Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Martes, 8 de novembro de 2011 Páx. 32540

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 205/2011, do 27 de outubro, polo que se autoriza ao Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin a implantación dos estudos correspondentes aos títulos de Bachelor of Architectural Science and Master of Architecture e de Bachelor of Commerce, conforme o sistema vixente en Irlanda e conducentes á obtención de titulacións non homologadas cos do sistema educativo español.

A Constitución española do 27 de decembro de 1978 (BOE do 29 de decembro), no seu artigo 27.6, recoñece ás persoas físicas e xurídicas a liberdade de creación de centros docentes dentro do respecto aos principios constitucionais.

No ámbito estatal é a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e o Real decreto 557/1991, do 12 de abril (BOE do 20 de abril), desenvolvido pola Orde do 26 de maio de 1993 (BOE do 1 de xuño), onde se regula a materia relacionada cos estudos universitarios.

No ámbito autonómico esta materia está regulada no Decreto 259/1994, do 29 de xullo (DOG do 16 de agosto), polo que se establece o procedemento para a creación e o recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorizacións de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia. Os artigos 9 e 10 recollen a posibilidade de conceder autorización para o establecemento dun centro estranxeiro e a autorización de estudos de nivel universitario conducentes á obtención de títulos conforme o sistema vixente noutros países non homologados cos títulos do sistema educativo español.

Así, polo Decreto 60/1997, do 14 de marzo (DOG do 25 de marzo), concedeuse autorización de establecemento en Galicia, como centro estranxeiro universitario adscrito á Universidade de Dublín, á sociedade de responsabilidade limitada Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia. Este centro identifícase para todos os efectos como Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin.

Polos decretos 241/1995 e 74/2004 concedéuselle autorización á Cesuga, S.L. para implantar os estudos correspondentes aos títulos de Bachelor of Commerce e Bachelor of Architecture e por medio de ordes sucesivas concedéuselle autorización ao citado centro para a efectiva impartición dos cursos correspondentes a cada unhas das titulacións.

Tanto o centro encargado de impartir en Galicia estes estudos como a súa implantación efectiva sometéronse, para os efectos do establecido no artigo 86.2 da Lei orgánica 6/2001, á avaliación polo órgano encargado nesta comunidade autónoma (Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia-ACSUG).

Como consecuencia das transformacións habidas no ámbito social e económico da sociedade estreitamente relacionadas co ámbito universitario, a University College Dublin viuse na necesidade de adaptar estas titulacións que se imparten en Galicia ao Espazo Europeo de Educación Superior, adaptación que afecta a denominación e os plans de estudos de cada unha delas. Estas titulacións contan coa acreditación certificada, expedida pola Embaixada de Irlanda en España, de que os plans de estudos están debidamente recoñecidos no seu país e que as ensinanzas teñen plena validez no referido país, a que se fai referencia nos artigos 18.1) b e 19 en relación cos artigos 9 e 10 do Decreto 259/1994, do 29 de xullo. Cumpridos todos os requisitos previos ao acto formal da implantación pola Xunta de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e sete de outubro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Autorización de implantación de estudos.

Concédese autorización ao Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin, domiciliado na rúa Feáns n.° 152 da Coruña, para que ao abeiro do Decreto 259/1994, do 29 de xullo, e de acordo co convenio de compromiso académico asinado polo citado centro coa University College Dublin, National University of Ireland, Dublín, se implanten na cidade da Coruña e dentro dos locais establecidos para o efecto no domicilio do centro, os estudos correspondentes aos títulos de Bachelor of Architectural Sciencie & Master of Architecture, e Bachelor of Commerce, conforme o sistema educativo vixente en Irlanda e conducentes á obtención dos títulos superiores non homologados academicamente cos títulos universitarios do sistema educativo español.

Artigo 2. Validez dos estudos.

Tal como consta no convenio de compromiso académico asinado entre o Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin e a University College Dublin, Nacional University of Ireland, Dublín, os estudos autorizados terán a validez académica da citada universidade. Os títulos de Bachelor of Architectural Sciencie & Master of Architecture e de Bachelor of Commerce que se obteñan non terán nin o carácter oficial nin a validez en todo o territorio nacional que o artigo 34 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, lles atribúe aos títulos universitarios españois establecidos polo Goberno.

Artigo 3. Implantación progresiva e efectiva impartición.

A efectiva impartición dos cursos dos que constan os estudos a que se refire o artigo 1 deste decreto farase mediante orde anual da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Para este fin, o centro deberá xustificar e especificar previamente, ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a contratación de profesores mantendo as ratios de calidade de profesor/alumno a que se comprometeu no expediente así como os requisitos relativos aos espazos. A implantación dos cursos farase progresivamente, ano a ano.

Artigo 4. Tempo de funcionamento.

O Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin deberá manter en funcionamento o programa de estudos aprobado pola University College Dublin, National University of Ireland, Dublín, durante o período mínimo necesario que permita rematar os seus estudos aos alumnos que, con aproveitamento normal, iniciaran ambos os bachelors autorizados.

Artigo 5. Inspección.

1. Para os efectos previstos no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no artigo 86 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e nos artigos 3 e 4 da Lei 7/2001, do 2 de xullo, de control en materia de creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria inspeccionará o cumprimento, por parte do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin, das normas que sexan de aplicación e das obrigas que teñen que asumir.

2. O Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin, colaborará cos órganos competentes da devandita consellería na tarefa de inspección, facilitando a documentación e o acceso ás súas instalacións que lle sexan requiridos.

3. O Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin comunicará e solicitará da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a autorización para todas cantas modificacións se puidesen producir respecto dos estudos autorizados, nas normas de organización e funcionamento ou na súa situación patrimonial, respecto do establecido no expediente de solicitude. Así mesmo, o centro comunicará a regulamentación especifica de bolsas de investigación e o estudo que poña en marcha.

4. O Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin garantirá que os estudantes que se matriculen nos estudos conducentes ao título de Bachelor of Architectural Sciencie & Master of Architecture e o título de Bachelor of Commerce dispoñan dunha correcta información sobre as ensinanzas e títulos a que poden acceder.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogado o Decreto 241/1995, do 28 de xullo, polo que se concede autorización á entidade promotora Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, S.L. (Cesuga), para implantar os estudos correspondentes ao título Bachelor of Commerce, conforme o sistema vixente noutro pais e conducente á obtención de títulos non homologados cos do sistema educativo español, o Decreto 74/2004, do 25 de marzo, polo que se lle concede autorización ao Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin, para implantar os estudos correspondentes ao título Bachelor of Architecture, conducente á obtención de títulos non homologados cos do sistema educativo español, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de outubro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria