Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Venres, 21 de outubro de 2011 Páx. 30961

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 195/2011, do 13 de outubro, polo que se modifican os estatutos da Fundación Pública Centro de Transfusión de Galicia, aprobados polo Decreto 276/2001, do 27 de setembro.

En cumprimento do mandato recollido na disposición adicional sétima da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, o Decreto 276/2001, do 27 de setembro, transformou as fundacións sanitarias constituídas pola Comunidade Autónoma galega en fundacións de titularidade e natureza pública.

A disposición adicional do dito decreto declarou aprobados os estatutos das fundacións públicas Hospital da Barbanza, Hospital Virxe da Xunqueira, Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Centro de Transfusión de Galicia, Hospital Verín, Instituto Galego de Oftalmoloxía e Hospital Comarcal do Salnés, co contido que figura no seu anexo, unha vez adaptados ao novo réxime xurídico establecido pola Lei 5/2000.

Dado o tempo transcorrido desde entón e á vista da publicación de determinada normativa que incide en aspectos concretos regulados nos estatutos, cómpre proceder á adaptación destes, tanto no relativo á composición do seu padroado como nas denominacións dos cargos que o integran.

Con esta finalidade, modifícase o artigo 10 dos estatutos, que regula a composición do padroado como órgano de goberno superior da fundación, que asume o seu control e representación, incrementando o número de representantes do Servizo Galego de Saúde nomeados pola/o presidenta/e, ampliando a cobertura do titular da secretaría e adecuando o nomeamento das/os asesoras/es ao contido da orde do día que se vaia tratar.

Adecúase así o dito artigo á nova estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde e dos departamentos da Xunta de Galicia, sempre coa finalidade última do mellor cumprimento dos fins fundacionais.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de outubro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Modifícase a redacción do artigo 10.2 e 10.3 dos estatutos da Fundación Pública Centro de Transfusión de Galicia, recollidos no anexo do Decreto 276/2001, do 27 de setembro, de adaptación das fundacións sanitarias á disposición adicional sétima da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, e engádese un novo punto 4, quedando redactado do seguinte xeito:

«Artigo 10. Composición.

2. O padroado comporase dos seguintes membros:

a) Patroas ou patróns natos: ocupan a praza en virtude do seu cargo e perderán a súa condición ao cesaren naquel. Son os seguintes:

Presidenta/e: a/o conselleira/o de Sanidade ou a persoa que designe.

Vogais natos:

– A persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

– A persoa titular da Dirección de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

– Tres representantes do Servizo Galego de Saúde nomeados pola/o presidenta/e deste.

– A persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade

– Un representante da Federación Galega de Irmandades de Doantes de Sangue.

– Un representante da Asociación Galega de Hematoloxía e Hemoterapia.

b) Vicepresidenta/e: será un membro do padroado elixido de entre eles.

c) Secretaria/o: actuará con voz pero sen voto e será designada/o polo padroado entre o persoal que preste servizos á fundación, á Consellería de Sanidade ou ao Servizo Galego de Saúde, e sexa titulada/o superior.

A/o secretaria/o realizará a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias por orde da/o presidenta/e.

Así mesmo, levantará acta das sesións do padroado e autorizaraas co visto e prace da/o presidenta/e. As certificacións de acordos do padroado serán expedidas con estas mesmas sinaturas.

Ás reunións do padroado asistirá a/o directora/director técnico da fundación, con voz pero sen voto.

3. A/o conselleira/o de Sanidade poderá nomear ata un máximo de tres persoas máis, en función do contido da orde do día de cada sesión, que poderán asistir ás reunións do padroado e formarán parte deste en calidade de vogais-asesores, con dereito a voz e sen voto.

4. A composición e organización do padroado da fundación farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total».

Disposición derradeira.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de outubro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

María Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade