Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Mércores, 26 de outubro de 2011 Páx. 31427

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 24 de outubro de 2011 pola que se establece a adscrición provisional e atribución de competencias nos órganos desta consellería.

En virtude do Decreto 194/2011, do 20 de outubro, polo que se modifica o Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, modifícase a estrutura da Consellería de Traballo e Benestar.

Os cambios na estrutura obrigan a adoptar as medidas inmediatas que aseguren o correcto funcionamento dos servizos e dos asuntos encomendados á Consellería de Traballo e Benestar mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura orgánica.

Por todo iso, tendo en conta a disposición transitoria única do dito decreto e de conformidade co disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e 37 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. A Secretaría Xeral de Política Social asumirá, mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura da consellería, as competencias correspondentes á Secretaría Xeral de Familia e Benestar conforme o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, agás a competencia en autorización e inspección de servizos sociais, adscribíndose provisionalmente os órganos e unidades dependentes dela que subsistirán coa mesma estrutura e funcións, como a continuación se indica:

a) A Subdirección Xeral de Familia e Menores e as unidades dependentes dela.

b) A Subdirección Xeral de Inclusión Social e Cooperación coas corporacións locais e as unidades dependentes dela.

c) O Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa.

2. A Secretaría Xeral de Política Social asumirá, mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura da consellería, as competencias correspondentes á Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal conforme o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, adscribíndose provisionalmente os órganos e unidades dependentes dela que subsistirán coa mesma estrutura e funcións, como a continuación se indica:

a) A Subdirección Xeral de Dependencia e as unidades dependentes dela.

b) A Subdirección Xeral de Coordinación de Equipamentos e Servizos para Persoas Maiores e con Discapacidade e as unidades dependentes dela.

c) A Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e as unidades dependentes dela.

d) O Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa.

3. A Secretaría Xeral Técnica asumirá, mentres non se aprobe o decreto polo que se estableza a nova estrutura da consellería, as competencias correspondentes á Secretaría Xeral de Familia e Benestar en materia de autorización e inspección de servizos sociais conforme o Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, adscribíndose provisionalmente a Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais e unidades dependentes dela coa mesma estrutura e funcións.

Disposición adicional única.

De conformidade co disposto nesta orde atribúese á Secretaría Xeral de Política Social o exercicio das competencias recollidas en virtude da Orde do 19 de agosto de 2009 sobre delegación de competencias nos órganos da Consellería de Traballo e Benestar, referidas á Secretaría Xeral de Familia e Benestar e á Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal, e nas ordes de aprobación de bases e convocatoria de axudas e subvencións nas áreas de benestar.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar