Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Martes, 18 de outubro de 2011 Páx. 30425

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 4 de outubro de 2011 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Centro Galego do Plástico e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de extinción da Fundación Centro Galego do Plástico, adscrita ao protectorado da Consellería de Economía e Industria, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 26 de setembro de 2011, presentouse no Rexistro Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza a solicitude de ratificación da extinción da Fundación Centro Galego do Plástico, adoptada por acordo do padroado.

Segundo. A fundación constituíuse en escritura pública con data do 1 de abril de 2008, foi clasificada como de interese tecnolóxico pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 15 de xullo de 2008, e declarada de interese galego pola Orde da Consellería de Economía e Industria do 15 de setembro de 2008, e figura inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2008/14.

Terceiro. Os fins da fundación, segundo consta no artigo 6 dos estatutos, son contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento e mellora da competitividade na industria das tecnoloxías de transformación e procesado de polímeros de Galicia, mediante o logro da excelencia na investigación e no desenvolvemento tecnolóxico.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 12 de setembro de 2011, adoptou por unanimidade o acordo de extinción da fundación. Na acta da dita reunión consta a adopción do acordo por imposibilidade de realización do fin fundacional, memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción, acordo de apoderamento das funcións de liquidación, balance da fundación na data de adopción do acordo, así como proxecto de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación.

Consideracións legais.

Primeira. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional. Para tal efecto é necesario o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segunda. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos formais exixidos pola normativa legal e os estatutos da fundación, e foi aprobado por unanimidade dos membros do padroado. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción, así como a improcedencia da modificación dos estatutos fundacionais e da fusión con outra entidade da mesma natureza.

Terceira. Esta consellería resulta competente para ratificar o acordo adoptado polo padroado da fundación, en virtude do disposto no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, en relación co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego e no seu regulamento.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación Centro Galego do Plástico e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común, ou recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2011.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria