Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Luns, 19 de setembro de 2011 Páx. 27474

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 9 de setembro de 2011 pola que se modifica a Orde do 3 de marzo de 2011, pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas ao cofinanciamento da prestación de servizos sociais polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2011.

A Orde do 3 de marzo de 2011 pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas ao cofinanciamento da prestación de servizos sociais polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2011 (DOG n.º 62, do 29 de marzo) establece, no seu artigo 8, un importe total dispoñible para o exercicio 2011 de 47.041.716 €, destinado ao financiamento das subvencións que, ao abeiro dela, poderán ser concedidas aos solicitantes, «sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias».

Como consecuencia da Resolución do 28 de febreiro de 2011, da Secretaría Xeral de Política Social e Consumo, pola que se publica o acordo do Consello de Ministros, do 25 de febreiro de 2011, polo que se formalizan os criterios de distribución, así como a distribución resultante, para o ano 2011, dos compromisos financeiros aprobados pola Conferencia Sectorial de Asuntos Sociais, na súa reunión do 27 de xaneiro de 2011, respecto dos créditos destinados ao cofinanciamento dos plans e programas sociais, na cal se constata unha minoración nas contías asignadas á Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de programas sociais no ano 2011 con respecto ás contías asignadas á dita comunidade autónoma para o ano 2010, e toda vez que parte destes créditos estatais cofinancian as subvencións convocadas pola antedita orde, cómpre axustar os créditos inicialmente autorizados para o financiamento destas subvencións no ano 2011 para adecualos á realidade das contías efectivas que esta comunidade autónoma vai recibir da Administración do Estado para tal finalidade.

Ademais, a causa do anterior, e para poder cumprir cos obxectivos de estabilidade orzamentaria da Facenda da Comunidade Autónoma, esta consellería vese obrigada a adoptar medidas de recorte dos créditos financiados con fondos propios autorizados para o financiamento destas subvencións no exercicio 2011.

Todas estas circunstancias obrigan a reducir os créditos dispoñibles para o financiamento destas subvencións no ano 2011 dos 47.041.716 € iniciais a 44.643.173,32 €.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Minórase o importe total destinado ao financiamento das subvencións que se van conceder ao abeiro da Orde do 3 de marzo de 2011 pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas ao cofinanciamento da prestación de servizos sociais polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2011, nas seguintes contías e aplicacións orzamentarias:

12.02.313C.460.1 por importe de 302.352,68 €.

12.02.313C.460.2 por importe de 1.596.190 €.

12.02.313C.460.3 por importe de 500.000 €.

Deste xeito, os créditos dispoñibles para o financiamento destas subvencións no exercicio 2011 quedan reducidos dos 47.041.716 € iniciais aos 44.643.173,32 € actuais, da seguinte maneira:

Financiamento de servizos sociais comunitarios de titularidade municipal:

12.02.312D.460.0, por importe de 23.066.839 € (Programa de atención á dependencia).

12.02.313C.460.2, por importe de 14.460.266 € (Plan concertado de prestacións sociais básicas).

12.02.313C.460.3, por importe de 6.992.421 € (Programa de servizos sociais comunitarios).

Financiamento de proxectos para o desenvolvemento do pobo xitano:

*12.02.313C.460.1, por importe de 123.647,32 € (Plan de desenvolvemento xitano).

2. Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira.

Única. Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar