Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Martes, 23 de agosto de 2011 Páx. 25428

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 1 de agosto de 2011 pola que se amplía a autorización para a implantación das modalidades de bacharelato en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración da ensinanza en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do seu artigo 81, o desenvolven, e das facultades que lle atribúe ao Estado o artigo 149.1.30.º da Constitución.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no capítulo IV do seu título I, determina a organización do bacharelato en diferentes modalidades e o Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, determina os aspectos básicos do currículo do bacharelato que deberán formar parte do aprobado polas administracións educativas no seu ámbito territorial.

A Orde do 29 de maio de 2008, modificada polas ordes do 6 de xullo de 2009 e do 11 de xuño de 2010, autoriza a implantación das modalidades de bacharelato en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Analizadas as necesidades educativas xurdidas e a oferta de modalidades en funcionamento, resulta aconsellable ampliar esta oferta, coa finalidade de mellorar a atención ao alumnado de bacharelato.

En consecuencia, tendo en conta o informe da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e de conformidade coa proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo único.

Autorizar a implantación da modalidade de bacharelato de artes, vía de artes escénicas, música e danza no IES Miguel Ángel González Estévez de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Código 36018380.

Disposición derradeira primeira.

Autorízanse a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para tomar as medidas precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria