Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Mércores, 21 de setembro de 2011 Páx. 27830

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2011 pola que se convoca o curso para a obtención do diploma de directivo ou directiva para empregados públicos das entidades locais da provincia de Pontevedra.

O contexto administrativo actual obriga a buscar solucións innovadoras que permitan, mantendo o nivel de calidade, facer máis eficiente a prestación de servizos públicos. Este exercicio de racionalización conduce a cambios estruturais nas administracións locais nas cales se require non só persoal con capacitación interdisciplinar senón que, ademais, traballe en común.

Neste marco, a Deputación Provincial de Pontevedra en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública e a Universidade de Vigo, acorda realizar o primeiro curso para a obtención do diploma de directivo ou directiva regulado polo Decreto 294/1992, do 10 de setembro, adaptado á participación dos empregados públicos das entidades locais galegas, conforme o disposto na disposición adicional do referido decreto, que pretende responder ás necesidades de formación dos directivos públicos que desenvolven postos de responsabilidade nas diferentes áreas de xestión das administracións locais.

Seguirase unha metodoloxía baseada en clases activas impartidas por persoal docente especializado da universidade, en especial dos profesores da Área de Ciencia Política e da Administración con docencia no grao en Dirección e Xestión Pública; onde terá un espazo propio o traballo en equipo, a presentación de experiencias de éxito por expertos en Administración local, así como o seguimento e avaliación individualizada, baseados nos estudos de casos e no desenvolvemento dun proxecto grupal de fin de curso. As clases presenciais complementaranse cunha aula virtual.

En consecuencia, a Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión do 8 de setembro de 2011, acordou realizar, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública e a Universidade de Vigo, o primeiro curso para a obtención do diploma de directivo ou directiva regulado polo Decreto 294/1992, do 10 de setembro, adaptado á participación dos empregados públicos das entidades locais galegas, conforme o disposto na disposición adicional do referido decreto, cuxas bases, características e contidos son detallados nos anexos desta resolución.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2011.

Pablo Figueroa Dorrego
Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO
Bases

Primeira. Obxectivos do curso.

Dar resposta ás necesidades de formación, desde unha perspectiva multidisciplinar, dos que desempeñan postos de responsabilidade no nivel directivo das corporacións locais, potenciando os seus coñecementos, actitudes e valores cara á figura do directivo público como motor dos novos estilos de goberno local relacional, tendo en conta os criterios establecidos no Decreto 294/1992, do 10 de setembro, polo que se regula o diploma de directivo, modificado polo Decreto 172/2011, do 4 de agosto (DOG do 22 de agosto).

De modo específico, esta acción formativa pretende:

1. Que os alumnos interioricen un plan estratéxico do seu ámbito de xestión, xa sexa de carácter finalista ou xeneralista, de tal forma que a súa xestión constitúa, debidamente contextualizada no seu contorno e ámbito organizativo, unha política pública co seus obxectivos, criterios de avaliación e seguimento.

2. Que os alumnos coñezan as distintas ferramentas de xestión que facilitan unha xestión eficaz, eficiente e de calidade das administracións locais.

3. Que os alumnos interioricen o seu carácter directivo sendo capaces de liderar proxectos de mellora e de promover valores éticos en relación co servizo público.

Segunda. Programa formativo.

1. O curso terá unha duración total de 300 horas lectivas das cales 150 horas serán presenciais e 150 en liña.

2. O contido temático completo do programa consta de dez módulos monográficos relacionados no anexo I desta convocatoria, con descrición, en cada caso, do seu carácter presencial ou non presencial, e avaliable.

Terceira. Lugar e calendario.

1. As clases presenciais terán lugar no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra, calle Fernández Ladreda, n.º 43, nas datas indicadas no anexo II desta resolución. A Deputación reserva para si, non obstante, o dereito de realizar modificacións sobre as datas previstas, se razóns de organización así o aconsellan.

2. As clases presenciais desenvolveranse en módulos que se impartirán un día á semana en horario de tarde. As clases virtuais terán lugar na plataforma de teleformación da EGAP, cun seguimento de dúas sesións semanais, a través das cales se permitirá o intercambio de experiencias e o debate de temas específicos.

Cuarta. Organización e metodoloxía do curso.

1. O curso seguirá unha metodoloxía en que se combinan exposicións presenciais teóricas, que ofrecen un marco conceptual sobre a materia, estudos de casos e experiencias prácticas desenvoltas por profesionais da Administración local.

2. Tendo en conta a incorporación das novas tecnoloxías da información e as comunicacións na formación e a aprendizaxe individual, como complemento da formación presencial, inclúese unha formación en liña que será avaliable.

Quinta. Destinatarios e selección.

1. O curso diríxese a funcionarios de carreira e persoal laboral fixo, dos grupos A1 e A2, da Deputación Provincial de Pontevedra, organismos autónomos dependentes e entidades locais da provincia, en postos de responsabilidade de nivel directivo nas diferentes áreas de xestión da organización, vinculadas coas disciplinas obxecto do curso, que reúnan os seguintes requisitos:

– Estar na data da convocatoria en posesión do título ensino superior ou diplomatura universitaria.

– Estar en situación administrativa de servizo activo, servizos especiais, excedencia por coidado dun fillo ou dun familiar ou equivalente, en calquera das administracións locais da provincia de Pontevedra.

– Ter prestado un mínimo de tres anos de servizos na Administración pública.

Na selección dos participantes terase en conta a traxectoria profesional e curricular dos candidatos, a adecuación do posto desenvolto aos contidos da acción formativa e o interese obxectivo da organización administrativa na participación deste no curso, de conformidade co artigo 5 do Decreto 294/1992, do 10 de setembro, polo que se regula o diploma de directivo.

2. O número máximo de admitidos será de 25 alumnos. A selección dos aspirantes efectuarase por unha comisión cuxos membros serán nomeados pola Deputación, e na que haberá polo lo menos un representante da EGAP e un representante da Universidade de Vigo.

3. De acordo coas previsións do Plan de Igualdade de Xénero, reservarase polo menos un corenta por cento das prazas para a súa adxudicación a mulleres, que reúnan os requisitos establecidos, salvo que o número de solicitudes de mulleres sexa insuficiente para cubrir esa porcentaxe.

4. Así mesmo, de conformidade co establecido no IV Acordo de formación continua nas administracións públicas, do 21 de setembro de 2005, fomentaranse as medidas en materia de formación que favorezan a conciliación da vida familiar e laboral, así como a participación dos empregados públicos con calquera tipo de discapacidade. Ademais, os empregados públicos poderán participar en cursos de formación durante os permisos de maternidade, paternidade, así como durante as excedencias por motivos familiares.

5. Unha vez efectuada a selección definitiva dos participantes, o Servizo de Recursos Humanos da Deputación comunicarállelo aos interesados, que deberán confirmar a súa asistencia ao curso. A inasistencia sen aviso previo ou cumprida xustificación dos que fosen seleccionados para participar na actividade formativa poderá determinar a súa exclusión nas seleccións posteriores.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe de persoal seleccionado.

Sexta. Solicitudes.

1. Os que desexen participar no curso deberán presentar no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Pontevedra o modelo de solicitude que figura na páxina web (http://depontevedra.es) entrando en: «Plan de formación 2011 - Curso para a obtención do diploma de directivo ou directiva». Executando a opción: «Presentación de solicitudes» terase acceso ao formulario no que poderán cubrir os campos oportunos. A ela deberán xuntar o currículo e certificación de servizos prestados.

Os interesados deberán indicar na súa solicitude, ademais dos seus datos persoais, profesionais e académicos, os motivos que o animan a participar no curso incidindo especialmente no interese obxectivo da organización administrativa en que presta os seus servizos.

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia.

3. O Servizo de Recursos Humanos e Formación poderá requirir ao interesado a ampliación da información recollida na solicitude.

4. O envío da solicitude debidamente cuberta supón a aceptación expresa das bases, normas e procedementos que rexen o devandito curso.

Sétima. Réxime de asistencia e diploma.

1. Os alumnos terán que asistir con regularidade ao curso, así como participar en todas as súas actividades programadas na plataforma en liña. Unha inasistencia superior ao 10 por 100 no cómputo total de horas lectivas programadas imposibilitará a expedición do diploma e dará lugar á baixa automática no curso.

2. Outorgaráselles o diploma de directivo ou directiva aos participantes que, tendo cumprido o sistema de asistencia, superen as probas de avaliación de aproveitamento consistentes en controis de coñecemento ao remate de cada unha das materias avaliables e na realización dun traballo en equipo que versará sobre a realización dun plan de mellora de xestión aplicable ás organizacións en que prestan os seus servizos.

3. O tema obxecto do traballo proporao o alumno e irá acompañado dun guión de desenvolvemento. Posteriormente comunicaráselle a aceptación ou non do tema.

4. Os coordinadores do curso, propostos pola Deputación e pola Universidade de Vigo, establecerán os criterios xerais para a realización do traballo, así como a designación dos profesores-titores que se encargan da dirección, orientación, presentación e avaliación, para a súa aprobación pola Escola Galega de Administración Pública.

5. A proba final cualificarase de 0 a 10 puntos, e serán necesarios para superala un mínimo de 5 puntos. Os traballos expoñeranse publicamente ante a Comisión de Seguimento e Avaliación nos días e horas que se determinen.

6. Finalizado o curso, a Comisión de Seguimento e Avaliación elevará ao Servizo de Recursos Humanos e Formación a proposta e relación de alumnos aptos para que se expidan os correspondentes diplomas de directivo ou directiva, que serán asinados polos representantes da Deputación, da EGAP e da Universidade de Vigo.

Oitava. Financiamento.

O custo de matrícula dos alumnos seleccionados financiarao a Deputación Provincial de Pontevedra.

Novena. Información adicional.

Poderase solicitar información adicional chamando ao número de teléfono 986 80 41 00 ou a través do correo electrónico: maria.chaves@depo.es ou gema.pinon@depo.es

ANEXO I

1. Módulo: o directivo público local e as políticas públicas locais.

1. A función directiva. O directivo como creador do valor público.

2. Os requisitos de institucionalización da función directiva. Problemas específicos da esfera local.

3. O perfil profesional do directivo público local. Dicionario de competencias profesionais.

4. O directivo relacional e as políticas públicas locais.

5. Novas políticas urbanas para unha nova época.

6. Goberno local e políticas públicas en España.

7. Participación e innovación democrática.

2. Módulo: análise organizativa da Administración local. Estratexias de cambio.

1. Teoría da organización e Administración pública.

2. As dimensións organizativas clásicas das organizacións locais.

3. As organizacións instrumentais prestadoras de servizos.

4. A comunicación interna.

5. O cambio nas organizacións locais.

3. Módulo: márketing de servizos públicos locais.

1. Da Administración de servizos á de marca.

2. A marca pública en acción.

3. A comunicación da marca pública.

4. Módulo: dirección, planificación estratéxica e control de xestión.

1. Estratexia, dirección estratéxica e planificación estratéxica. A súa función na xestión das administracións locais.

2. Os compoñentes do proceso estratéxico.

3. Instrumentos para a implementación da estratexia.

4. A avaliación de resultados: o control de xestión. Os instrumentos. As áreas principais de control. Os obxectos de control. A integración do control de xestión.

5. Módulo: análise de procesos.

1. A transversalidade dos procesos nas organizacións e a perspectiva dos impactos.

2. A análise de procesos de forma participada.

6. Módulo: avaliación e calidade nos servizos públicos.

1. A avaliación da acción pública.

2. A calidade no contexto xeral da avaliación.

3. Calidade e excelencia.

4. Os modelos de excelencia.

5. O modelo de avaliación, aprendizaxe e mellora (EVAM).

6. Tendencias recentes en xestión pública.

7. Módulo: dirección económico-financeira, xestión orzamentaria e sistemas de control.

1. A planificación e a xestión financeira no marco dunha dirección por obxectivos.

2. A xestión financeira e orzamentaria nas entidades locais.

3. Xestión descentralizada de ingresos e gastos.

4. A contabilidade e o control na Administración local.

8. Módulo: dirección e xestión de recursos humanos.

1. Introdución: da xestión burocrática á xestión estratéxica de RR.HH.

2. O sistema de RR.HH. nas AA.PP.

3. A motivación no servizo público.

4. A cultura na xestión de RR.HH. e a xeración de equipos de traballo.

5. O clima laboral.

6. O desenvolvemento estratéxico de RR.HH.

7. Planificación estratéxica de RR.HH.: análise e valoración de postos de traballos.

8. O ingreso nas administracións locais: selección.

9. A avaliación do desenvolvemento por competencias: concepto, criterios e método.

9. Módulo: a Administración electrónica na sociedade da información.

1. Aspectos tecnolóxicos, políticos e organizativos da Administración electrónica.

2. A Lei de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

3. A xestión do coñecemento.

4. Experiencias de administración en corporacións locais.

10. Módulo sobre técnicas e habilidades directivas.

1. Liderado.

2. Traballo en equipo.

3. Negociación.

4. Comunicación.

11. Presentación dos plans de mellora de xestión.

ANEXO II

Calendario formación presencial

En liña

Datas ano 2011

Horas

Horas 2011

17, 24 e 31 de outubro

12 horas

40 horas

7,14, 21 e 28 de novembro

16 horas

12 de decembro

4 horas

Datas ano 2012

Horas

Horas 2012

16, 23 e 30 de xaneiro

12 horas

80 horas

6, 13, 20 e 27 de febreiro

16 horas

5, 12, 20 e 26 de marzo

16 horas

16 e 23 de abril

8 horas

7, 14, 21 e 28 de maio

16 horas

17 e 24 de setembro

8 horas

1, 8, 15, 22 e 29 de outubro

20 horas

5, 12 e 19 de novembro

12 horas

Proxecto

10 horas

30 horas

Total

150 horas

150 horas

ANEXO III

Módulos

Profesores universidades e expertos

Coordinadores

O directivo público local e as políticas públicas locais

Enrique José Varela Álvarez (UVigo)

Argimiro Rojo Salgado (UVigo)

Xosé M.ª Mahou Lago (UVigo)

Manuel Zafra Víctor (UGR)

Enrique José Varela Álvarez

e Xosé María Mahou Lago

Análise organizativa da Administración local. Estratexias de cambio

Enrique José Varela Álvarez (UVigo)

Guillermo Márquez (USC)

Ramón Bouzas (USC)

Albert Calderó (Estrategia Local)

Óscar Briones Gamarra

e Enrique José Varela Álvarez

Dirección, planificación estratéxica e control de xestión: plans de mellora de xestión

Miguel Loureiro (UVigo)

Alfonso Sola (UVigo)

Manuel Villoria (URJC)

Antonio Natera (UC3M)

Alfonso Sola

e Enrique José Varela Álvarez

Dirección e xestión de recursos humanos

Óscar Briones (UVigo)

Miquel Salvador (Pompeu Fabra)

Óscar Briones

e Mónica López Viso

Márketing de servizos públicos locais

Ana Dopico (UVigo)

Isabel Bazaga (URJC)

Enrique José Varela Álvarez

e Mónica López Viso

Análise de procesos

Guillermo de Luis (Improvia)

Enrique José Varela Álvarez

e Álvaro Xosé López Mira

Avaliación e calidade dos servizos públicos

Óscar Briones (UVigo)

Andrés Cernadas (USC)

Albert Galofré

Óscar Briones Gamarra

e Celso Cancela Outeda

Dirección económico-financeira, xestión orzamentaria e sistemas de control

Xavier Martínez Cobas (UVigo)

Óscar Briones Gamarra

e Antón Lois Fernández Álvarez

A Administración electrónica na sociedade da información

Xosé María Mahou Lago (UVigo)

Adela Mesa (UPV)

Xosé M.ª Mahou Lago

e Rosa Ricoy

Técnicas e habilidades directivas

Pedro Figueroa (UVigo)

Carles Ramió (Pompeu Fabra)

Joan Subirats (UAB)

Constantino Cordal

e Enrique José Varela Álvarez

Seguimento plans de mellora de xestión

Enrique José Varela Álvarez

Enrique José Varela Álvarez

e Óscar Briones Gamarra

Preavaliación plans mellora xestión

Presentación e avaliación plans mellora xestión