Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Mércores, 31 de agosto de 2011 Páx. 26033

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 9 de agosto de 2011 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas para estadías correspondentes a investigadores contratados ao abeiro do Programa Ángeles Alvariño, en centros de investigación alleos ao Sistema Universitario de Galicia (SUG), financiables polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 23 de decembro de 2010, aprobou o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) (2011-2015).

O Plan I2C contempla dentro do eixo estratéxico 1 (xestión do talento) a liña de actuación 1.1 de apoio á carreira investigadora, co fin de garantir os instrumentos de apoio ao desenvolvemento da carreira investigadora para dispor das capacidades necesarias para lograr os obxectivos marcados no plan. Dentro desta liña o programa de apoio á etapa de posdoutoramento contempla ampliar a formación do persoal investigador mediante bolsas de estadías noutros centros de investigación.

Para os efectos de acadar este obxectivo, nesta orde establécense as bases para a concesión das bolsas para estadías fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, preferentemente no estranxeiro, para investigadores contratados ao abeiro do Programa Ángeles Alvariño en centros de investigación alleos ao Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das bolsas para estadías de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia, preferentemente no estranxeiro, dirixidas a investigadores contratados ao abeiro do Programa Ángeles Alvariño en centros de investigación alleos ao Sistema Universitario de Galicia (SUG).

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, conforme os principios de publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación, as bolsas para estadías de investigación noutros centros situados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, preferentemente no estranxeiro, financiables polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, que se rexerán polas seguintes bases xerais, así como por aquelas específicas que se inclúen como anexo I.

3. As devanditas axudas teñen o código de procedemento que se indica no seguinte cadro:

Modalidade de axuda

Anexo

Código

Bolsas para estadías de investigación fóra de Galicia

I

IN809A

Artigo 2. Requisitos dos solicitantes e duración das estadías.

1. As bolsas de estadías poderán ser solicitadas polo persoal investigador que dispoña de contrato vixente Ángeles Alvariño, nun centro de investigación de Galicia, agás as universidades do SUG, sempre que aínda non completasen 24 meses de estadías noutros centros alleos.

2. Para poder ser beneficiario das axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que figura no anexo II.

Os beneficiarios das axudas convocadas nesta orde non poderán estar incursos nas causas de prohibición para obter a condición de beneficiarios previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e deberán cumprir as obrigas do artigo 11 desta lei, así como os requisitos que se establezan no anexo I.

3. No enderezo http://economiaeindustria.xunta.es estará á disposición dos interesados o correspondente formulario de solicitude EST-2011/00 que se publica como anexo II á esta orde.

Así mesmo, no indicado enderezo electrónico estarán á disposición dos interesados os restantes modelos oficiais que será necesario que cubran.

4. Os formularios, debidamente cubertos e asinados polos interesados, deberán enviarse acompañados, ademais da documentación adicional que para o programa de bolsas para estadías se indica no anexo I, das seguintes declaracións:

a) Declaración responsable do solicitante, de todas as solicitudes efectuadas e concedidas de axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados autonómicos, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

b) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da bolsa recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Declaración opcional do interesado do compromiso de utilizar a lingua galega en todas as relacións que, como consecuencia deste procedemento manteña coa administración autonómica, de acordo co establecido no artigo 6.3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes, dirixidas ao director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, presentaranse no rexistro xeral da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 4. Información aos/ás interesados/as.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN809A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, presencialmente ou a través dos seguintes medios:

a) Na sección de axudas e na oficina virtual da páxina web oficial da consellería: http://economiaeindustria.xunta.es

b) No seguinte teléfono da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación: 981 54 39 88.

c) No enderezo electrónico: cei.inforhs@xunta.es

Artigo 5. Financiamento e concorrencia.

1. Para a concesión das axudas convocadas nesta orde, destinaranse os créditos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia que a seguir se indican:

Anexo

Tipo de axuda

Crédito

Aplicación
orzamentaria

Anualidade 2011

Total €

I

Bolsas para estadías fóra de Galicia

08.02.561A.480.1

79.000

79.000

No caso de que as axudas se financien co Fondo Social Europeo (FSE), as bolsas terán un cofinanciamento do 80% destes fondos e integraranse no marco do Programa operativo FSE 2007-2013, eixo 3, tema prioritario 74.

As cantidades antes citadas, poderanse incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos.

2. O concepto, contías e forma de pagamento das bolsas para estadías establécense no anexo I.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De acordo co establecido no artigo 49.Un.g) da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, os solicitantes destas axudas quedan exentos de presentar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou ser debedor/a por resolución de procedencia de reintegro.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

4. De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

5. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para estes efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptando tanto as medidas de seguridade técnicas como administrativas.

A finalidade da recolla dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e presentando identificación suficiente.

6. As solicitudes que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 7. Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da/s axuda/s establecida/s nesta convocatoria e corresponde ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 8. Instrución dos procedementos e tramitación.

1. Os servizos da dita dirección xeral comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou no anexo da convocatoria, requirirase mediante anuncio na páxina web da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi/) para que:

a) Os interesados e interesadas poidan emendar os erros e falta de documentos indicados, perante a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, e presentar, de ser o caso, a documentación requirida no prazo de 10 días.

b) Transcorrido este prazo sen que se corrixan as causas de exclusión, procederase consonte o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderase requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión de selección, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria ou que esta non cumpra os requisitos establecidos, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Avaliación e selección das solicitudes.

1. A selección dos candidatos e candidatas levarase a cabo en réxime de concorrencia competitiva. Os criterios e mecanismos de avaliación e selección especifícanse no anexo I.

2. A selección das solicitudes admitidas corresponde a unha comisión de selección nomeada para tal efecto, que será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes avaliadas positivamente de acordo cos criterios obxectivos fixados no anexo I, así como de propoñer a concesión ou denegación da axuda aos interesados. A comisión de selección poderá contar co asesoramento de órganos avaliadores ou expertos externos.

3. A comisión de selección estará composta polos seguintes membros:

a) Presidente/a: o/a subdirector/a xeral de Xestión do PXIDIT ou persoa en quen delegue.

b) Secretario/a: un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de I+D+i, que actuará con voz e sen voto.

c) Vogais: 3 vogais, designados polo director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

4. A comisión levantará acta das súas deliberacións e elevará a súa proposta de resolución ao conselleiro de Economía e Industria a través do director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

5. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a bolsa e indicarase o importe da axuda para cada un deles.

6. A proposta de concesión formulada pola comisión publicarase na internet, na sección de axudas do enderezo http://economiaeindustria.xunta.es. A dita publicación só terá efectos informativos.

Artigo 10. Resolución e notificación.

1. A comisión de selección formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro de Economía e Industria, quen ten a competencia para resolver estas axudas, sen prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da Consellería de Economía e Industria. Esta resolución publicarase no DOG.

2. Á vista da proposta formulada pola comisión de selección a través do director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se non son tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados nas súas solicitudes, poderase prescindir do trámite de audiencia, e o conselleiro de Economía e Industria ditará a correspondente resolución definitiva de concesión, que será motivada, de acordo cos criterios de valoración establecidos no anexo I.

3. A dita resolución expresará, cando menos:

a) A relación das persoas físicas beneficiarias.

b) O importe global da axuda para cada persoa física beneficiaria.

c) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

d) Os restantes datos establecidos no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

4. En ningún caso o importe da axuda ou subvención poderá superar o custo da actividade que vaia desenvolver o beneficiario.

5. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 6 meses, contado desde a apertura do prazo anual de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no DOG, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

6. Todas as solicitudes serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6 b) da devandita lei, a notificación individual de concesión da axuda substituirase pola publicación no DOG, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada.

Artigo 11. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñerse os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao de publicación da resolución no DOG. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido, de concorreren as circunstancias previstas para tales efectos nestas bases reguladoras, de conformidade co previsto no artigo 14.1 m) da Lei de subvencións de Galicia.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria, logo da instrución do correspondente expediente, que deberá reunir os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o novo Regulamento autonómico que desenvolve a lei de subvencións de Galicia, para que poida operar a modificación.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento de desenvolvemento, así como daquelas que se establecen no anexo I desta convocatoria, os beneficiarios das bolsas concedidas ao abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da axuda percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Facilitar toda información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

c) Comunicar á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación calquera axuda pública ou privada, o seu importe e duración, concedida para a mesma finalidade, no momento en que teñan coñecemento da súa concesión.

d) Incluír no momento da xustificación da finalización da estadía e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das administracións públicas, das súas entidades vinculadas ou dependentes ou das entidades privadas, de ser o caso.

e) Cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión do 1 de setembro de 2009. Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 que pode consultarse na páxina web (http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe).

Artigo 14. Reintegro.

Os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e aos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Comprobación das axudas concedidas.

O órgano concedente poderá comprobar a axeitada xustificación da axuda, así como a realización da actividade e cumprimento da finalidade que determine a concesión e o aproveitamento da axuda.

Artigo 16. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; no Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006, modificado polo Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE, e a o Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao FSE e polo o que se derroga o Regulamento (CE) 1784/1999, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

Disposición adicional.

As bases que rexen a concesión das axudas e todos cantos actos administrativos deriven da súa aplicación poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación para levar a cabo as actuacións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2011.

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria

Anexo I
Bolsas para estadías de investigación no estranxeiro e en centros españois
situados fóra da comunidade autónoma de Galicia, para investigadores
do Programa Ángeles Alvariño, contratados en centros alleos ao SUG

Artigo 1. Finalidade.

Estas axudas teñen como finalidade favorecer a actualización de coñecementos, a adquisición de novas técnicas de investigación, así como completar a formación dos investigadores de Galicia, mediante a súa incorporación temporal a centros de investigación de fóra de Galicia, preferentemente no estranxeiro, establecendo, ademais, relacións de interese entre ambas as partes.

Artigo 2. Requisitos dos solicitantes e duración máxima da estadía.

As bolsas poderán ser solicitadas por investigadores con contrato en vigor en centros de investigación de Galicia alleos ao SUG, ao abeiro das axudas do Programa Ángeles Alvariño, que aínda non completasen 24 meses de estadías de posdoutoramento e que non acadasen o grao de doutor/a nunha universidade estranxeira.

Cada persoa só poderá solicitar unha estadía de 1 a 12 meses de duración, e como máximo polo período que lle falta para completar 24 meses de estadías de posdoutoramento.

Artigo 3. Período de desfrute e condicións de aproveitamento.

a) As estadías para as cales se solicite unha axuda ao abeiro desta convocatoria deberán iniciarse en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro do ano 2011 e finalizarse en data igual ou anterior ao 20 de decembro do ano 2011, agás as estadías concedidas cunha duración de 12 meses, que poderán rematarse o 31 de decembro de 2011.

b) Non se poderá realizar suspensión ningunha das estadías.

Artigo 4. Contía das axudas.

O importe da axuda comprenderá:

1. Unha axuda institucional para gastos de desprazamento e seguro combinado de accidentes, durante o período de aproveitamento cunha asignación de 400 euros para estadías en España, Portugal e Andorra, 600 euros para estadías no resto de Europa e de 1.000 euros para estadías no resto do mundo.

2. Unha asignación mensual bruta de:

– Un máximo de 1.200 euros, se a incorporación se produce en España, Portugal ou Andorra.

– Un máximo de 1.500 euros, se a incorporación se produce no resto de países de Europa, África ou Iberoamérica.

– Un máximo de 1.900 euros, se a incorporación se produce en Estados Unidos, Canadá, ou países de Asia e Oceanía.

En ningún caso serán exixibles á Consellería de Economía e Industria outras obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.

Os gastos subvencionables axustaranse aos previstos na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, e a Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

Artigo 5. Formalización das solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial EST-2011/00, cuxa primeira folla se publica como anexo II a esta orde, presentaranse no prazo e forma establecidos nos artigos 2 e 3 das bases xerais da convocatoria, acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou do documento equivalente no caso de nacionais doutros países (só no caso de que o interesado non outorgue consentimento expreso para que a administración verifique os seus datos a partir do número do documento de identificación).

b) Carta de invitación (orixinal ou copia cotexada) do centro onde se vai desenvolver o traballo, debidamente asinada polo responsable do dito centro, na cal deberá constar o seguinte contido:

– Datas concretas de realización da estadía, desde (dd/mm/aaaa) ata (dd/mm/aaaa).

– Deberá acreditarse a autenticidade da carta de invitación con papel oficial e selo do centro de realización da estadía.

Por responsable do centro entenderase o director do centro, director de departamento ou director do grupo de investigación en que se integrará o solicitante destas axudas. En calquera caso, a sinatura deberá acompañarse da identificación da persoa que asina a carta de invitación, así como do cargo que ocupa.

c) Informe de conformidade e certificación de vinculación do/a solicitante (orixinal ou copia cotexada), segundo o modelo normalizado que se publicará na páxina web desta consellería (http://economiaeindustria.xunta.es) emitido polo director do centro de investigación o que estea vinculado o solicitante.

d) Plan de traballo en calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma, no cal se faga constar:

– Calendario.

– Programa das actividades que se van realizar.

O plan de traballo deberá estar asinado polo interesado e ter unha extensión de entre 2 e 4 páxinas.

e) Declaración responsable das estadías de posdoutoramento realizadas, para o que se utilizará o modelo indicado (anexo VII, que se publicará na páxina web desta consellería, http://economiaeindustria.xunta.es).

Artigo 6. Tramitación.

A instrución do procedemento de concesión destas axudas corresponde á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, e os servizos da dita dirección xeral procederán segundo o establecido no artigo 8 (Instrución do procedemento e tramitación) das bases xerais desta convocatoria.

A revisión dos expedientes desta orde de convocatoria poderá ser realizada pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, de acordo co establecido na encomenda de xestión para o ano 2011, do 31 de decembro de 2010, realizada pola Consellería de Economía e Industria á dita entidade, que asumirá, en tal caso, a condición de entidade colaboradora, coas obrigas que sinala o artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Avaliación e selección das solicitudes.

A avaliación das solicitudes será feita pola comisión de selección indicada no artigo 9 das bases xerais desta convocatoria. A comisión deberá valorar o plan de traballo e o seu interese. A valoración do plan de traballo corresponderase coa calificación de apto ou non apto. No segundo caso, a comisión realizará a proposta de denegación da axuda ao candidato.

No caso de que o importe das axudas solicitadas que acaden a valoración de apto no plan de traballo supere o crédito dispoñible, a comisión de selección rateará o crédito dispoñible reducindo proporcionalmente a duración das estadías e respectando a duración mínima de 1 mes.

Artigo 8. Resolución e notificación.

A comisión de selección elevará a proposta de resolución ao conselleiro de Economía e Industria para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, segundo o indicado no artigo 10 das bases xerais desta orde.

Artigo 9. Xustificación da bolsa.

1. Os beneficiarios das bolsas están obrigados a:

a) Comunicar a data de incorporación ao centro de destino mediante informe de incorporación -orixinal-, segundo modelo normalizado que estará á disposición dos interesados na sección de axudas do enderezo http://economiaeindustria.xunta.es.

Este informe deberá conter as seguintes características:

– Data exacta de inicio (dd/mm/aaaa).

– Deberá acreditarse a orixe do informe coa utilización de papel oficial e selo do centro.

O dito certificado, debidamente asinado polo responsable do centro de destino, será remitido á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, no prazo máximo de 15 días desde a data de incorporación ou xunto coa aceptación da bolsa.

b) Unha vez incorporados ao centro de destino, deberán atoparse, en todo momento, en condicións de xustificar o seu labor asiduo no devandito centro.

c) Presentar no prazo máximo de 20 días naturais desde a finalización da estadía, a seguinte documentación sobre o traballo realizado, que deberá incluír:

c.1) Memoria do traballo realizado asinada polo beneficiario da axuda e cunha extensión entre 2 e 4 páxinas.

c.2) Unha copia dos traballos eventualmente publicados.

c.3) Informe (orixinal ou copia cotexada) debidamente asinado polo director do centro de destino sobre o traballo realizado, con indicación expresa do tempo de permanencia no centro, indicando datas de inicio e finalización (dd/mm/aaaa).

A orixe do informe deberá acreditarse coa utilización de papel oficial e selo do centro.

c.4) Declaración responsable en que conste que non dispón doutras axudas públicas nin privadas para o mesmo fin.

2. Os cambios de centro de destino nas estadías solicitadas serán só admisibles antes da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, e por circunstancias excepcionais que así o aconsellen, tras o informe favorable, en todo caso, dos dous centros afectados, e autorización expresa da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

3. En calquera momento a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación poderá reclamar:

– Informe do centro receptor sobre o labor realizado polo beneficiario da axuda.

– Xustificantes acreditativos da realización da viaxe (carta de embarque, billete de tren, pasaporte, etc.).

Artigo 10. Aceptación da bolsa e pagamento.

1. A aceptación da bolsa farase no prazo de 10 días contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, mediante documento asinado polo bolseiro, no cal se compromete a cumprir todas as condicións recollidas nestas bases e convocatoria. No caso de que a citada aceptación non se produza no prazo sinalado, entenderase que o bolseiro acepta a axuda.

Así mesmo, e acompañando o documento de aceptación da axuda, entregarase unha declaración responsable, na cal conste que non dispón doutra bolsa para o mesmo fin.

2. As bolsas aboaranse mensualmente, e a última mensualidade quedará pendente ata a xustificación final da estadía mediante a presentación dos documentos requiridos no artigo 10, punto 1, alínea c) deste anexo, acompañada da declaración complementaria de axudas públicas e privadas indicada na alínea d) do artigo 13 (obrigas dos beneficiarios) das bases xerais desta orde. Poderase realizar o pagamento total da estadía nunha soa vez, se o bolseiro acredita a realización total desta ou un pagamento parcial acumulado que se corresponda coa parte proporcional da estadía realizada.

3. De non determinarse outra data na resolución final de adxudicación, a axuda institucional aboarase xunto co primeiro pagamento.

Artigo 11. Publicación dos resultados obtidos.

Os resultados obtidos con ocasión do aproveitamento da bolsa serán propiedade dos seus autores, que, no caso de facelos públicos, deberán facer constar a axuda recibida da Xunta de Galicia e, de ser o caso, o seu cofinanciamento con fondos do FSE, e terán que enviarlle á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación un exemplar da publicación en que se recolla.

Artigo 12. Incidencias.

As renuncias que se produzan, poderán ser obxecto de substitución pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación de acordo coa lista de reserva, se a houber.

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación resolverá todas as dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

missing image file
missing image file