Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Venres, 26 de agosto de 2011 Páx. 25751

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

ORDE do 12 de agosto de 2011 de medidas obrigatorias en Galicia para a prevención e loita contra a peste do organismo nocivo Tuta absoluta (Meyrick).

A couza do tomate, denominada cientificamente, Tuta absoluta (Meyrick) é un pequeno insecto lepidóptero da familia Gelichiidae, orixinaria da América do Sur, onde está ampliamente estendida, e onde é unha das principais pestes do tomate.

Detectouse por primeira vez en Europa na provincia de Castellón en 2007, e en pouco tempo foise estendendo por España e outras zonas do continente europeo. En Galicia apareceu no verán de 2009 e en apenas un ano estendeuse pola comunidade autónoma, o que dá idea do seu potencial de dispersión.

Esta peste causa danos ao tomate, á berenxena, e potencialmente tamén á pataca, ben que non parece afectar o pemento. Os danos máis importantes prodúcense nos froitos, nos cales causan galerías que o deprecian, ademais de propiciar a entrada de organismos patóxenos que causan pudrición. Tamén poden producir importantes danos foliares nos gomos da planta cando as poboacións de insectos son elevadas.

Debido aos requirimentos climáticos do insecto, os invernadoiros son estruturas que favorecen a proliferación da couza, ben que poden sobrevivir ao aire libre, onde poden utilizar como reservatorios algunhas malas herbas, principalmente da familia das solanáceas.

En Galicia, a nivel profesional, o cultivo do tomate ten unha importancia cada vez menor, aínda que hai unha significativa produción de planta para cultivo doméstico nas zonas rurais. No caso da berenxena, o cultivo é de escasa importancia. Non obstante, hai que ter en conta a posibilidade de que a peste poida afectar tamén a pataca.

Polo indicado, é conveniente adoptar medidas oficiais para evitar a proliferación do citado organismo nocivo.

A Directiva 2000/29/CE, trasposta ao ordeamento xurídico español mediante o Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro, polo que se adoptan medidas de protección contra a introdución e difusión no territorio nacional e da Comunidade Europea de organismos nocivos para os vexetais ou produtos vexetais, así como para a exportación e tránsito cara a países terceiros, establece a posibilidade de adopción de medidas de corentena para evitar a proliferación e dispersión de organismos nocivos non presentes nos anexos I e II, como é o caso da Tuta absoluta (Meyrick). Así mesmo, a Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, no artigo 14.2 faculta as autoridades competentes para adoptaren medidas cautelares para evitar a propagación das ditas pragas. Esta lei tamén establece as posibles sancións en caso de infraccións, así como outras medidas cautelares.

Por último, dado que se trata dun organismo novo para España e o resto da Unión Europea, non incluído nos anexos da Directiva 2000/29/CE, é de aplicación o artigo 16.2 do Real decreto 58/2005, do 21 de xaneiro, polo que se adoptan medidas de protección contra a introdución e difusión no territorio nacional e da Comunidade Europea de organismos nocivos para os vexetais ou produtos vexetais, así como para a exportación e tránsito cara a países terceiros. De conformidade con esta disposición, o Comité Fitosanitario Nacional, órgano establecido no Real decreto 1190/1998, do 12 de xuño, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación ou control de organismos nocivos dos vexetais aínda non establecidos no territorio nacional, na reunión que tivo lugar o 25 de xaneiro de 2008 establecéronse a nivel nacional as medidas provisionais de control, que foron aprobadas neste, e que se incorporan nesta orde.

En consecuencia, de acordo co dispuesto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso de las competencias que me confiere o Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, de transferencias de competencias da Administración do Estado á Xunta de Galicia, entre outras de sanidade vexetal, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta orde é o establecemento de medidas obrigatorias para a prevención e loita contra a couza do tomate, Tuta absoluta (Meyrick), no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2. Especies vexetais sensibles.

As especies sensibles son o tomate (Lycopersicon esculentum Mill.), a berenxena (Solanum melongena L.) e a pataca (Solanum tuberosum L.); non obstante, as medidas obrigatorias establecidas nesta orde soamente serán de aplicación en tomate e berenxena.

Artigo 3. Ámbito de aplicación.

As empresas provedoras de material vexetal de plantación, as empresas comercializadoras e as persoas que sexan titulares de explotacións de carácter profesional relacionados coas especies indicadas no artigo anterior.

Artigo 4. Actuacións de prospección.

A Consellería do Medio Rural realizará as prospeccións anuais nas épocas adecuadas, coa finalidade de determinar a presenza da peste e a súa incidencia.

Os propietarios ou responsables mencionados no artigo 3 facilitarán o libre acceso ás intalacións aos inspectores acreditados dos organismos oficiais, e entregaranlle a información e documentos que lles sexan requeridos en relación coa peste e o cultivo. Facilitarán, así mesmo, a toma de mostras.

Artigo 5. Censo de produtores.

A Consellería do Medio Rural realizará anualmente un censo de parcelas de produción de tomate e berenxena co fin de realizar un mellor seguimento da peste, así como un adecuado control do cumprimento das medidas oficiais que se establecen nesta orde. En consecuencia, antes do primeiro de xuño de cada ano, os produtores profesionais de plantas de tomate ou berenxena cuxa produción vaian comercializar a terceiros, deberán presentar unha declaración anual de cultivos, de acordo co modelo do anexo I desta orde.

Para facilitar a consignación dos datos catastrais das parcelas, poderán consultar o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC) na páxina web da Consellería do Medio Rural no seguinte enderezo da internet http://emediorural.xunta.es/visorsixpac/

Artigo 6. Medidas obrigatorias de prevención e loita.

Os produtores de material vexetal, os cultivadores, os almacéns e empresas comercializadoras de plantas ou froitos das especies sensibles comunicarán á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural as incidencias significativas en relación coa peste.

Coa finalidade de evitar a proliferación da peste, as persoas e entidades indicadas no artigo 3 deberán adoptar as medidas obrigatorias consideradas no anexo II.

Artigo 7. Inspeccións, infraccións e sancións.

Os incumprimentos do disposto nesta orde serán tipificados e sancionados de acordo co establecido nos capítulos I, II e III do título IV da Lei 43/2002, de sanidade vexetal.

Disposición transitoria única.

Non obstante o disposto no artigo 5, a declaración anual de cultivos no ano 2011, deberá presentarse antes do 1 de setembro.

Disposición derradeira primeira.

A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria poderá ditar os actos e resolucións necesarias para a aplicación da presente orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta disposición entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

missing image file

ANEXO II
Medidas obrigatorias de prevención e loita contra o organismo nocivo Tuta absoluta (Meyrick)

II.1. Medidas obrigatorias para produtores e provedores de material vexetal.

Os produtores e provedores de materiais vexetais de especies sensibles deberán:

a) Dispoñer de instalacións adecuadas con completa protección física para evitar a entrada do insecto adulto de Tuta absoluta. En caso de existir malla de ventilación, ésta deberá ser como mínimo de 9×6 fíos/cm2.

b) Efectuar controis periódicos para detectar a posible aparición de galerías da peste, e destruír aquelas plantas con síntomas, ademais de efectuar os tratamentos fitosanitarios precisos cos produtos recomendados oficialmente.

c) Colocar trampas de captura con feromonas sexuais (unha por invernadoiro) e anotar semanalmente as capturas, en caso de existiren estas.

d) Documentaranse os rexistros de controis de capturas, así como as medidas de prevención e loita realizadas. No caso de tratamentos, serán anotados no caderno de explotación correspondente.

e) As partidas comercializadas a profesionais deberán expedirse co correspondente pasaporte fitosanitario, deixando debidamente anotado o adquirente e o seu domicilio para efectos da elaboración do censo de produtores mencionado no artigo 5 desta orde.

II.2. Medidas obrigatorias a produtores de cultivos sensibles.

Os produtores profesionais de tomate e berenxena deberán:

a) Adquirir a planta en provedores autorizados e co correspondente pasaporte fitosanitario.

b) Facilitar os datos da súa explotación aos provedores da planta, ou cooperativas e outras entidades agrarias con que se relaciona comercialmente para efectos da elaboración do censo de produtores establecido no artigo 5.

c) Vixiar regularmente as plantacións para detectar e evitar a dispersión da peste, e comunicar aos servizos oficiais as incidencias significativas respecto dela, por exemplo, dificultade de control, intensidade de ataque elevado, presenza de larvas en planta de viveiro, etc.

d) Colocar como mínimo unha trampa tipo delta ou similar con feromona sexual de Tuta absoluta para control da evolución das poboacións presentes, e anotar as capturas semanalmente; estes datos serán facilitados aos técnicos das súas entidades ou aos da Administración que llo requiran.

e) Manter os invernadoiros convenientemente pechados e sen roturas no plástico para evitar a entrada e saída de insectos; é recomendable a utilización de malla de 9×6 fíos/cm2 (ou de 6×6 fíos/cm2 en caso de instalacións con difícil ventilación). En todo caso, en invernadoiros que sobrepasen 30 capturas semanais será obrigatorio o cerramento con ese último tipo de malla.

f) Eliminar as plantas, folíolos, gomos e froitos atacados.

g) Eliminar da parcela e do contorno as malas herbas que poden ser reservatorio da peste, en particular a herba moura (Solanum nigrum) e os fariñentos (Chenopodium sp.).

h) Aplicar os tratamentos recomendados pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, en función da intensidade do ataque. Con preferencia usaránse os produtos e medios de loita biolóxica; na utilización de produtos químicos faranse as rotacións adecuadas para prever a aparición de resistencias. Os tratamentos serán anotados no caderno de explotación de acordo coa Orde APA/326/2007, do 9 de febreiro, pola que se establecen as obrigas dos titulares de explotacións agrícolas e forestais en materia de rexistro da información sobre o uso de produtos fitosanitarios.

i) Ao remate do ciclo, deberán eliminar inmediatamente todas as plantas, xa sexa mediante enterrado ou queima autorizada. En caso de ter poboacións elevadas, deberá aplicarse un tratamento insecticida erradicante antes da arrinca.

j) Antes de facer unha nova plantación con especies sensibles deberá realizarse unha labra da terra que permita a destrución das crisálidas existentes.

k) En ningún caso se poderán abandonar os cultivos nin deixar vexetación e froitos atacados tirados no contorno da explotación.

II.3. Medidas obrigatorias en almacéns e empresas comercializadoras de froitos das especies sensibles.

As empresas en que se almacene, manipule e envase tomate ou berenxena deberán:

a) Vixiar a entrada de froitos con presenza da peste, para o que deben contar cun programa de formación do persoal para que coñeza os signos dela.

b) Meter os froitos atacados nun contedor estanco, o cal deberá ser xestionado de forma que se garanta a total destrución das couzas.

c) No caso de que se reutilicen, as caixas en que houbo froitos atacados deberán ser lavadas con auga a presión.

d) Facilitar aos inspectores de sanidade vexetal os datos dos provedores para efectos da elaboración de censo de produtores mencionado no artigo 5.

e) Comunicar a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria as incidencias significativas en relación coa peste, en particular a entrada de partidas de froitos moi afectados por ela.