Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Xoves, 10 de novembro de 2011 Páx. 32808

III. Outras disposicións

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2011 pola que se fai público o Acordo do Consello de Administración de Portos de Galicia do 22 de setembro de 2011 sobre a ordenación e regulación da velocidade do tráfico nos portos da comunidade.

Na sesión celebrada o día 22 de setembro de 2011 o Consello de Administración do ente público Portos de Galicia acordou a aprobación da norma de fixación da velocidade en zona portuaria I en 3 nós, para a ordenación e regulación da velocidade do tráfico nos portos de comunidade autónoma.

Co obxectivo de mellorar as manobras de atracada e desatracada de embarcacións nos portos dependentes de Portos de Galicia e as interferencias no tráfico nas canles de entrada aos portos, establécense as seguintes medidas de obrigado cumprimento:

1. As entradas e saídas nos portos efectuaranse polas canles que estiveren establecidas o, se for o caso, mantendo as normas establecidas en navegación, é dicir, manténdose cada barco ao seu estribor, no sentido da súa marcha, da zona navegable, dando o resgardo conveniente nas zonas cegas por mor de espigóns ou peiraos.

2. Terán preferencia as embarcacións en manobras de saída dos portos sobre as que estean entrando no porto.

3. Todas as embarcacións navegarán, en todo momento, a unha velocidade de seguranza que lles permita manobrar adecuadamente para evitar abordaxes ou, se for preciso, parar a embarcación no menor espazo posible.

4. En calquera caso, establécese unha velocidade máxima de 3 nós ou, no seu defecto, a velocidade mínima que permita manobrar con seguranza.

5. A 300 metros de cada espigón de entrada aos portos, a velocidade deberá ser inferior a 6 nós, cumprindo co número anterior en canto se encontren atravesando os espigóns de entrada. No caso de mala visibilidade, extremaranse as precaucións durante as manobras de entrada e saída.

6. Prohíbese a navegación a vela nas canles de entrada aos portos. As embarcacións cuxa única propulsión sexa a vela deberán saír ou entrar remolcadas.

7. As actividades de piragüismo ou remo non se poden realizar dentro dos portos, agás en zonas expresamente habilitadas e autorizadas para este deporte.

8. Os buques de pasaxe de tráfico de ría, pola súa necesidade de ocuparen durante a manobra de atracada/desatracada as canles de entrada, terán nesa zona prioridade ante outras embarcacións, as cales deberán esperar a que finalicen as manobras das embarcacións de pasaxe.

9. As embarcacións de pasaxe extremarán os cumprimentos dos seus horarios programados para evitar riscos con outras embarcacións que utilicen os mesmos puntos de atracada ou próximos.

10. Están prohibidos os adiantamentos dentro das zonas portuarias, especialmente entre as embarcacións de tráfico de pasaxe.

11. Estas normas non substitúen a responsabilidade propia dos armadores ou patróns das embarcacións, que deberán tomar todas as precaucións necesarias para manexar as súas embarcacións e evitar accidentes.

Todo o cal se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2011.

José Ignacio Villar García
Director de Portos de Galicia