Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Martes, 23 de agosto de 2011 Páx. 25405

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 13 de agosto de 2011 pola que se modifica a Resolución do 2 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares para o ano 2011.

O 8 de marzo de 2011 foi publicada no Diario Oficial de Galicia número 46, a Resolución do 2 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares para o ano 2011.

A política orzamentaria, que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, exixe nestes momentos efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados aos diferentes centros de gasto que conforman os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, ante os posibles incumprimentos, por parte do Estado, dos compromisos de achegas de anticipo do fondo de cooperación previsto para o ano 2011 no sistema de financiamento e nos ingresos da comunidade.

A Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, establece que as actuacións dos axentes incluídos no ámbito de aplicación desta lei garantirán a sustentabilidade financeira das súas finanzas ao longo do ciclo económico.

Por iso, e de acordo co principio de austeridade que preside a actuación da Administración pública, cómpre efectuar unha minoración no crédito inicial asignado a esta convocatoria de axudas, coa finalidade de manter o rigor e estabilidade das contas.

En virtude do exposto e de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase o artigo 4 da Resolución do 2 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares para o ano 2011, quedando a súa redacción como segue:

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de corenta e oito mil douscentos vinte e seis euros con trinta e nove céntimos (48.226,39 €) correspondentes á aplicación orzamentaria 04.50.312C.480.0. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Artigo 2

De acordo co disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, faise público o esgotamento do crédito e, polo tanto, acórdase a inadmisión das solicitudes presentadas con data posterior á entrada en vigor desta resolución.

Disposición derradeira.

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o secretario xeral da Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2011.

J. Santiago Camba Bouzas
Secretario xeral da Emigración