Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Luns, 10 de outubro de 2011 Páx. 29784

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 26 de setembro de 2011 pola que se procede á apertura e convocatoria da liña de financiamento con cargo ao Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas (Fomit) para o ano 2011.

A iniciativa de modernización de destinos turísticos maduros, regulada polo Real decreto 937/2010, do 23 de xullo, polo que se regula o Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas (BOE do 24 de xullo), ten por finalidade apoiar financeiramente os proxectos de renovación, modernización e reconversión integral de destinos turísticos maduros desenvolvidos polas administracións locais e organismos dependentes delas, e polos consorcios ou outros entes creados co fin de levar a cabo un plan de modernización e reconversión integral dun destino turístico maduro.

A iniciativa de apoio a administracións locais e consorcios instruméntase nunha liña de crédito administrada financeiramente polo Instituto de Crédito Oficial (ICO) para tentar de conseguir que o investimento realizado polas administracións locais e organismos dependentes ou polos consorcios incentive o investimento do sector turístico privado e adecue aqueles dos nosos destinos turísticos con maior proxección nos mercados turísticos internacionais aos novos requirimentos da demanda, facéndoos máis competitivos. Perséguese así impulsar a transformación deste tipo de destinos, para adaptalos a un ambiente cada vez máis competitivo que asegure a xeración dun maior beneficio económico, social e ambiental.

Os recursos para a aplicación da iniciativa de modernización de destinos turísticos maduros proveñen da dotación do Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas (Fomit), recollido nas leis anuais de orzamentos xerais do Estado, e cuxa apertura se establece mediante esta resolución.

Por iso, consonte o establecido no artigo 11 do Real decreto 937/2010, do 23 de xullo de 2010, polo que se regula o Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas, convócanse axudas destinadas á renovación, modernización e reconversión integral de destinos turísticos maduros e por todo isto

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto.

Mediante esta resolución procédese á apertura e convocatoria, correspondente ao exercicio 2011, da liña de préstamos bonificados a administracións locais e consorcios con cargo ao Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas (Fomit), cuxa dotación ascende a 100.000.000 de euros, á cal se engade o remanente neto que proceda de exercicios anteriores.

Segundo. Finalidade da liña de financiamento.

1. Poderán ser obxecto de financiamento con cargo aos préstamos bonificados:

a) Os proxectos de investimentos públicos que se desenvolvan no ámbito territorial dunha entidade local sempre que, no dito ámbito, existan investimentos do sector turístico privado que se desenvolvan paralelamente ás públicas e cuxa contía neta represente como mínimo o 30% do importe que se pretende financiar.

Entenderase que os investimentos privados se desenvolven paralelamente aos públicos cando se enmarquen no contexto dunha planificación previa de carácter público ou exista unha notoria identidade de formulacións e finalidades encamiñada á recualificación ou modernización do destino maduro.

b) Os proxectos de investimentos realizados por consorcios ou entidades constituídas para executar proxectos que se desenvolvan no marco dun plan de reconversión ou modernización integral dun destino turístico maduro, nas cales participe a Administración xeral do Estado xunto con outra ou outras administracións públicas ou entidades públicas ou privadas.

2. En ningún caso se poderán conceder axudas con cargo ao Fomit que poidan ter por efecto o outorgamento a unha ou máis empresas de vantaxes que poidan dar lugar ao falseamento da competencia no mercado interior e que sexan susceptibles de afectar os intercambios comerciais entre os estados membros.

Terceiro. Beneficiarios e características da liña de financiamento.

1. Poderán ser beneficiarios destes préstamos:

a) As entidades locais enumeradas no artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 abril, de bases do réxime local, os organismos autónomos locais, as entidades públicas empresariais locais e as sociedades mercantís locais.

Os préstamos poderán alcanzar un importe do 100% do investimento financiable, cun límite máximo de 6 millóns de euros e un mínimo de 300.000 euros por beneficiario e ano.

b) Os consorcios ou entidades constituídas para executaren proxectos que se desenvolvan no marco dun plan de reconversión ou modernización integral dun destino turístico maduro, nas cales participe a Administración xeral do Estado xunto con outra ou outras administracións públicas ou entidades públicas ou privadas.

Os préstamos poderán alcanzar a contía de ata 25 millóns de euros por beneficiario e ano.

A porcentaxe de reserva do volume de recursos do Fomit para operacións de préstamo para estes consorcios ou entidades será do 40%.

2. En todo caso, serán requisitos indispensables para acadar a condición de beneficiario dun préstamo con cargo ao Fomit non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e acreditar ante o órgano concedente ter a autorización de endebedamento regulada no artigo 53 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo; no artigo 23 do texto refundido da Lei xeral de estabilidade orzamentaria, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2007, do 28 de decembro, e no artigo 25 do Real decreto 1463/2007, do 2 de novembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei 18/2001, do 12 de decembro, de estabilidade orzamentaria, na súa aplicación ás entidades locais, e non estar incursas na prohibición de endebedamento establecida no artigo 9.2.º do Real decreto lei 5/2009, do 24 de abril, ou estándoo, non ter remanente de tesouraría pendente de saneamento.

Cuarto. Tipos de xuros.

Os préstamos concederanse ao tipo de xuro que se determine por orde do ministro de Industria, Turismo e Comercio, tras o acordo previo da Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos. Tamén, mediante orde ministerial e tras o acordo previo da Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos, se poderán modificar, con carácter xeral, as características financeiras e actualizar as contías máximas dos préstamos indicados no punto anterior.

Conforme o establecido na Orde ITC/1823/2009, do 3 de xullo (BOE do 8 de xullo), os préstamos concederanse ao tipo de xuro fixo do 0,50% e serán reembolsables no prazo máximo de 15 anos, cun período de carencia de cinco anos.

Quinto. Proxectos que poden ser obxecto de financiamento.

1. Serán financiables aqueles proxectos orientados á modernización dos destinos turísticos maduros, á reforma ou rehabilitación dos equipamentos turísticos municipais ou das contornas urbanas e naturais do destino, os cales poderán conter unha ou varias das seguintes actuacións:

a) Construción, ampliación, renovación ou remodelación de infraestruturas públicas municipais.

b) Instalación, substitución ou reparación de equipamentos turísticos.

c) Establecemento, ampliación ou mellora de servizos públicos municipais que melloren a oferta turística.

d) Investimentos dirixidos a recuperar a calidade ambiental e paisaxística dos destinos e a reducir a densidade urbanística das zonas turísticas, así como as que faciliten a modernización dos destinos turísticos.

2. En ningún caso serán financiables gastos correntes, reestruturacións de pasivo ou refinanciamentos nin proxectos xa executados.

3. As liñas de financiamento establecidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda ou subvención que outorguen outras administracións públicas, autonómicas ou locais, organismos nacionais ou supranacionais, sometidos, se é o caso, á normativa comunitaria vixente, sempre que non superen o custo do proxecto ou proxectos para que se solicita financiamento.

Para asegurar o cumprimento das condicións recollidas no punto anterior, exixirase ás entidades solicitantes unha declaración responsable acerca de todas as axudas públicas ou de minimis que concedesen ou solicitasen para o mesmo proxecto ou proxectos que se pretendan financiar.

4. O prazo máximo de execución das actuacións financiadas será de catro anos contados a partir da data de formalización da operación de financiamento.

Sexto. Requisitos dos proxectos para seren obxecto de financiamento.

1. Os proxectos de investimento públicos desenvolvidos por unha entidade local no seu ámbito territorial serán financiables sempre que, no dito ámbito, haxa investimentos do sector turístico privado que se desenvolvan paralelamente aos públicos e cuxa contía neta represente como mínimo o 30% do importe que se pretende financiar.

Entenderase que os investimentos privados se desenvolven paralelamente aos públicos cando se enmarquen no contexto dunha planificación previa de carácter público ou exista unha notoria identidade de formulacións e finalidades encamiñados á recualificación ou modernización do destino maduro.

Tamén poderán apoiarse financeiramente aqueles proxectos que se desenvolvan no marco dun plan de reconversión ou modernización integral dun destino turístico maduro cuxa execución a realice un consorcio ou entidade constituída para os efectos pola Administración xeral do Estado, con outra ou outras administracións públicas ou entidades públicas ou privadas.

2. Para estes efectos, terán a consideración de destinos turísticos maduros, en atención aos recursos turísticos e oferta turística regrada de que dispoñan, os que reúnan, polo menos, tres das seguintes características:

a) Sobrecarga urbanística e ambiental.

b) Sobreexplotación de recursos.

c) Obsolescencia dos seus equipamentos turísticos.

d) Escaso investimento do sector turístico privado.

e) Oferta e demanda turística estabilizada ou decrecente.

3. No caso de proxectos de investimento desenvolvidos polas entidades locais enumeradas no artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 abril, de bases do réxime local, os organismos autónomos locais, as entidades públicas empresariais locais e as sociedades mercantís locais, será requisito indispensable para que os proxectos de investimento poidan ser obxecto de financiamento con cargo ao Fomit que a entidade solicitante acredite, nos termos do número 8.3 desta resolución, a existencia de investimentos de empresas turísticas privadas que se desenvolvan paralelamente ás públicas, no seu ámbito territorial, cuxa contía neta equivalla, polo menos, ao 30% do préstamo solicitado.

Só serán computables os investimentos do sector turístico privado que se iniciasen a partir do 1 de xaneiro de 2010.

Sétimo. Prazo e lugar de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes de préstamo con cargo ao Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas (Fomit) presentaranse antes do día 30 de outubro de 2011, data a partir da cal se computarán os prazos de tramitación establecidos no Real decreto 937/2010, do 23 de xullo, polo que se regula o Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas.

2. As solicitudes deberán presentarse en calquera oficina das entidades de crédito mediadoras adheridas á liña ICO Turismo Tramo Público 2010, que figurarán na páxina web do Instituto de Crédito Oficial (http://www.ico.es), xa que son as entidades financeiras adheridas a esta liña as que admitirán ou rexeitarán as solicitudes conforme os seus criterios en materia de riscos.

3. Para os efectos de ter constancia da data en que se presentou a solicitude de préstamo ante a entidade mediadora, o solicitante deberá remitir á Secretaría Xeral para o Turismo copia do impreso de solicitude, selado e datado pola entidade bancaria mediadora, e os proxectos e documentación que se xunten, para o seu estudo e valoración antes do 15 de novembro de 2011.

Oitavo. Documentación que se debe xuntar ás solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse por triplicado exemplar, orixinal e dúas copias no modelo normalizado que se achega nesta convocatoria. O dito modelo farase público tamén na páxina web do ICO.

Estes modelos normalizados solicitarán das entidades interesadas o seu consentimento para que se ceda á Secretaría Xeral para o Turismo información doutras administracións públicas que acredite estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social. Así mesmo, deberase acreditar estar ao día nos compromisos de pagamento que contraesen co ICO, coa Administración autonómica e coa Administración xeral do Estado por calquera concepto.

As solicitudes deberán ir acompañadas de tres discos compactos ou lapis USB en que se inclúan dixitalizados todos os documentos delas, incluída a propia instancia normalizada.

2. Á solicitude xuntarase o orixinal e dúas copias da documentación seguinte:

a) Memoria do proxecto ou proxectos de investimento e das actuacións que comprenden.

b) Orzamento de cada unha das actuacións, no cal conste detallado o importe do IVE.

c) Memoria explicativa da súa adecuación aos fins de renovación e modernización do destino como destino turístico.

d) A acreditación dos investimentos netos correspondentes ao sector turístico privado, no ámbito territorial da entidade solicitante do préstamo, que representen como mínimo o 30% da contía do préstamo pedido.

Para tal efecto, soamente serán computables os investimentos do sector turístico privado que se iniciasen a partir do exercicio anterior ao da presentación da solicitude (1 de xaneiro de 2010).

Así mesmo, os investimentos acreditados nunha solicitude e que fosen computados para a concesión dun préstamo con cargo ao Fomit non poderán volver presentarse nas seguintes solicitudes.

e) Declaración responsable de non estar nalgunha das circunstancias detalladas no artigo 10.2.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 13.2.º e 3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que lles sexan de aplicación.

f) A acreditación de ter obtido a autorización de endebedamento regulada no artigo 53 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, no artigo 23 da Lei 18/2001, do 12 de decembro, de estabilidade orzamentaria, e no artigo 25 do Real decreto 1463/2007, do 2 de novembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei 18/2001, na súa aplicación ás entidades locais.

g) Declaración responsable acerca de todas as axudas públicas ou de minimis que teñan concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto ou proxectos que se pretendan financiar.

3. A acreditación do investimento do sector turístico privado efectuarase mediante a presentación dos seguintes documentos:

a) Resumo dos datos básicos do proxecto ou proxectos de investimento.

b) Copia compulsada das preceptivas licenzas ou autorizacións de obras outorgadas polo concello ou, de ser o caso, copias compulsadas das súas solicitudes.

c) Orzamento neto do proxecto ou proxectos de investimento, excluído o IVE.

d) Certificación municipal sobre a data de inicio das obras e prazo de execución.

e) Certificado do alcalde ou presidente do correspondente ente local acreditativo de que os investimentos do sector turístico privado se efectúan coa finalidade de mellorar a posición turística do destino, de forma coordinada co sector público local.

Noveno. Órganos competentes.

A Secretaría Xeral para o Turismo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo ao conselleiro de Cultura e Turismo ditar a resolución de concesión.

Décimo. Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación dos préstamos aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O/a subdirector/a xeral de Xestión, Fomento e Cooperación, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as do Servizo de Turismo de cada un dos departamentos territoriais da Consellería de Cultura e Turismo.

c) O/a xefe/a do Servizo de Cooperación Institucional, Promoción e Formación da Secretaría Xeral para o Turismo, que exercerá as funcións de secretario/a.

d) O/a xefe/a do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

e) O/a xefe/a do Servizo de Inspección da Secretaría Xeral para o Turismo.

3. Os/as suplentes serán designados/as pola Secretaría Xeral para o Turismo.

4. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificando a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte.

Décimo primeiro. Criterios de valoración.

Os criterios de valoración considerarán os seguintes aspectos:

a) Localización dos investimentos (10%).

b) Coherencia, concreción, definición e xustificación das actuacións propostas (10%).

c) Contribución a mellorar a sustentabilidade do destino (12%).

d) Contribución á mellora da xestión ambiental a través do uso de tecnoloxías ambientais (12%).

e) Contribución á mellora da accesibilidade de persoas con discapacidade (12%).

f) Contribución á rehabilitación urbanística do municipio (10%).

g) Contribución á mellora da calidade dos equipamentos e servizos turísticos (12%).

h) Contribución á diversificación da oferta e desestacionalización da demanda turística (12%).

i) Contribución á aplicación das novas tecnoloxías da información e da comunicación (10%).

Décimo segundo. Resolución e notificación.

1. A comisión valorará as solicitudes admitidas polas entidades financeiras e a Secretaría Xeral para o Turismo comunicará na data límite do 30 de novembro de 2011 á Secretaría Xeral de Turismo e Comercio Interior a proposta de concesión de acordo co establecido no artigo 12.1.º do Real decreto 937/2010, para comprobar a dispoñibilidade ou non de fondos que permitan atender todos os préstamos solicitados.

A Secretaría Xeral de Turismo e Comercio Interior comunicará á Secretaría Xeral para o Turismo a dispoñibilidade de fondos, e esta formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa ao conselleiro de Cultura e Turismo.

2. O conselleiro, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo máximo de 15 días desde a súa elevación a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os aspectos contados no artigo 34.4.º do regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

A resolución definitiva comunicarase á Secretaría Xeral de Turismo e Comercio Interior e ás entidades solicitantes antes do 20 de decembro de 2011.

O préstamo para a formalización dos préstamos na entidade bancaria pode realizarse ata o 30 de marzo de 2012.

As entidades solicitantes comunicarán á Secretaría Xeral de Turismo as solicitudes de formalización de préstamos ante as entidades bancarias.

3. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír esta notificación individual pola publicación no DOG.

Décimo terceiro. Recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Décimo cuarto. Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios dos préstamos adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Realizar os proxectos de investimento que fundamentan a concesión da subvención.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Cultura e Turismo e ás de control financeiro que corresponden á Intervención xeral da comunidade autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicar á Secretaría Xeral para o Turismo a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado nacional ou internacional.

d) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública do Estado ou da comunidade autónoma. Así mesmo, deberase acreditar estar ao día cos compromisos de pagamento que teñan contraídos co ICO por calquera concepto.

e) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe do préstamo concedido que non fose amortizado, así como os correspondentes xuros de demora producidos polo importe íntegro do préstamo desde o momento da subscrición ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta orde.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedirían.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Décimo quinto. Control.

1. Corresponde á Secretaría Xeral para o Turismo da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia levar a cabo o control e seguimento das actuacións financiadas con cargo ao Fomit, verificando a súa adecuación aos proxectos presentados e a súa execución nos prazos previstos.

2. A Secretaría Xeral para o Turismo facilitará á Secretaría Xeral de Turismo e Comercio Interior a información relativa ao seguimento das operacións subvencionadas que se acorde na Mesa de Directores Xerais de Turismo.

3. O ICO poderá solicitar das entidades financeiras e da Secretaría de Estado de Turismo a documentación que considere necesaria para efectuar o control do financiamento concedido, vía préstamos con cargo ao Fomit, seguindo os procedementos habituais da área de supervisión e seguimento do ICO.

4. O ICO remitirá á Secretaría de Estado de Turismo informe de execución da liña en cada exercicio orzamentario e, con periodicidade semestral, un informe sobre a evolución e incidencias das liñas de financiamento.

5. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención xeral da comunidade autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Décimo sexto. Normativa aplicable.

En todo o non previsto nesta resolución será de aplicación o establecido na disposición adicional cuadraxésimo terceira da Lei 42/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2007, modificada pola disposición derradeira décimo cuarta dúas da Lei 51/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o 2008, no Real decreto 937/2010, do 23 de xullo de 2010, polo que se regula o Fondo Financeiro do Estado para a Modernización das Infraestruturas Turísticas, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

Décimo sétimo. Desenvolvemento.

Facúltase a Secretaría Xeral para o Turismo para ditar as disposicións que sexan precisas para á execución desta orde.

Décimo oitavo. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2011.

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file