Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Xoves, 17 de novembro de 2011 Páx. 33668

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 7 de novembro de 2011 pola que se acorda a cesión en propiedade dunha motoniveladora ao Concello de Xinzo de Limia.

A Lei 31/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da comunidade autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social e o Decreto 50/1989, polo que se aproba o regulamento da citada Lei 3/1985, exixe que a orde de cesión exprese a finalidade concreta a que a entidade beneficiaria debe destinar os bens, así como as súas condicións.

A Xunta é titular na actualidade dunha motoniveladora que se atopa na actualidade nas instalacións do Servizo Provincial de Infraestruturas da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI) en Ourense, máis en concreto, nas instalacións do Servizo de Infraestruturas no polígono industrial de San Cibrao das Viñas (Ourense).

As súas características son as seguintes:

Marca da motoniveladora: John Deere.

Modelo: 670A.

Número de bastidor: 010255.

Potencia: 125 HP.

Matrícula: MOP-19893.

Esta motoniveladora foi transferida á Xunta de Galicia en virtude do disposto no Real decreto 3317/1982, do 24 de xullo (BOE n.º 291, do 4 de decembro), sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de estradas.

De conformidade co previsto no artigo 27, números 15 a 29, do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire o artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Acórdase a cesión en propiedade ao Concello de Xinzo de Limia (Ourense) da seguinte máquina motoniveladora:

Marca da motoniveladora: John Deere.

Modelo: 670A.

Número de bastidor: 010255.

Potencia: 125 HP.

Matrícula: MOP-19.893.

Artigo 2.

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido nos artigos 35 bis da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, o ben cedido destinarao o concello a fins de utilidade pública ou de interese social, de xeito especial a traballos nas estradas.

b) Coa cesión outórgaselle ao Concello de Xinzo de Limia a propiedade do ben moble cedido.

c) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido.

d) Serán causas de resolución da cesión acordada, revertendo o ben ao patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que aquel experimentase, as seguintes:

– A non aplicación do ben cedido ao fin sinalado na letra a) deste artigo.

– A súa utilización con grave quebrantamento.

– En xeral, o incumprimento da cesión.

Artigo 3.

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario en quen delegue, e nela deberá constar o acordo de cesión e aceptación do cesionario.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o secretario xeral técnico da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas