalmente estes condutores.

En desenvolvemento destas previsións ditouse o Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, que no seu capítulo VI (artigos 14 a 17), e no seu anexo V, recolle a regulación dos exames para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial.

A convocatoria destas probas corresponde á Xunta de Galicia con base na delegación de competencias efectuada pola Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de competencias do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.

O artigo 15 do referido Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, establece que deberán convocarse exames polo menos seis veces ao ano, podendo o órgano competente publicar unha vez ao ano todas as convocatorias referidas a este, indicando os prazos de inscrición correspondentes a cada convocatoria.

Con base nas ditas previsións ditouse a Orde do 19 de novembro de 2009, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se estableceron as bases e as regras de desenvolvemento das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia; na que, co obxecto de incidir na transparencia destes procesos, se incluíron normas que se van ter en conta necesariamente polo tribunal designado para a súa celebración e avaliación.

Na dita norma previuse expresamente unha habilitación á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para levar a cabo as sucesivas convocatorias de exame, con respecto ás premisas recollidas na orde.

Na súa virtude, de conformidade coas previsións contidas na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, na Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, no Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, e na Orde do 19 de novembro de 2009 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

DISPOÑO:

1. Esta resolución dítase ao amparo da disposición décima da Orde do 19 de novembro de 2009 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, por medio da cal se habilita o titular da Dirección Xeral de Mobilidade a ditar as convocatorias e calendarios das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Polo exposto, e con sometemento ás bases previstas na Orde do 19 de novembro de 2009, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se establecen as bases e as regras de desenvolvemento das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia; procédese, por medio desta resolución, a convocar as probas que se van celebrar no ano 2012.

Convocatoria para o ano 2012.

– Por medio desta resolución convócanse os procesos selectivos das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2012.

Realizaranse nove convocatorias, que se desenvolverán nos meses que a continuación se detallan, tanto para as categorías D1, D1 + E, D e D + E, como para as categorías C1, C1 + E, C e C + E.

– As probas correspondentes a cada un dos indicados procesos terán lugar, consonte o seguinte calendario:

– Primeira convocatoria: entre o 18 e o 29 de xaneiro de 2012.

– Segunda convocatoria: entre o 29 de febreiro e o 11 de marzo de 2012.

– Terceira convocatoria: entre o 11 e o 22 de abril de 2012.

– Cuarta convocatoria: entre o 23 de maio e o 3 de xuño de 2012.

– Quinta convocatoria: entre o 27 de xuño e o 8 de xullo de 2012.

– Sexta convocatoria: entre o 1 e o 12 de agosto de 2012.

– Sétima convocatoria: entre o 19 e o 30 de setembro de 2012.

– Oitava convocatoria: entre o 7 e o 18 de novembro de 2012.

– Novena convocatoria: entre o 12 e o 23 de decembro de 2012.

– O prazo de presentación das solicitudes abrirase con motivo da convocatoria do primeiro exame, de acordo co previsto nesta resolución; establecéndose para as sucesivas convocatorias de exame un sistema de «convocatorias abertas», o cal consistirá na apertura automática dos prazos para a presentación das solicitudes de exame, a partir do día seguinte ao fixado, nesta base, como día final para a presentación das solicitudes de exame da convocatoria inmediatamente anterior.

Deste xeito, a data prevista nesta resolución como de peche de prazo de presentación de solicitudes de cada unha das convocatorias, funcionará ao mesmo tempo como referencia para fixar o comezo do cómputo do novo prazo para a seguinte convocatoria de exame, de conformidade co establecido no seguinte calendario:

– Primeira convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 28 de novembro de 2011 ao 30 de decembro de 2011, ambos inclusive.

– Segunda convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 31 de decembro de 2011 ao 11 de febreiro de 2012, ambos inclusive.

– Terceira convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 12 de febreiro ao 26 de marzo de 2012, ambos inclusive.

– Cuarta convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 27 de marzo ao 28 de abril de 2012, ambos inclusive.

– Quinta convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 29 de abril ao 9 de xuño de 2012, ambos inclusive.

– Sexta convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 10 de xuño ao 14 de xullo de 2012, ambos inclusive.

– Sétima convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 15 de xullo ao 1 de setembro de 2012, ambos inclusive.

– Oitava convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 2 de setembro ao 13 de outubro de 2012, ambos inclusive.

– Novena convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 14 de outubro ao 1 de decembro de 2012, ambos inclusive.

De acordo co establecido na Orde do 19 de novembro de 2009, as solicitudes de participación nas probas poderán presentarse a) por vía telemática; b) no Rexistro Auxiliar da Dirección Xeral de Mobilidade (praza de Europa, 5 A-2.ª planta. Área Central-As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela); ou c) por algún dos medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixido á Dirección Xeral de Mobilidade, incluída a presentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo http://www.xunta.es/sede-electronica.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2011.

Miguel Rodríguez Bugarín
Director xeral de Mobilidade

missing image file
missing image file