Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Luns, 26 de setembro de 2011 Páx. 28166

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Estatística

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2011 pola que se convoca unha bolsa de formación na área da estatística pública no Instituto Galego de Estatística, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa operativo cooperación transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP).

A Lei 16/2006, do 27 de decembro, do Plan Galego de Estatística 2007-2011, establece como obxectivo instrumental do sistema estatístico impulsar a investigación estatística que contribúa a mellorar o coñecemento da realidade demográfica, social, económica e ambiental de Galicia.

O IGE, como órgano central do sistema estatístico e beneficiario do proxecto do Programa operacional de cooperación transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2007-2013, denominado Instancias territorias de cooperación: Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, acrónimo: CT-NP/GNP, AECT, considera de interese aproveitar a súa execución para contribuír á formación e cualificación estatística dun titulado universitario, polo que

RESOLVO:

Facer públicas as bases que rexen esta convocatoria.

Primeira. Obxecto.

Convócase, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, unha bolsa de formación na área da estatística pública no IGE, coa finalidade de incentivar a formación e preparación de persoal cualificado nesta área e dentro do ámbito de actuación do proxecto mencionado.

A bolsa está destinada a unha persoa con grao ou titulación equivalente en matemáticas (con orientación curricular en estatística e investigación operativa) ou en economía.

Segunda. Requisitos dos solicitantes.

Poderán solicitar estas bolsas todas aquelas persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións, e sempre que reúnan os seguintes requisitos no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Posuír a nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea.

2. Ser veciño dalgún dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Ter rematado os estudos con posterioridade ao mes de xaneiro de 2008 e estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións de grao ou equivalente en:

  • Matemáticas, con orientación curricular en estatística e investigación operativa.
  • Economía.

4. Non ter sido beneficiario doutra bolsa de formación estatística convocada polo IGE.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación destas bases reguladoras e da resolución da convocatoria e, de conformidade co artigo 20.3 da Lei de subvencións de Galicia, comportará a autorización da persoa solicitante para que o órgano convocante obteña de forma directa a acreditación do cumprimento da súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Terceira. Contía da bolsa e aplicación orzamentaria.

O importe da bolsa será de novecentos euros (900 €) brutos mensuais, que se farán efectivos, polo importe líquido, na conta bancaria que sinale o bolseiro, con cargo á aplicación 06.80.581A.480.0 dos orzamentos do IGE para o ano 2011.

Con cargo á mesma aplicación orzamentaria para o ano 2011 e durante o período de desfrute da bolsa, o bolseiro terá dereito a un seguro combinado de cobertura de asistencia cirúrxica e médica, en réxime de consultorio e domiciliario.

Esta bolsa está cofinanciada nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa operativo Feder cooperación transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP) co código 0500-CT-GNP-AECT-I-P, eixe 4.

Cuarta. Duración da bolsa e prórroga.

A bolsa terá unha duración máxima de 6 meses contados desde a data de incorporación do bolseiro á sede do IGE, sita no Complexo Administrativo San Lázaro, San Lázaro s/n en Santiago de Compostela, e rematará, en calquera caso, o 31 de decembro de 2011.

Poderase, de conformidade coa normativa legal aplicable, proceder á prórroga por 1 ano, ata o 31 de decembro de 2012, logo de informe de conformidade da Subdirección de Síntese, Análise e Difusión, na cal o bolseiro recibirá a súa formación e sempre en función da dispoñibilidade orzamentaria.

Quinta. Solicitudes e documentación.

As solicitudes formalizaranse no modelo que se achega como anexo a esta convocatoria e deberán ir acompañadas da seguinte documentación, en orixinal ou fotocopia debidamente compulsada por un notario ou por un funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. De acordo co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, non será exixible a fotocopia do documento nacional de identidade, nin o certificado do padrón municipal, sempre que o/a solicitante preste o seu consentimento para que o órgano xestor poida realizar a consulta por medio telemático ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Administracións Públicas.

No caso de que o/a interesado/a non prestase o dito consentimento para a comprobación dos datos, deberá presentar o documento nacional de identidade e a certificación do padrón municipal. No suposto de ser nacional doutro Estado membro da Unión Europea, deberase presentar a documentación equivalente.

2. Certificación académica completa, conforme o modelo oficial das universidades galegas, na cal se fará constar a nota media do expediente simple, conforme a Resolución do 15 de marzo de 2005, da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 57, do 23 de marzo).

3. Os solicitantes que teñan cursado os seus estudos en universidades non pertencentes ao sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou castelán, deberán acompañala da correspondente tradución xurada. A certificación indicará as cualificacións máxima e mínima do sistema de avaliación correspondente, a cualificación mínima necesaria para aprobar e número.

4. Estar en posesión do Celga 4 ou curso de perfeccionamento de galego.

5. Título correspondente ou, na falta deste último, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

6. Declaración xurada de non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións.

7. Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Sexta. Lugar e prazo de presentación.

As solicitudes e a documentación que se sinala na base quinta presentaranse no rexistro xeral deste organismo, sito no Complexo Administrativo San Lázaro, San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares a que se refire o artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Sétima. Composición da comisión de avaliación.

A selección e avaliación das solicitudes levaraa a cabo unha comisión que estará integrada polos seguintes membros:

Presidenta: a secretaria xeral do IGE.

Vogais: dous, nomeados entre o persoal funcionario do IGE, polo director deste.

Secretario: nomeado polo director do IGE entre os funcionarios do organismo. Actuará con voz e sen voto.

Oitava. Criterio de avaliación.

O criterio único de avaliación será a nota media do expediente simple, conforme a Resolución do 15 de marzo de 2005, da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 57, do 23 de marzo).

Como criterio de desempate utilizarase a letra L, resultante do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, publicado no DOG núm. 25, do 7 de febreiro de 2011.

Novena. Selección e avaliación das solicitudes.

Rematado o prazo para a presentación de instancias e no prazo máximo de 10 días constituirase a comisión de avaliación para proceder ao exame da documentación.

Rematado o exame de todas as solicitudes, a comisión de avaliación elaborará a lista provisoria de admitidos e excluídos, na cal figurarán as causas de exclusión, requirindo o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, complete ou emende as deficiencias. Transcorrido o dito prazo sen que se proceda a completar ou emendar as deficiencias, considerarase desistido da súa solicitude e procederase segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Rematado o prazo de emenda, a comisión de avaliación avaliará os méritos consonte o establecido na base oitava e confeccionará a lista provisoria de posibles bolseiros, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación. O prazo de exposición, consultas e reclamacións será de cinco días hábiles.

Rematado este prazo, a comisión de avaliación resolverá as reclamacións e elaborará a lista definitiva de posibles bolseiros.

A comisión elevará ao director do IGE unha proposta de concesión para a designación do beneficiario da bolsa de formación.

Cos restantes admitidos elaborarase unha lista de suplentes, por orde decrecente de puntuación. Esta lista será operativa no caso de que o bolseiro seleccionado non se incorporase na data establecida, renunciase á bolsa ou se procedese á súa revogación.

Décima. Resolución, notificación e publicidade.

Elevada pola comisión de avaliación proposta de concesión, esta convocatoria será resolta polo director do IGE. Contra esta resolución poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o director do IGE no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución, nos termos dos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co establecido no artigo 46.4 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A notificación da resolución aos titulares farase segundo o disposto no artigo 59.1 da Lei 30/1992, dando, así mesmo, a súa oportuna publicidade no DOG.

Ademais, a aceptación da bolsa comportará a autorización ao IGE para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas cando proceda, agás nos supostos legalmente establecidos.

b) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.º c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicar na páxina web oficial do IGE a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para os tratamentos necesarios dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

c) A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación destas bases reguladoras e da resolución da convocatoria e, de conformidade co artigo 20.3 da Lei de subvencións de Galicia, comportará a autorización da persoa solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social a través de certificados telemáticos.

Décimo primeira. Aceptación da bolsa.

No prazo de dez días desde a notificación da adxudicación da bolsa, o candidato seleccionado deberá comunicar por escrito ao IGE a súa aceptación. No caso de que a citada aceptación non se produza no prazo sinalado, entenderase que o bolseiro renuncia expresamente.

