Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Martes, 23 de agosto de 2011 Páx. 25400

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 2 de agosto de 2011 pola que se clasifica de interese deportivo a Fundación Deportiva Cultural Pepe Noya.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Deportiva Cultural Pepe Noya con domicilio na rúa Ponte do Sar, número 38, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. José Noya Fernández, presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Deportiva Cultural Pepe Noya foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o 5 de xaneiro de 2011, ante o notario Marcelino Estévez Fernández, co número de protocolo 17, José Noya Fernández, Jesús Rey Castro e Jesús Sánchez García que actúan no seu propio nome e dereito.

Esta escritura foi complementada por outra outorgada en Santiago de Compostela, o 19 de xullo de 2011, ante o mesmo notario, co número de protocolo 1012.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto a promoción da cultura galega e o deporte en xeral entre persoas veteranas e da terceira idade.

4. O padroado inicial da fundación está formado por José Noya Fernández como presidente, Jesús Rey Castro como secretario, e Jesús Sánchez García como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Deportiva Cultural Pepe Noya, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 1 de agosto de 2011,

DISPOÑO:

Clasificar de interese deportivo a Fundación Deportiva Cultural Pepe Noya, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza