Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Luns, 7 de novembro de 2011 Páx. 32415

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 25 de outubro de 2011 pola que se acorda a cesión en propiedade da embarcación Agoeira (antes Illa da Creba), propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Autoridade Portuaria de Vigo.

A Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da comunidade autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, e o Decreto 50/1989, polo que se aproba o regulamento da citada Lei 3/1985, exixe que a orde de cesión exprese a finalidade concreta a que a entidade beneficiaria debe destinar os bens, así como as súas condicións.

Por outra banda, a Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante, define as autoridades portuarias como aquelas entidades de dereito público con personalidade xurídica e patrimonio propios ás cales corresponden, entre outras, competencias en materia de control das operacións marítimas e terrestres relacionadas co tráfico portuario e cos seus servizos, de fomento das actividades industriais e comerciais, así como de ordenación da zona de servizo do porto e dos seus usos en coordinación coas administracións competentes.

O 8 de setembro de 2004 (DOG núm. 190, do 29 de setembro) a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (actualmente Consellería do Mar) acordou a cesión en uso da seguinte embarcación, propiedade da Xunta de Galicia, á Autoridade Portuaria de Vigo:

Nome da embarcación: Illa da Creba.

Ano de construción: 1993.

Modelo: Anduriña II n.º 40.

Motor: Suzuki n.º DT225TCLN (225 c.v.).

Dimensións: manga 2 m, eslora 5,30 m, puntal 0,77 m.

T.R.B.: 1,99.

Datos de inscrición: folio1-93, lista 8.ª,

Ano de inscrición: 1993.

O 27 de setembro de 2005 a Capitanía Marítima de Vilagarcía autorizou o cambio de nome da dita embarcación polo de Agoeira.

O 1 de xuño de 2011 a Autoridade Portuaria de Vigo solicitou a renovación da cesión con carácter indefinido, e o 19 de setembro solicitou a cesión en propiedade.

Sendo que a referida autoridade portuaria destina a embarcación Agoeira para a realización de labores de vixilancia e control no porto de Vigo, e considerando que, á vista da complementariedade das actividades que teñen que desenvolver ambas as administracións, a regulación deste tipo de mecanismos de colaboración, cooperación e asistencia activas e voluntarias están encamiñados a cumprir cunha maior eficiencia o exercicio das competencias atribuídas a cada unha delas, así como para reforzar o esforzo dedicado co fin de que as medidas adoptadas por unha e outra se potencien mutuamente, non existe inconveniente para a súa cesión en propiedade con destino aos fins sinalados.

Por todo o exposto, de conformidade co disposto no artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis, do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, e en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Acórdase a cesión en propiedade á Autoridade Portuaria de Vigo da seguinte embarcación:

Nome da embarcación: Agoeira.

Ano de construción: 1993.

Modelo: Anduriña II n.º 40.

Motor: Suzuki n.º DT225TCLN (225 c.v.).

Dimensións: manga 2 m, eslora 5,30 m, puntal 0,77 m.

T.R.B.: 1,99.

Datos de inscrición: folio1-93, lista 8.ª Vilagarcía.

Ano de inscrición: 1993.

Artigo 2.

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O ben cedido destinarase aos labores de vixilancia e control nas instalacións portuarias.

b) Coa cesión outórgaselle á Autoridade Portuaria de Vigo a propiedade do ben moble cedido. A Autoridade Portuaria de Vigo efectuará o cambio de titularidade no Rexistro Marítimo Español, distrito marítimo de Vilagarcía. O cambio de titularidade comunicarase á Consellería do Mar.

c) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido.

d) Serán causas de resolución da cesión acordada, revertendo o ben ao patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor de detrimento ou deterioración que aqueles experimentasen, as seguintes: non aplicación ao fin sinalado na alínea a) deste artigo, a súa utilización con grave quebranto e, en xeral, o incumprimento das condicións da cesión.

Artigo 3.

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico da Consellería do Mar ou funcionario en que delegue, e o órgano competente da autoridade portuaria, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o secretario xeral técnico da Consellería do Mar para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2011.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar