Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 3 de novembro de 2011 Páx. 32187

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2011 pola que se convocan probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

O Decreto 8/2010, do 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas (DOG n.º 24, do 5 de febreiro), establece no seu artigo 6.1 que para desenvolver a función de control de acceso se deberá contar coa habilitación da dirección xeral con competencia na materia, tras a obtención do certificado acreditativo de superar as probas previstas no artigo 5 da norma mencionada, expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

Igualmente, o artigo 2 da Orde do 21 de abril de 2010 pola que se aproban as bases xerais das probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas (DOG número 78, do 27 de abril), establece que lle corresponde ao director/a xeral da Academia Galega de Seguridade Pública, mediante resolución, proceder á convocatoria das probas para a obtención da habilitación a que se refire o citado Decreto 8/2010.

Como consecuencia do anterior, e en virtude das competencias que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Convocatoria e réxime xurídico.

Convócanse as probas para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

As probas rexeranse polo establecido nesta resolución e nas bases xerais recollidas na Orde do 21 de abril de 2010 (DOG número 78, do 28 de abril).

Documentación das solicitudes.

Os/as interesados/as deberán presentar as solicitudes na forma e nos lugares especificados no artigo 4 das bases xerais.

Á solicitude, segundo modelo oficial que figura no anexo I das bases xerais, se xuntará toda a documentación preceptiva especificada no artigo 4 das citadas bases xerais e no propio modelo oficial normalizado.

O prazo de presentación de solicitudes será de veinte (20) días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Taxa por participación nas probas.

Conforme dispón a Lei 6/2003, do 9 de setembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo a modificación introducida pola Lei de orzamentos para o ano 2011, a taxa por participación nas probas para obter a certificación acreditativa da habilitación será de 49,90 euros, que serán ingresados mediante o modelo xeral de autoliquidación de taxas.

Os/as aspirantes deberán cubrir, nas epígrafes habilitadas para o efecto no referido modelo de autoliquidación de taxas, os seguintes códigos:

Consellería de: Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Código: 04.

Delegación de Pontevedra.

Código: 40.

Servizo de Academia Galega de Seguridade Pública.

Código: 19.

Taxa: denominación: Participación nas probas para obter certificación acreditativa da habilitación.

Código: 30.48.01.

Total: 49,90 euros.

Ademais, os/as aspirantes cubrirán os seus datos persoais nas epígrafes reservadas para tal fin no dito modelo.

Están exentos do pagamento desta taxa:

1. Os/as aspirantes que figuren inscritos/as como desempregados no Instituto Nacional de Emprego.

2. Os/as aspirantes que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33%.

En ambos os casos, deberán presentar coa solicitude certificados acreditativos de tales situacións.

A falta de xustificación do pagamento íntegro da taxa por dereitos de exame, dentro do prazo de presentación de solicitudes, determinará a exclusión do/da aspirante do proceso, sen que sexa posible emendar tal deficiencia nun momento posterior.

En ningún caso, o pagamento da taxa por dereitos de exame suporá substitución do trámite de presentación da solicitude de participación nestas probas, no prazo, lugares e forma establecidos nas bases xerais.

Admisión de aspirantes.

A admisión dos aspirantes realizarase nos prazos e na forma prevista no artigo 5 das bases xerais.

Data e composición do tribunal cualificador.

A data e composición do tribunal cualificador das probas correspondentes a esta convocatoria coñeceranse na resolución que faga pública a relación definitiva de aspirantes admitidos/as á realización delas.

A actuación dos/as aspirantes terá lugar por orde alfabética e estes deberán acudir ás probas co DNI, pasaporte ou o permiso de residencia e traballo en vigor en España.

As probas realizaranse na sede da Agasp (avda. da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).

Contido e desenvolvemento das probas.

Para obter a habilitación de persoal de control de acceso será necesario superar a proba de coñecementos e a proba psicolóxica, referidas no artigo 7 das bases xerais.

Cualificación das probas.

As probas cualificaranse como apto ou non apto, e será necesario alcanzar a cualificación de apto nas dúas probas para poder obter a habilitación.

Aspirantes declarados aptos.

Concluídas as probas, o tribunal cualificador fará públicas e elevará á Dirección Xeral da Agasp a relación dos/as aspirantes declarados/as aptos/as, segundo o disposto no artigo 10 das bases xerais.

A Dirección Xeral da Agasp remitirá á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a listaxe definitiva dos/as aspirantes declarados/as aptos/as e procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios da Agasp e na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es/

Expedición da habilitación do persoal de control de acceso.

A expedición da habilitación do persoal de control de acceso necesaria para desenvolver a función de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas será realizada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior na forma prevista no artigo 11 das bases xerais.

Recursos.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, dentro do prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o establecido no artigo 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 17 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública.

A Estrada, 26 de outubro de 2011.

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública