Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 11 de agosto de 2011 Páx. 23012

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de xullo de 2011 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Escultor Pedro Dobao.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Escultor Pedro Dobao con domicilio no Camiño da Pomba, número 31, en Vigo (Pontevedra).

Feitos.

1. Pedro Dobao Rodríguez, presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Escultor Pedro Dobao foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o 27 de abril de 2011, ante o notario Gerardo García-Boente Sánchez, co número de protocolo 663, Pedro Dobao Rodríguez, que actúa no seu propio nome e dereito. Esta escritura foi complementada por outra outorgada en Vigo o 28 de xuño de 2011 ante o mesmo notario, co número de protocolo 947.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto o fomento, desenvolvemento e apoio á cultura en todas as súas formas e expresións, que sexan de interese para Galicia.

4. O padroado inicial da fundación está formado por Pedro Dobao Rodríguez como presidente; Francisca Fernández Rodríguez como vicepresidenta; Francisco Pablos Holgado como secretario; Francisco Javier Dobao Fernández como administrador; e Carlos Fernández Iglesias, José Luis Vázquez López, Bernardo Miguel Vázquez y Gil e Pedro Pablo Dobao Fernández como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Escultor Pedro Dobao, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Turismo.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de xullo de 2011,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Escultor Pedro Dobao, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura e Turismo.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza