Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Martes, 23 de agosto de 2011 Páx. 25425

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 29 de xullo de 2011 de modificación da autorización do centro autorizado de ensinanzas deportivas Santa Apolonia, concello de Santiago de Compostela.

A representante legal do centro autorizado de ensinanzas deportivas Santa Apolonia, do concello de Santiago de Compostela, solicita a modificación da autorización para a supresión das ensinanzas de técnico deportivo e técnico deportivo superior en fútbol-sala, e a autorización das ensinanzas de técnico deportivo nas disciplinas hípicas de salto, doma e concurso completo, e técnico deportivo superior en hípica, en quenda de tarde-noite.

O Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial; e o Real decreto 933/2010, do 23 de xullo, polo que se establece o título de técnico deportivo nas disciplinas hípicas de salto, doma e concurso completo (corrección de erros BOE do 8 de outubro); e o Real decreto 934/2010, do 23 de xullo, polo que se establece o título de técnico deportivo superior en hípica, fixan as súas ensinanzas mínimas e os requisitos de acceso.

Así mesmo, o Decreto 410/2003, do 6 de novembro, regula os requisitos e o procedemento para a autorización a centros privados e a centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvido pola Orde do 12 de abril de 2004, e pola Orde do 23 de abril de 2004 pola que se establecen os requisitos mínimos dos espazos administrativos e docentes xenéricos con que deben contar os centros privados e públicos.

Logo de realizar os trámites que establece a normativa vixente, a Xefatura Territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña achega o expediente cos correspondentes informes favorables para a autorización das ditas ensinanzas.

Por isto, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Primeiro.

1. Suprimir as ensinanzas de técnico deportivo e técnico deportivo superior en fútbol-sala; e autorizar, en quenda de tarde-noite, as ensinanzas de técnico deportivo nas disciplinas hípicas de salto, doma e concurso completo; e técnico deportivo superior en hípica no centro que se sinala a continuación:

Denominación xenérica: centro autorizado de ensinanzas deportivas.

Denominación específica: Santa Apolonia.

Código do centro: 15032558.

Enderezo: Poza Real, n.º 5, A Rocha.

Localidade: Santiago de Compostela.

Concello: Santiago de Compostela.

Provincia: A Coruña.

Titular: María del Rosario Medina Gómez.

2. Composición resultante.

Quenda de tarde-noite:

Técnico deportivo nas disciplinas hípicas de salto, doma e concurso completo.

Técnico deportivo superior en hípica.

Segundo. Antes da posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan a Xefatura Territorial desta consellería na Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta a docencia.

Terceiro. O centro queda obrigado ao cumprimento da lexislación vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria