Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Luns, 10 de outubro de 2011 Páx. 29757

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de setembro de 2011 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

A actividade administrativa da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza leva consigo unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella neste momento, dado o seu volume, acudir á delegación de competencias en diversos órganos, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

A Orde do 27 de abril de 2009 recolleu un conxunto de delegacións de competencias por parte do titular da consellería que deben ser agora adaptadas, unha vez que se produciu a aprobación do Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Así mesmo, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e tomando como punto de partida a lexislación básica estatal contida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, detállanse as regras que disciplinan as competencias dos órganos administrativos e os mecanismos que introducen excepcións ou matizan tales regras, entre eles, a delegación de competencias que atopa regulación no artigo 6 da referida lei.

A nova organización desta consellería e a súa complexidade, polo seu ámbito competencial, require efectuar unha nova delegación de competencias que ordene a actuación administrativa co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión administrativa.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Administración de persoal.

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das facultades que corresponden ao conselleiro en materia de persoal segundo o establecido no artigo 17 do texto refundido da Lei de función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e demais disposicións en vigor, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación, o nomeamento do persoal eventual e as que correspondan a outros órganos.

2. Así mesmo, delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, dos delegados/as territoriais, dos directores/as xerais e do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica da consellería.

3. Delégase nos/as directores/as xerais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa.

4. Delégase nos/as xefes/as territoriais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal da correspondente xefatura territorial.

5. Delégase nos/as delegados/as territoriais o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do/a secretario/a territorial e dos/as xefes/as territoriais da consellería.

6. Delégase no/a director/a xeral de Administración local as competencias que corresponden ao conselleiro en materia de funcionarios con habilitación de carácter estatal ao abeiro do artigo 15 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

Artigo 2. Contratación.

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) As atribuídas á persoa titular da consellería respecto dos contratos menores no ámbito de competencias da Secretaría Xeral Técnica.

b) En relación cos contratos que non teñan a consideración de contratos menores, a aprobación dos expedientes de contratación, a aprobación dos pregos de cláusulas administrativas, a aprobación do gasto correspondente, así como, de ser o caso, dispoñer a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 97 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

c) A adxudicación e formalización dos contratos non cualificados como contratos menores; a prerrogativa da súa interpretación e resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das súas modificacións por razóns de interese público; acordar a súa resolución e determinar os efectos desta; así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, corresponden ao órgano de contratación, salvo as que se deleguen expresamente no número seguinte nos/as directores/as xerais.

2. Delégase nos/as directores/as xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, as facultades que se enuncian a seguir:

a) En relación cos contratos menores, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico atribúe á persoa titular da consellería.

b) En relación cos contratos que non teñen a consideración de menores, a aprobación dos pregos de prescricións técnicas, a aprobación dos proxectos e as súas modificacións, a realización das operacións relativas á transmisión dos dereitos de cobramento, a súa dirección, inspección e control, podendo ditar as instrucións oportunas para o fiel cumprimento do convido e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución, excepto as que supoñan a modificación do contrato e a resolución de incidencias a que se refire o artigo 97 do Regulamento da Lei de contratos do sector público.

3. As delegacións previstas neste artigo o serano sen prexuízo das facultades atribuídas aos/ás delegados/as territoriais, no seu ámbito territorial, polo artigo 31.4.f) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 3. Xestión financeira e orzamentaria.

1. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería, ademais das facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio das competencias delegadas en materia de contratación, a aprobación das modificacións orzamentarias competencia da consellería, e o exercicio da competencia para autorizar os gastos xerais dos servizos da consellería, autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas e propoñer á persoa titular da Consellería de Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos relativos:

a) Aos gastos de persoal, sen prexuízo da competencia do/a director/a xeral de Xustiza en materia de autorización da inclusión en nómina, referente ás retribucións dos medios persoais ao servizo da Administración de xustiza.

b) Aos gastos xerais incluídos no capítulo II dos orzamentos, que afecten á Secretaría Xeral Técnica ou a varias unidades de distintos centros directivos da consellería.

c) Aos créditos dos capítulos IV, VI, VII e VIII dos orzamentos, salvo os derivados dos contratos menores correspondentes a competencias delegadas no/as directores/as xerais.

2. Deléganse nos/as directores/as xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, as mesmas facultades indicadas anteriormente no número 1 en relación con:

a) Os gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación.

b) Os créditos correspondentes ao capítulo II dos orzamentos, que correspondan a gastos específicos do seu centro directivo.

3. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería, e nos/as directores/as xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de gastos a xustificar, sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

4. O réxime de delegacións en materia de axudas e subvencións públicas será o que se estableza nas correspondentes ordes de convocatoria.

5. As competencias delegadas nos números anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases dos gastos, correspondendo á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería e aos/ás directores/as xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura de aqueles documentos que impliquen unha mera actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.

Artigo 4. Xestión patrimonial.

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio atribúe á persoa titular da consellería.

Artigo 5. Recursos e reclamacións.

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das competencias seguintes:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada e de revisión cando a facultade de resolución corresponda á persoa titular da consellería e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.

b) Resolver as solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, segundo o previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) Resolver e formular as reclamacións previas á vía civil e laboral e aos procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 30/1992, incluíndo, se é o caso, a resolución das reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas á consellería.

d) Resolver e formular os requirimentos previos á vía xudicial contencioso-administrativa nos termos previstos no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 6. Criterios complementarios na aplicación das delegacións.

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

b) En calquera momento, o conselleiro poderá avocar o exercicio das competencias que se delegan nesta orde.

c) Enténdese comprendida na delegación na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde. Por outra parte, delégase na Secretaría Xeral Técnica desta consellería o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición interpostos contra as resolucións ditadas polos/as directores/as xerais no exercicio das facultades delegadas.

d) Atribúese á Secretaría Xeral Técnica desta consellería o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, persoal e contratación non están expresamente delegadas noutros órganos.

e) En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, as competencias que se delegan por esta orde, serán exercidas en canto persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da vicesecretaría.

Respecto dos titulares das direccións xerais da consellería, as competencias delegadas contidas nesta orde serán exercidas, en tanto persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, na súa falta, polos/as titulares das direccións xerais seguindo nesta suplencia o establecido no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia. Neste sentido, a substitución será asumida polo titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa establecido no decreto, correspondéndolle ao primeiro, se for o caso, substituír o último.

f) As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogada a Orde do 27 de abril de 2009 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza