Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Mércores, 19 de outubro de 2011 Páx. 30591

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 5 de outubro de 2011 pola que se modifica a Orde do 19 de abril de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Cultura e Turismo, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións de mellora dos campamentos de turismo en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013 (CT 985 A).

A Consellería de Cultura de Turismo ditou a Orde do 19 de abril de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións para actuacións de mellora nos campamentos de turismo en Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, con procedemento CT 985 A (DOG n.º 91, do 11 de maio).

No artigo 17.1 da dita orde establécese como prazo máximo de xustificación da subvención ata o 30 de novembro de 2011.

Non obstante, debido ao número de solicitudes presentadas e as dificultades de valoración destas, xunto coa paralización da contabilidade orzamentaria, produciuse un atraso na resolución da convocatoria polo que é procedente ampliar o devandito prazo para a xustificación da subvención.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procédese á modificación seguinte

DISPOÑO:

Artigo 17. Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de decembro de 2011 para presentar nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria a documentación xustificativa xenérica para todas as liñas de actuación e a específica segundo a liña de axuda subvencionada:

Documentación xenérica para todas as liñas de actuación:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo VI.

b) Facturas que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, no seu defecto, copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento.

c) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública. Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

d) Declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. Pode utilizarse actualizado o anexo III: modelo de declaracións.

e) Declaración responsable onde se recollan expresamente os compromisos a que se fai referencia no artigo 15 das bases reguladoras. Pode utilizarse actualizado o anexo III: modelo de declaracións.

Documentación específica segundo a liña de actuación solicitada:

Liña A) Actuacións relativas á calidade.

No caso de certificación de calidade Q, documento acreditativo de certificación emitido polo ICTE.

Liñas B) e C) Actuacións relativas á xestión ambiental e Actuacións relativas á modernización de instalacións e mellora da oferta complementaria.

a) Proxecto de execución definitivo da acción subvencionada, achegarase visado e incluirá o programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión e copia compulsada do nomeamento de dirección de obra.

O dito proxecto e programa teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ao expediente deberán ser avaliados polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

b) Documento acreditativo ou contrato do nomeamento do director da obra e director da execución material da obra.

c) Certificación de obra por conceptos, en modelo normalizado que se compón de portada, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada polo arquitecto e arquitecto técnico da obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

No caso de obras menores os beneficiarios presentarán certificación de fin de obra en consonancia co proxecto de execución asinada por persoal técnico competente.

d) Licenza urbanística que posibilite a execución do investimento subvencionado. O dito documento é preceptivo e non se procederá ao pagamento de ningunha anualidade mentres non se presente.

Liña D) relativa a proxectos de aumento de categoría do establecemento.

a) Anexo IV: anexo técnico.

b) Proxecto básico, elaborado por técnico facultativo competente, que conterá:

– Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

– Orzamento do investimento en que se especificará o importe da execución material así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra e todo o equipamento proposto, segundo o anexo técnico da folla resumo xeral do orzamento que deberá estar na memoria.

– Planos de localización do investimento.

– Planos do estado actual se correspondesen, e do proxecto.

– Relación exhaustiva (indicando calidades) dos materiais e acabamentos propostos.

– Relación detallada dos mobles e equipamentos (débese indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

– Memoria explicativa de adecuación ao contorno das actuacións que, de ser o caso, corresponda, de recuperación de elementos de arquitectura, cultura e sociedade tradicional, así como equipamentos e servizos.

– Reportaxe fotográfica do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

2. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. De non xustificarse o investimento executado, quedará anulada toda a subvención. Non obstante, se a xustificación for inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña a finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado e, para o caso de que o executado non cumpra o fin para o que se concedeu a subvención, quedará anulada na súa totalidade.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2011.

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo