Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Martes, 23 de agosto de 2011 Páx. 25413

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 5 de agosto de 2011 de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Taboadela.

O Concello de Taboadela remite o expediente de referencia en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Taboadela dispón, actualmente vixente, de Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado definitivamente o 28 de xullo de 2008.

I.2. En data 18.1.2010, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI declarou a non necesidade de someter a avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual (decisión publicada no DOG do 17 de febreiro).

I.3. O 6 de abril de 2010, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial da modificación puntual.

I.4. O Concello Pleno, en sesión do 24.6.2010, aprobou inicialmente a modificación puntual n.º 1 do PXOM de Taboadela. Foi publicada nos diarios La Voz de Galicia e La Región do 15 de xullo e no DOG do 20 de xullo. Non se presentaron alegacións.

I.5. Constan informes favorables do 17.8.2010, da Subdirección Xeral de Recursos Forestais da Consellería do Medio Rural; do 20.8.2010, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, do Ministerio de Fomento; do 22.12.2010, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño; e do 12.7.2011 da Subdirección Xeral de Infraestruturas e Normativa Técnica do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, sobre telecomunicacións.

I.6. O Pleno municipal, en sesión ordinaria que tivo lugar o 31 de marzo de 2011, aprobou provisionalmente a modificación puntual.

I.7. Sobre a presente modificación puntual emitiu informe favorable, para os efectos do establecido no artigo 95.2 da LOUG, a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia na súa sesión do 29 de xuño de 2011.

II. Análise da modificación puntual e consideracións.

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello de Taboadela, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, formúlanse as seguintes consideracións:

II.1. O ámbito de actuación é unha parcela de 25.697 m2 situada á beira da estrada N-525, cerca do núcleo rural das Quintas. O solo obxecto da modificación está clasificado polo PXOM como solo rústico de protección ordinaria.

II.2. O obxectivo concreto da modificación puntual é o cambio de clasificación dos terreos de solo rústico de protección ordinaria a solo urbanizable delimitado industrial con ordenación detallada.

II.3. O ámbito de actuación pertence a unha única parcela, ocupada parcialmente por unha nave industrial, sendo a topografía da parcela practicamente chaira como resultado dunha explanación artificial, xustificándose na modificación puntual a perda dos valores propios do solo rústico.

II.4. Canto á ordenación detallada do ámbito, emendáronse os seguintes aspectos:

– A forma e localización dos espazos libres proxectados.

– Excluíronse os terreos clasificados como solo rústico de protección especial.

– A accesibilidade da parcela de equipamentos desde as vías públicas.

– O largo mínimo de 16 m da vía estruturante.

Tamén se acredita o cumprimento do límite de sustentabilidade do artigo 46 da LOUG.

II.5. Ao abeiro do disposto no artigo 95.2 da LOUG, sobre o cambio de clasificación de solo rústico a urbanizable emitiu informe favorable a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia na súa sesión do 29 de xuño de 2011.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede, e de acordo co punto 7 a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual n.º 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Taboadela, para delimitación dun solo urbanizable industrial.

2. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas.

4. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas