Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Martes, 11 de outubro de 2011 Páx. 29912

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 26 de setembro de 2011 pola que se acorda a cesión en propiedade dunha embarcación ao Concello de Cabanas (A Coruña).

O Concello de Cabanas, o 22 de xullo de 2011, solicitou a cesión dunha embarcación en construción no centro de formación A Aixola, para actividades de divulgación e turismo no curso baixo do río Eume.

Os concellos son entidades públicas dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar, para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lles están encomendadas, entre outras a de xestionar e administrar aqueles bens patrimoniais que lles sexan cedidos por outras administracións públicas.

A Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da comunidade autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, exixindo o Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento da citada Lei 3/1985, que a orde de cesión exprese a finalidade concreta á cal a entidade beneficiaria debe destinar o ben, así como as súas condicións.

Tal é o caso da embarcación tipo planadora construída no centro de formación A Aixola, no desenvolvemento das prácticas formativas. A Consellería do Mar non vai empregar o dito ben e concorren circunstancias que aconsellan acceder á mencionada solicitude de cesión.

Para tal fin, a Consellería do Mar tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto no artigo 35.bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96.bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, modificado polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo.

Polo exposto anteriormente e, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6.º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Acórdase a cesión en propiedade a favor do Concello de Cabanas (A Coruña) do seguinte ben moble:

Embarcación tipo planadora, das seguintes características:

Dimensións: eslora: 7,35 m, manga: 2,78 m, puntal: 0,70 m, arqueo: 2,74 TRB ou 1,98 GT.

Construción: centro de formación A Aixola. Marín (Pontevedra).

Ano de construción: outubro-2010 a xullo-2011.

Material de casco: madeira (taboleiro contrachapado mariño).

Capacidade: 8 + 1 persoas.

Valor actual estimado: 20.000 euros.

Autorización de construción: 13 de decembro de 2010. NIB 385257. Expediente: 2010-474-3141.

Artigo 2.

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O ben cedido tal como establecen os artigos 35.bis da Lei 3/1985, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96.bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento, destinarase a fins de utilidade pública ou interese social do Concello de Cabanas (A Coruña), concretamente, á realización de actividades de divulgación e turismo no curso baixo do río Eume.

b) Coa cesión outorgarase ao concello citado a propiedade do ben moble cedido.

c) Se o ben cedido non se aplica ao fin sinalado, se se descoida ou utiliza con grave quebramento, ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimenten.

d) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido, así como obter todas as autorizacións precisas para o seu funcionamento de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 3.

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario en que delegue, e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira primeira.

A Consellería do Mar, a través da secretaría xeral técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2011.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Mar