No momento da incorporación o candidato seleccionado deberán acreditar que está ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante documento orixinal ou fotocopia debidamente compulsada por un notario ou por un funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O seleccionado incorporarase no prazo que se indique na notificación da concesión, debendo proceder á sinatura dun documento en que se compromete a cumprir as obrigas derivadas da súa condición de bolseiro. A incorporación dentro do prazo será condición necesaria para o perfeccionamento da condición de bolseiro e, en consecuencia, para a percepción da axuda correspondente.

Se o bolseiro non se incorpora no prazo establecido, perderá os dereitos inherentes á bolsa. Neste suposto, o director do IGE procederá, mediante resolución, á concesión da bolsa ao primeiro candidato que figure na lista que para tal efecto elaborara a Comisión de Avaliación, conforme a base novena.

Décimo segunda. Obrigas do bolseiro.

O bolseiro seleccionado comprometerase a:

  • Cumprir co réxime de formación establecido polo director do IGE, contando co asesoramento e a orientación dos funcionarios que se designen para tales efectos.
  • Presentar antes de rematar o período de desfrute da bolsa unha memoria referida á actividade de formación desenvolvida.
  • Permanecer na sede do IGE o tempo necesario e indispensable para a súa formación.
  • Gardar o segredo estatístico respecto dos datos a que teña acceso, segundo o disposto na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.
  • Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas e polas autoridades do programa Poctep, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control interno.
  • Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión da bolsa.
  • Presentar antes do derradeiro pagamento declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Décimo terceira. Titor ou coordinador.

O bolseiro estará coordinado e dirixido no desenvolvemento da súa bolsa por un titor que será funcionario do IGE.

Décimo cuarta. Natureza xurídica do vínculo.

A concesión e posterior aceptación da bolsa non supón ningún tipo de vinculación laboral ou funcionarial entre o bolseiro e o IGE.

O bolseiro non poderá difundir ou comunicar a información a que teñan acceso na súa formación, salvo coa autorización expresa do director do IGE, e deben facer constar neste caso que a información foi obtida polo goce dunha bolsa concedida polo IGE.

Décimo quinta. Renuncia á bolsa.

A renuncia á bolsa por parte do titular, unha vez iniciado o seu desfrute, deberá comunicarse cun mínimo de quince días naturais de antelación nun escrito dirixido ao director do IGE, que poderá, polo período que reste, concederlla ao candidato que corresponda segundo a lista que para tal efecto elabore a comisión de avaliación.

A renuncia inhabilitará os seleccionados para efectos de presentación en vindeiras convocatorias.

Décimo sexta. Réxime xurídico e impugnabilidade.

Para o non regulado expresamente nestas bases observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e supletoriamente na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento de desenvolvemento.

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados, nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo sétima. Duración do procedemento.

Segundo o establecido no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder nove meses, contados a partir da publicación desta convocatoria.

As solicitudes entenderanse rexeitadas se de non se ditar resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Décimo oitava. Notificacións e requirimentos.

De conformidade co disposto no artigo 59.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, calquera notificación ou requirimento aos interesados farase a través do taboleiro de anuncios e da páxina web do IGE (www.ige.eu). Este xeito de notificación exceptúase cando se proceda á notificación da resolución á persoa seleccionada, que se practicará segundo o disposto no artigo 59.1 da Lei 30/1992.

Décimo novena. Incompatibilidade.

As bolsas reguladas nesta convocatoria serán incompatibles con ter sido beneficiario con anterioridade doutra bolsa de formación convocada polo IGE.

Así mesmo, serán incompatibles coa percepción de calquera retribución de carácter laboral ou profesional e coa percepción da prestación por desemprego.

Vixésima. Cláusula xeral.

A participación nesta convocatoria implica o coñecemento e aceptación destas bases.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, o incumprimento do réxime de incompatibilidades pola obtención concorrente doutras bolsas, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O director do IGE poderá revogar o desfrute da bolsa se o bolseiro non realiza ou incumpre as tarefas que se lle asignen, ou se aquelas non reúnen os requisitos de calidade exixibles. Nestes casos, así como no de renuncia da bolsa por parte do beneficiario, o director do IGE procederá na forma prevista na base novena desta convocatoria.

Disposición derradeira primeira.

O director do IGE poderá ditar as disposicións necesarias para a aclaración ou interpretación destas bases.

Disposición derrradeira segunda.

Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2011.

José Antonio Campo Andión
Director do Instituto Galego de Estatística

missing image file
missing image file
missing image file