Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Mércores, 19 de outubro de 2011 Páx. 30601

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 6 de outubro de 2011 pola que se modifica a Orde do 12 de maio pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos de turismo rural, hoteis, hoteis talaso, hoteis balneario, balnearios, cafetarías, bares, restaurantes, palacios de congresos e empresas dedicadas ao turismo de aventura, actividades de lecer e tempo libre, co obxecto de implementar as correspondentes normas UNE que conduzan á certificación da marca Q de calidade turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 (CT 970A).

A Orde do 12 de maio establece as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva das subvencións a establecementos de turismo rural, hoteis, hoteis talaso, hoteis balneario, balnearios, cafetarías, bares, restaurantes, palacios de congresos e empresas dedicadas ao turismo de aventura, actividades de lecer e tempo libre, co obxecto de implementar as correspondentes normas UNE que conduzan á certificación da marca Q de calidade turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, publicada no Diario Oficial de Galicia número 112, do 13 de xuño de 2011, no seu artigo 17.1 establece como prazo de xustificación o 30 de novembro de 2011.

Non obstante, tendo en conta a data de convocatoria das axudas, o número de solicitudes presentadas, o elevado número de requirimentos que foi necesario realizar co obxecto de que os interesados emendasen a documentación inicialmente presentada, e as dificultades de valoración das solicitudes, xunto coa paralización da contabilidade orzamentaria, produciuse un atraso na resolución da convocatoria, polo que, co obxecto de que os beneficiarios poidan xustificar en prazo as subvencións se considera adecuada unha modificación dos prazos de xustificación.

Á vista do anterior é necesario proceder á modificación do artigo 17.1 ampliando o prazo de que dispoñen os beneficiarios para realizaren a xustificación da subvención.

Polo exposto, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1.

O artigo 17.1 do anexo I queda redactado como segue:

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de decembro de 2011 para presentar nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria a documentación xustificativa seguinte:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo IV.

b) Facturas, que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, no seu defecto, copias das ordes de transferencia que xustifiquen o seu pagamento.

c) No caso de primeira certificación, renovación e/ou seguimento da marca Q, documento acreditativo de certificación emitido polo ICTE.

d) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social, e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública. Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

e) Declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. Pode utilizarse actualizado o anexo III (modelo de declaracións).

f) Declaración responsable onde se recollan expresamente os compromisos a que se fai referencia no artigo 15 das bases reguladoras.

A modificación do prazo de xustificación establecido non afectará os demais previstos na orde.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2011.

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo