Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Martes, 23 de agosto de 2011 Páx. 25416

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 5 de agosto de 2011 sobre aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias do Concello de Caldas de Reis, no lugar de Godos, para recualificación de solo rústico de protección agropecuaria a solo rústico de protección ordinaria.

O Concello de Caldas de Reis remite expediente relativo á modificación puntual citada, para os efectos do disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Caldas de Reis dispón de normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 5 de maio de 1995.

2. A Dirección Xeral de Urbanismo emitiu informe previo desestimatorio á aprobación inicial en data 26 de abril de 2007.

3. No expediente constan informes municipais favorables á aprobación inicial do asesor xurídico de data 12.11.2009 e do aparellador de data 24.11.2009.

4. Esta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu novo informe de data 10.3.2010, previo á aprobación inicial, de conformidade co artigo 85.1 da Lei 9/2002.

5. O concello solicitou á Consellería do Medio Rural, mediante oficio de data 23.4.2010, a exclusión dos terreos comprendidos na M.P. do proceso de concentración parcelaria.

6. O 31.5.2010 o Concello de Caldas de Reis achega informe do arquitecto Santiago Domínguez Baltar, xustificativo da perda de valores que se deben protexer.

7. O Pleno da Concello, en data 24.9.2010, aproba inicialmente a M.P. de referencia e acórdase someter a información pública o expediente de acordo ao artigo 85.2 da Lei 9/2002, e publícase no DOG o 27 de outubro.

8. Dos informes sectoriais solicitados, constan do xefe do Servizo de Infraestruturas Agrarias de 18.10.2010; e de Augas de Galicia, de data 29.12.2010.

9. Presentáronse 14 alegacións que foron desestimadas polos informes do asesor xurídico de data 4.1.2011 e do técnico municipal de 24.1.2011.

10. Consta no expediente a Decisión do 27.4.2011, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica a M.P.

11. O Concello Pleno do 29.4.2011 aprobou provisionalmente a M.P. de referencia.

12. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural resolveu, en data 2 de agosto de 2011, excluír do proceso de concentración parcelaria da zona de Godos, entre outras, as parcelas que se corresponden co ámbito da presente modificación puntual.

II. Análise e consideracións.

Unha vez analizada a documentación do expediente e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. Os informes da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural e a resolución da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural acreditan a inexistencia de valores agropecuarios concorrentes no ámbito e a exclusión do proceso de concentración parcelaria.

2. En consecuencia, e en relación coas determinacións ao respecto establecidas no artigo 32.2 a) da LOUG, non procede a súa suxeición ao réxime de especial protección do solo rústico en que concorren valores agropecuarios.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede, e de acordo co punto 7 a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das N.S.M. do Concello de Caldas de Reis, no lugar de Godos, para recualificación de solo rústico de protección agropuecuaria a solo rústico de protección ordinaria.

2. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas.

4. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas