Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Martes, 6 de setembro de 2011 Páx. 26394

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2011 pola que se convoca o curso de técnico de ambiente 2011.

Conforme os fins que lle asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP convoca un curso de técnico de ambiente.

1. Obxectivos.

A integración da dimensión ambiental na formación de técnicos, funcionarios e directivos ao servizo da Administración autonómica e local galega, que desenvolvan a súa actividade na área ambiental, coa finalidade de proporcionarlles unha formación teórico-práctica e adecuala ás exixencias que demanda a sociedade actual, en prol de mellorar a xestión ambiental e poder contribuír á protección e conservación ambiental da nosa comunidade de cara á sustentabilidade futura de Galicia. Trátase de formar expertos cunha visión global e integradora da problemática ambiental nos múltiples sectores, desde a óptica de calquera das administracións públicas, en políticas ambientais, sen esquecer os aspectos que poidan ser de importancia para os profesionais liberais, directivos ou xestores ambientais de empresa, ben do sector público ou do privado.

2. Contido.

O curso estrutúrase nos seguintes módulos:

– Sesión inaugural (4 horas).

– Módulo I: Introdución xeral, marco institucional, aspectos económicos e técnicos (12 horas).

– Módulo II: Ferramentas de xestión ambiental (12 horas).

– Módulo III: Calidade do aire, modelo enerxético sustentable e loita contra o cambio climático (10 horas).

– Módulo IV: Xestión das augas (10 horas).

– Módulo V: Xestión dos residuos e solos (18 horas).

– Módulo VI: Xestión do medio natural e medio construído (16 horas).

– Módulo VII: Visitas prácticas (20 horas).

3. Prazas: 50.

4. Destinatarios.

4.1. O 60% das prazas (30) ten como destinatarios os empregados/ás públicos/ás das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica coma local, e das universidades do sistema universitario de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

Pertencer ao grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario, ou aos grupos I e II do persoal laboral.

Este curso valorarase con 1 punto a aqueles/las alumnos/nas que fosen considerados aptos á súa finalización e, polo tanto, teñan dereito ao certificado de aproveitamento, sempre que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento de Administración local, en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, da Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro de 1994, e conforme o establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal (DOG n.º 52, do 16 de marzo).

4.2. Poderán optar ao 40% das prazas (20) os profesionais que dispoñan do título de doutorado, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

Incluiranse tamén neste grupo todas as persoas contratadas polas administracións públicas (por exemplo, contrato de servizos) que reúnan os requisitos do parágrafo anterior, e que non teñan a condición de empregados públicos.

As prazas de calquera dos grupos que non sexan cubertas acumularanse ás do outro.

5. Pagamento da matrícula.

5.1. O importe da matrícula é de trescentos cincuenta euros (350 €) para todos aqueles solicitantes que cumpran as condicións prescritas no punto 4.1 e que, ademais, no desenvolvemento do seu traballo habitual realicen tarefas que estean vinculadas directamente co ambiente.

5.2. O importe da matrícula é de setecentos euros (700 €) para os demais solicitantes. O pagamento de matrícula deberá efectuarse dentro dos 5 días seguintes á comunicación por parte da EGAP da aceptación do alumno no curso.

6. Forma de pagamento.

A EGAP comunicaralle ao alumnado admitido no curso o prazo, así como o modo para a formalización da matrícula.

A EGAP non procederá á devolución das cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

7. Incumprimento dos prazos de pagamento.

As persoas matriculadas que non fagan efectivo o importe total dos dereitos de inscrición dentro do prazo marcado perderán a súa condición de alumnos deste curso.

8. Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo de inscrición será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia curricular que para ese efecto figurará na páxina web da EGAP, no seguinte enderezo: http://egap.xunta.es/cursoMedioambiente.

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten os seguintes documentos:

a) Se os peticionarios son empregados/ás públicos/as:

– Certificado expedido polo/pola responsable de persoal do organismo de que dependa o/a solicitante en que se indique a situación profesional deste/a con indicación das funcións que realiza e que estean relacionadas co obxecto do curso.

– Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

b) Para o resto dos peticionarios:

– Orixinal ou copia debidamente cotexada da titulación de doutorado, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

– Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

Toda a documentación remitida polos solicitantes que non sexa orixinal terá que estar debidamente compulsada.

Poderá pedirse a aclaración en todo momento dos méritos presentados. Os méritos que se inclúan na ficha curricular deberán estar convenientemente acreditados. A non presentación dos documentos acreditativos dos citados méritos dará lugar á exclusión do curso do solicitante previamente seleccionado.

9. Criterios de selección.

Os participantes serán seleccionados por unha comisión técnica independente, designada para o efecto, cuxa composición será publicada no portal web da EGAP. A comisión seleccionará os candidatos con discrecionalidade técnica e independencia con respecto aos órganos directivos da EGAP.

Os criterios selectivos para a admisión neste curso serán os seguintes:

a) Se os solicitantes son empregados/as públicos/as:

Daráselles prioridade a aqueles casos en que exista unha relación directa entre as tarefas que realiza o traballador no desempeño do seu posto de traballo e as materias obxecto deste curso, o que se acreditará mediante as certificacións e a documentación curricular correspondentes. Ademais, valoraranse os seguintes méritos vinculados coa materia obxecto da convocatoria: cursos de ambiente (impartidos ou realizados), experiencia profesional relacionada co ambiente (independentemente, se é o caso, da derivada do seu actual posto de traballo), publicacións na materia, etc.

En todo caso esta convocatoria rexerase subsidiariamente polos criterios de participación nas actividades docentes da EGAP (DOG n.º 7, do 10 de xaneiro de 2008).

b) Se os solicitantes son profesionais non empregados públicos:

Daráselles prioridade a aqueles solicitantes que acrediten documentalmente que a súa actividade profesional ten relación directa co ambiente e que, ademais, poidan demostrar, por medio do seu currículo, unha constatada experiencia neste campo. Valoraranse os seguintes méritos vinculados coa materia expresada: doutoramento; cursos de ambiente; asistencia técnica a concellos e docencia na materia.

A comisión poderá establecer cotas para garantir o carácter interdisciplinario e interadministrativo nos grupos de traballo que se establezan, de acordo coas solicitudes recibidas. Así mesmo, resolverá as alegacións e reclamacións que se puidesen suscitar.

10. Publicación da lista de seleccionados e prazo de presentación de alegacións.

A lista de seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es). O prazo para a presentación de alegacións será de tres días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6 b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Lista de espera.

A comisión fixará unha lista de espera por orde de preferencia no proceso selectivo para cubrir as posibles vacantes daquelas persoas seleccionadas que causen baixa antes do inicio do curso ou no transcurso das primeiras vinte e catro horas lectivas deste. As persoas que non figuren na devandita lista de espera, ou ben se encontran nun posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das causas establecidas nas bases da convocatoria.

12. Certificado de aproveitamento.

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento, os alumnos deberán superar un exame tipo test de 100 preguntas con 4 posibles respostas, das que deberán escoller unha; valoraranse negativamente as erróneas e exixirase un mínimo do 60% do total de preguntas acertadas para a superación do test. Os alumnos deberán aprobar o exame para obter o certificado de aproveitamento.

Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, pero baixo ningún concepto poderá superar o 15% das horas lectivas. Toda ausencia deberá sempre ser motivada e xustificada ante a EGAP.

Non se expedirán certificados de asistencia sen ter superado o curso.

13. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela, entre o 3 de outubro e o 20 de decembro de 2011.

Terá unha duración de 100 horas, das cales 80 serán teóricas e 20 prácticas. As 80 horas teóricas distribuiranse a razón de oito horas por semana, os luns e martes de 16.30 h a 20.30 horas, que sexan laborables, desde o luns día 3 de outubro ata o martes día 20 de decembro de 2011, coa excepción do 31 de outubro e 1 de novembro, e o 5 e 6 de decembro. As 20 horas lectivas relativas ás prácticas faranse durante ese período e terán lugar en datas por proposta do director e de acordo cos alumnos.

Durante a realización deste curso levarase a cabo un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para o efecto. Os alumnos terán que acreditar mediante a súa sinatura a súa asistencia a cada unha das sesións académicas e ao obradoiro.

14. Modificacións e incidencias.

A EGAP resérvase a facultade de modificar o programa e resolver as cuestións que puidesen xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a de cancelalo (se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización).

Correspóndelle á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o desenvolvemento deste.

A realización deste curso queda condicionada á formalización de matrículas, así como ao pagamento de polo menos o seu primeiro prazo, por un importe que a dirección da EGAP considere suficiente para o financiamento do curso. No caso de que, por insuficiencia de matrículas, non sexa posible a realización do curso, a EGAP procederá á devolución das cantidades aboadas.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2011.

Pablo Figueroa Dorrego
Director da Escola Galega de Administración Pública