Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Mércores, 7 de setembro de 2011 Páx. 26459

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 26 de agosto de 2011 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión extraordinaria de subvencións a entidades de iniciativa social para o mantemento de determinados centros de inclusión e emerxencia social e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23.º, asigna á comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

En virtude dese título competencial aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG n.º 245, do 18 de decembro), que recolle no seu artigo 8.1.a), relativo á estrutura básica dos servizos sociais, como un dos niveis de actuación en que se estrutura o sistema galego de servizos sociais o dos servizos sociais comunitarios, que comprenden, pola súa vez, dúas modalidades: servizos sociais comunitarios básicos e servizos sociais comunitarios específicos. Ademais, o artigo 31.1 sinala que o cumprimento dos fins de entidades de iniciativa social promoverase mediante o outorgamento de subvencións, que se concederán atendendo ao interese social dos distintos servizos e proxectos, á súa complementariedade coa oferta pública de servizos sociais, á calidade e ao carácter innovador das prestacións e servizos ofertados, á eficiencia no emprego dos fondos públicos e á súa adecuación aos obxectivos fixados pola planificación autonómica en materia de servizos sociais.

A Consellería de Traballo e Benestar, segundo a estrutura orgánica fixada polo Decreto 335/2009, do 11 de xuño (DOG n.º 123, do 25 de xuño) é o órgano da Administración da comunidade autónoma a que lle corresponde levar a cabo, entre outras, as competencias e funcións en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de benestar social, inclusión social e servizos comunitarios. Así mesmo, como un dos órganos en que se estrutura, á Secretaría Xeral de Familia e Benestar correspóndelle a realización de funcións de estudo das necesidades e problemáticas sociais e a coordinación, o control e a xestión das prestacións sociais e económicas. No exercicio destas competencias, e co obxecto de paliar os efectos da crise económica sobre as persoas en situación de exclusión social, a Consellería de Traballo e Benestar considera necesaria a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social que xestionen albergues, centros de acollida e comedores sociais en que se preste atención directa a tales persoas, sempre que se axusten á tipoloxía e requisitos legalmente establecidos e se adecúen á planificación da Consellería de Traballo e Benestar.

A solicitude, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE n.º 276, do 18 de novembro) e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve; así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG n.º 121, do 25 de xuño); e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo, en todo caso, aos principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia (DOG n.º 23, do 21 de marzo), e polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG n.º 75, do 20 de abril) e polo Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, para a debida aplicación dos créditos orzamentarios conforme o fin para que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento de subvencións ás entidades de iniciativa social que xestionen os centros do tipo expresado no artigo 3, letras a), b) e c) da Orde do 25 de xaneiro de 2008, pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, isto é: albergues, centros de acollida e inclusión e comedores sociais.

Artigo 2. Destinatarios.

1. Poderán solicitar as subvencións reguladas nesta orde as entidades de iniciativa social referidas no artigo anterior, sempre que se atopen debidamente inscritas con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro (DOG n.º 218, do 14 de novembro), e pola Orde do 5 de febreiro de 1996 (DOG n.º 35, do 19 de febreiro), que desenvolve o anterior, e cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Será requisito previo ao outorgamento das subvencións a obtención da autorización para o inicio de actividades, prevista no Decreto 143/2007, do 12 de maio (DOG n.º 147, do 31 de xullo), polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais.

3. No suposto de entidades que recibiran subvención da Xunta de Galicia para mantemento de centros ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2010 (DOG n.º 15, do 24 de xaneiro de 2011), será requisito previo para a concesión da subvención a presentación do balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o exercicio anterior, a que se refire o artigo 15.5 (anexo V).

4. As entidades que accedan a esta convocatoria deberán dedicarse con carácter preferente, en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións recollidas no artigo 1.

5. As subvencións reguladas nesta orde non son compatibles coa reserva de prazas efectuada mediante calquera das modalidades de contratación administrativa entre a entidade solicitante e a Xunta de Galicia nin co mantemento de centros efectuado a través de convenios de colaboración especificamente asinados para tal efecto.

Artigo 3. Normas de carácter xeral.

a) As entidades solicitantes poderán presentar unha única solicitude de subvención, que terá por obxecto o mantemento só dun dos tipos de centros expresados no artigo 1: albergues, centros de acollida e inclusión ou comedores sociais.

b) A subvención poderá significar o financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade de financiamento.

c) En calquera caso, a suma dos fondos obtidos de calquera Administración pública e das subvencións concedidas por todo tipo de organismos privados, percibidas para a mesma finalidade, non poderá superar o importe total do gasto efectuado. Así mesmo, a subvención reducirase proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade do gasto orzamentado na solicitude.

d) O Servizo de Prestacións da Subdirección Xeral de Inclusión e Cooperación coas Corporacións Locais da Consellería de Traballo e Benestar poderá efectuar as comprobacións que considere oportunas en canto ao cumprimento por parte das entidades de iniciativa social participantes dos requisitos exixidos pola Lei de servizos sociais de Galicia e pola súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderán solicitar informes de calquera das unidades responsables da rede pública e concertada de servizos sociais en canto aos aspectos de complementariedade, oportunidade e eficacia dos servizos e programas das entidades solicitantes recollidos nesta orde.

Artigo 4. Financiamento.

1. Para a concesión das subvencións para o mantemento dos centros previsto no artigo 1 desta orde, e sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de maiores dispoñibilidades orzamentarias, que se tramitarán como modificacións desta de acordo co previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, por un importe máximo de 155.000 €, con cargo á aplicación 2011.12.02.312A.481.3., que se distribuirá de acordo coa tipoloxía dos centros do seguinte modo:

– Albergues: 40.000 euros.

– Centros de acollida: 85.000 euros.

– Comedores sociais: 30.000 euros.

2. A distribución establecida no número anterior poderá ser obxecto de reaxuste no suposto de que, unha vez asignados os créditos entre as entidades solicitantes, existise un remanente nalgunha das tipoloxías.

Artigo 5. Solicitudes e documentación requirida.

As solicitudes presentaranse no modelo publicado como anexo I desta orde. Xunto á solicitude deberanse achegar os seguintes documentos:

a) Memoria da entidade, que conteña os datos básicos de identificación e unha presentación da entidade que recolla, como mínimo, as seguintes epígrafes:

– A orixe e a finalidade.

– A dimensión e a eficacia.

– Os centros que dependan da entidade.

– Solvencia técnica.

– Medios materiais.

– Outras fontes de financiamento.

b) Datos financeiros da entidade solicitante (anexo II), que inclúe a ficha bancaria e a declaración relativa á non percepción doutras axudas.

c) Certificación expedida pola entidade bancaria sobre a titularidade da conta corrente en que se ingresará a subvención.

d) Acreditación da representación do solicitante para actuar en nome da entidade. En canto á acreditación da personalidade deberá achegarse fotocopia do documento nacional de identidade ou documento equivalente no caso de que o interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Política Territorial e Administración Pública.

e) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

As entidades que solicitaran subvención ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras polas para que se rexerá a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para o mantemento e a promoción de actividades e programas na área de servizos sociais comunitarios, quedarán exentas de presentar a documentación prevista nas letras b), c), d), e) e f), sempre que non se producisen modificacións no seu contido, circunstancia que será acreditada mediante certificación simple expedida polo representante da entidade.

f) Unha ficha de identificación do centro para o cal se solicita a subvención, que deberá informar dos seguintes extremos: (anexo III).

– Identificación do centro e do seu responsable

– Número de persoas usuarias expresado nos termos que para cada tipo de centros se indica no artigo 10 e réxime económico aplicado ás persoas usuarias

– Servizos prestados e actividades ofertadas con carácter regular con referencia ás especificacións recollidas no artigo 10.

– Descrición das características técnicas do centro.

g) Orzamento de funcionamento do centro (anexo IV).

h) Declaración responsable de non ter asinado convenio ou contrato administrativo para a reserva de prazas con ningunha Administración pública (anexo IV).

Artigo 6. Prazo de presentación das solicitudes e documentación.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

Entenderase como último día do prazo o correspondente, no mes seguinte ao da publicación desta orde, ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 7. Lugar de presentación das solicitudes e documentación.

A solicitude e a documentación requirida, que irá dirixida á conselleira de Traballo e Benestar, presentarase no rexistro único nos servizos centrais ou nos servizos periféricos da Consellería de Traballo e Benestar segundo o disposto nos artigos seguintes desta orde, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE n.º 285, do 27 de novembro), e o disposto na Orde do 16 de outubro de 2008 pola que entra en funcionamento a oficina de rexistro único e información no complexo administrativo de San Caetano.

De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e para a publicación da relación de entidades beneficiarias e do importe das axudas concedidas na páxina web oficial da Xunta de Galicia. Así mesmo, a solicitude inclúe a autorización para facer públicos nos rexistros de axudas, subvencións, e convenios e de sancións, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas.

Por último, tamén contén a autorización para acceder á información sobre obrigas tributarias, co Estado e coa comunidade autónoma, e aos datos de identidade e residencia das persoas físicas que actúen en nome da entidade, de conformidade co establecido na Orde do 7 de xullo de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, no que respecta á verificación de datos de identidade e residencia. Non obstante, a persoa ou entidade solicitante poderá denegar expresamente o seu consentimento, daquela deberá entregar coa solicitude a fotocopia do documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.

Artigo 8. Normas xerais da tramitación dos expedientes.

1. Os expedientes serán tramitados no Servizo de Prestacións da Subdirección Xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais da Consellería de Traballo e Benestar, de acordo cos criterios establecidos no artigo 10.

2. O servizo encargado da xestión comprobará que as solicitudes cumpren co establecido nesta orde e, se é o caso, requirirá aos interesados para que, no prazo de dez días, emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixesen, se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á comisión de valoración prevista no artigo 10, que terá a función de propoñer a aprobación ou denegación das subvencións, seguindo os criterios obxectivos recollidos para cada tipo de subvención. A comisión de valoración poderá solicitar informe á unidade administrativa con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais acerca do grao de cumprimento da normativa en materia de inscrición de entidades e autorización dos centros e/ou programas de servizos sociais.

Artigo 9. Comisión de valoración.

A composición da comisión de valoración será a seguinte:

– Presidenta: a secretaria xeral de Familia e Benestar ou persoa designada para substituíla.

– Vogais: o subdirector xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais e a xefa do Servizo de Prestacións. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario/a por proposta da secretaria xeral de Familia e Benestar.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o/a presidente/a da respectiva comisión e, sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da mesma subdirección ou servizo a que pertenza o/a substituído/a.

Artigo 10. Valoración das solicitudes de subvención.

1. Criterios de valoración.

As solicitudes serán baremadas ata un máximo de 100 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

a) Albergues: límite máximo para conceder: 10.000 euros por solicitude.

Criterios de valoración:

– Número de persoas usuarias para o cal se terá en conta a media de persoas días/ ocupados: ata un máximo de 40 puntos.

Para a aplicación deste criterio, cando proceda, os datos alegados pola entidade solicitante serán contrastados cos que consten nos informes expedidos polo servizo correspondente. No caso de contradición, estes informes terán presunción de veracidade.

– Carencia de servizos públicos das mesmas características na mesma localidade: ata un máximo de 20 puntos.

– Financiamento público xa recibido no actual exercicio. Para estes efectos, adxudicarase a puntuación en proporción inversa á contía das subvencións percibidas: ata un máximo de 20 puntos.

– Posta á disposición das persoas usuarias de unidade de hixiene, servizo de duchas, servizo de roupeiro e servizo de lavandaría: ata un máximo de 5 puntos.

– Posta á disposición das persoas usuarias de módulos para unidades familiares: ata un máximo de 5 puntos.

– Existencia de programas de inserción social ou actividades ocupacionais: ata un máximo de 5 puntos.

– O emprego da lingua galega na realización das actividades ou actuacións para as cales se solicita a subvención: ata un máximo de 5 puntos.

b) Centros de acollida: límite máximo para conceder: 55.000 euros por solicitude.

Criterios de valoración:

– Perfil da persoa usuaria (gravidade da situación de exclusión e concorrencia de situacións de dependencia ou discapacidade): ata un máximo de 40 puntos.

– Número de persoas usuarias, para o cal se terá en conta o número de prazas ocupadas en media mensual: ata un máximo de 35 puntos.

– Financiamento público xa recibido no actual exercicio. Para estes efectos, adxudicarase a puntuación en proporción inversa á contía das subvencións percibidas: ata un máximo de 20 puntos.

– O emprego da lingua galega na realización das actividades ou actuacións para as cales se solicita a subvención: ata un máximo de 5 puntos.

c) Comedores sociais: límite máximo para conceder: 8.000 euros por solicitude.

Criterios de valoración:

– Número de persoas usuarias, para o cal se terá en conta a media de servizos de restauración realizados no período de 24 horas en día laborable: ata un máximo de 40 puntos.

– Carencia de servizos públicos das mesmas características na mesma localidade: ata un máximo de 20 puntos.

– Financiamento público xa recibido no actual exercicio. Para estes efectos, adxudicarase a puntuación en proporción inversa á contía das subvencións percibidas: ata un máximo de 20 puntos.

– Posta á disposición das persoas usuarias de unidade de hixiene, servizo de roupeiro e servizo de lavandaría: ata un máximo de 15 puntos.

– O emprego da lingua galega na realización das actividades ou actuacións para as cales se solicita a subvención: ata un máximo de 5 puntos.

2. Asignación do crédito.

A comisión de valoración fixará unha puntuación mínima excluínte e o crédito distribuirase de maneira rateada e proporcional á puntuación obtida por cada entidade solicitante, de tal forma que as solicitudes que teñan unha maior puntuación obterán unha porcentaxe maior de subvención sobre a parte subvencionable do solicitado, o cal excluirá aqueles gastos que non cumpran os requisitos establecidos pola normativa en vigor e os que supoñan duplicidade de recursos. Así mesmo, aplicaranse criterios de eficiencia e racionalidade do gasto orzamentado.

Artigo 11. Resolución.

1. As subvencións serán resoltas pola conselleira de Traballo e Benestar.

2. Tanto a concesión como a determinación do importe das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, atendendo aos criterios de prioridade establecidos nesta orde.

3. A comisión de valoración, unha vez estudadas todas as propostas e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, formulará unha proposta de concesión. Cando o importe da proposta de subvención asignado a unha entidade sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a comisión de valoración poderá instar do/a solicitante a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto e o contido xeral expresado na solicitude inicial.

4. As resolucións recaídas serán motivadas e notificaranse ás entidades interesadas para a execución da axuda outorgada no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Se vencese o prazo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

5. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao amparo desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución expresa ou de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto no artigo 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE n.º 167, do 14 de xullo), no prazo de dous meses contados desde a súa notificación se o acto é expreso ou seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que estimen oportuno.

6. En todo caso, unha vez recibida a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a aceptación da subvención. Transcorrido o anterior prazo, sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 12. Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación do contido da resolución de concesión da subvención, por instancia do beneficiario, de acordo co previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido no artigo anterior e con carácter excepcional, poderanse efectuar resolucións complementarias por existiren fondos procedentes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas ou cando se produza unha ampliación do financiamento pola achega de novos fondos dispoñibles, tal e como se establece no artigo 4. Nestes supostos, só poderán atenderse ás solicitudes presentadas dentro do prazo establecido no artigo 6 desta orde.

Artigo 13. Infraccións e sancións.

En materia de infraccións e sancións aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG n.º 121, do 25 de xuño), e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Obrigas das entidades subvencionadas.

As entidades beneficiarias destas subvencións, ademais de reuniren os requisitos e a non concorrencia das circunstancias mencionadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG n.º 121, do 25 de xuño), deberán cumprir as seguintes obrigas mencionadas no artigo 11 da devandita lei:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás previstas na lexislación do Consello de Contas. Neste senso, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día e no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, excepto nos supostos nos que tal información pode ser obtida pola propia Administración.

f) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada pola Consellería de Traballo e Benestar.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 15. Pagamento e xustificación das subvencións.

1. Unha vez ditada a resolución pola que se concede a subvención procederase ao pagamento e xustificación segundo o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, da forma establecida nos puntos seguintes.

2. En aplicación do establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado, e segundo o previsto no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse efectivamente pagados os gastos cando se xustifique o seu pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificadas, selados e asinados pola persoa beneficiaria.

De conformidade co previsto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados polo órgano concedente, poderase aceptar o pagamento mediante o recibín da empresa ou persoa provedora para gastos de escasa contía e por importes inferiores a 1.000 euros. En todo caso non se admitirá como gasto xustificado mediante este sistema de pagamento aqueles que se refiran a: gastos de persoal, axudas de custo, alugueres, gastos por impartición de cursos, xornadas ou conferencias.

3. Conta xustificativa con entrega de xustificantes de gasto.

Para o pagamento total da subvención concedida é necesario que a entidade beneficiaria xustifique a totalidade do gasto orzamentado na súa solicitude, ou aquel que resultara da reformulación da súa solicitude aceptada pola comisión de valoración. No caso de que o gasto realizado fose menor, a subvención concedida minorarase na mesma porcentaxe que resulte entre o gasto orzamentado e o efectivamente realizado.

A documentación xustificativa que debe achegar a entidade para a comprobación da aplicación da subvención será a seguinte:

3.1. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

3.2. Unha memoria económica xustificativa dos gastos realizados, composta pola seguinte documentación:

a) Certificación do/a representante da entidade acreditativa da totalidade do gasto realizado.

b) Relación clasificada dos gastos, na cal se especificará de forma individualizada o tipo de gasto, a persoa ou empresa beneficiaria, o número de factura, a data, importe e forma de pagamento.

c) Documentación orixinal e copia (nóminas de persoal, gastos Seguridade Social, IRPF, facturas,...) dos gastos que se imputen á subvención concedida, para a súa comprobación e selado. No caso daqueles gastos dos cales se imputen só unha porcentaxe indicarase na relación clasificada de gastos a porcentaxe imputada.

d) Balance en que se reflicta a totalidade dos ingresos e gastos totais.

e) Documentos orixinais e copia que acredite o pagamento dos gastos imputados á subvención concedida (extractos ou certificacións bancarias).

4. Pagamentos á conta.

Poderán acordarse pagamentos á conta consistentes en ata dous pagamentos fraccionados, que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada, mediante certificación do director ou responsable da entidade, que indicará expresamente o gasto total realizado xunto cos xustificantes do gasto e do pagamento que se imputen directamente á subvención concedida ao abeiro desta orde. O importe dos pagamentos á conta que se concedesen non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados.

O 20% restante da subvención librarase no momento da completa xustificación, pola entidade beneficiaria, do cumprimento da finalidade e demais condicións para as cales foi concedida.

5. Normas para a xustificación final.

5.1. A xustificación final das subvencións poderá presentarse ata o 9 de decembro do ano 2011, e a entidade deberá achegar, ademais, antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte ao devandito ano, ante a Consellería de Traballo e Benestar, un balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural segundo o anexo V.

5.2. As entidades beneficiarias, por tratarse de entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, quedan exoneradas de presentar garantías, de conformidade co disposto no artigo 65.4 h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5.3. As facturas cumprirán o disposto no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación e se modifica o regulamento do imposto sobre o valor engadido.

5.4. Para os efectos do previsto neste artigo, ten a consideración de gasto realizado o que foi efectivamente pagado no exercicio corrente con anterioridade á finalización do período de xustificación. Non obstante, os gastos de persoal e outros aos cales se lle practique retención en concepto de imposto sobre a renda das persoas físicas entenderanse efectivamente pagados coa satisfacción dos haberes líquidos e xustificados co ingreso nos organismos acredores da Seguridade Social e da Facenda Pública.

5.5. Considéranse dentro dos gastos subvencionables os financeiros, incluídos os gastos e xuros derivados de créditos bancarios formalizados coa finalidade de dispoñer de efectivo para a realización do obxecto da subvención concedida mentres non sexa aboada pola Administración, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado, así como os de administración específicos, se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

5.6. No momento da xustificación final do gasto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das subvencións solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, así como doutros entes públicos ou privados, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás subvencións desta orde.

5.7. De acordo co previsto no artigo 51 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con carácter excepcional e cando o elevado número de beneficiarios desaconselle a práctica da xustificación mediante a presentación da conta xustificativa con entrega de xustificantes de gasto e de pagamento, para aquelas subvencións concedidas por importe inferior a 30.000 euros, poderá ter carácter de documento con validez xurídica a conta xustificativa simplificada, que conterá a seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha relación clasificada dos gastos, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento.

c) Un detalle doutros ingresos e subvencións que financien a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

d) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

O órgano concedente comprobará, mediante a aplicación de técnicas de mostraxe, un número de expedientes significativo, coa finalidade de obter a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, para o cal poderá requirirlle a entidade beneficiara a remisión da totalidade dos documentos xustificativos e, en todo caso, procederá a requirirlle a totalidade dos devanditos documentos cando das comprobacións realizadas non se acade a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención.

Artigo 16. Reintegro das subvencións concedidas.

1. De acordo co establecido no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro total ou parcial da contía da subvención percibida xunto cos xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención mediante o falseamento das condicións requiridas para iso ou o ocultamento das que impedisen obtela.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades beneficiarias, así como dos compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou que se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das condicións impostas ás entidades beneficiarias con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido en supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, concedidas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade que se vai desenvolver. Así mesmo, cando exista unha resolución administrativa firme pola que se impón á entidade unha sanción en materia de servizos sociais, en relación co centro ou programa específico que se quere subvencionar.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro realizarase de conformidade co procedemento establecido no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e nos artigos 77 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o disposto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a secretaria xeral de Familia e Benestar para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

A presente orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2011

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file