Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Martes, 9 de agosto de 2011 Páx. 22801

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 27 de xullo de 2011 pola que se convocan as actividades que forman parte do Plan de formación permanente para o persoal das escolas infantís 0-3 de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23.º, asígnalle á comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais, inclúe, no seu artigo 3 e), como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais, proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, e no artigo 3 i) garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, establece no seu artigo 15 b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á primeira infancia, procurando que dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, modificado polo Decreto 9/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, no seu artigo 12, atribúelle á Secretaría Xeral de Familia e Benestar, entre as súas funcións, a xestión das políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia, segundo o disposto nas dúas leis anteriores.

Neste marco competencial, a Consellería de Traballo e Benestar xestiona a rede de escolas infantís 0-3 da Xunta de Galicia, así como a ordenación do ciclo de educación infantil 0-3 de Galicia.

Tal e como se viña facendo en anos anteriores, convócase o Plan de formación 2011 para o persoal das escolas infantís 0-3 de Galicia, orientado á actualización e adaptación da formación das e dos profesionais aos requirimentos de carácter socioeducativo que deben considerar os centros de educación infantil no presente e no futuro inmediato. A incidencia directa da formación na calidade do servizo que prestan as escolas infantís 0-3 lévanos a apostar pola formación continua do activo máis importante que as integra: as persoas que conforman os equipos de traballo.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta orde é convocar as actividades formativas que integran o Plan de formación permanente para o persoal das escolas infantís 0-3, correspondente ao ano 2011, tanto da modalidade de cursos de actualización científica e didáctica como de formación en centros.

Artigo 2. Modalidades de formación.

As modalidades de formación que ofrece este plan son as seguintes:

1. Cursos de actualización científica e didáctica.

Nesta modalidade inclúense todas as actividades formativas recollidas no anexo I desta orde.

As datas de cada curso, así como o lugar e as datas de realización publicaranse coa antelación suficiente na páxina web: www.escolasinfantis.net

2. Formación en centros.

Esta modalidade formativa está dirixida aos equipos educativos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que dexexen iniciar unha dinámica de traballo conxunto ou afondar nalgún aspecto considerado nuclear para o deseño e desenvolvemento da planificación didáctica ou para sensibilizalos cunha forma de traballo.

Para participar nesta modalidade de formación en centros será preciso presentar unha solicitude debidamente cuberta e asinada pola persoa ou persoas que vaian coordinar o traballo, de acordo co modelo establecido no anexo III desta orde, dirixida á Comisión Técnica de Valoración da Formación en Centros integrada por dous membros do Equipo de Atención Educativa do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e por un técnico/a da área de familia da Secretaría Xeral de Familia e Benestar para o ciclo de educación infantil 0-3.

Xunto coa solicitude presentarase unha proposta en que se concrete o plan de traballo, as actividades que se desenvolverán e a planificación destas (espazos, tempos, recursos ), así como os criterios e documentos de avaliación de todo o proceso. Esta acción formativa poderá ser ofertada a outras escolas infantís próximas ou formulada conxuntamente con outros centros próximos coa finalidade de afondar nunha temática común, o que permitirá o intercambio e enriquecemento de experiencias entre os/as profesionais.

Artigo 3. Requisitos dos/as participantes e preferencia no acceso aos cursos.

Poderán solicitar a súa participación nos cursos de actualización científica e didáctica convocados os/as profesionais que, reunindo os requisitos establecidos para cada un dos cursos relacionados no anexo I, presten os seus servizos nas escolas que forman parte da Rede de Escolas Infantís de Galicia da Consellería de Traballo e Benestar e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e estean en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de fillo/a ou de familiar. Poderán solicitar, así mesmo, a súa participación aquelas persoas que no momento da convocatoria estean gozando dos permisos por parto ou por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple.

Toda persoa solicitante que no momento do inicio do curso correspondente estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da relación de admitidos/as.

Artigo 4. Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

1. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos no anexo I para cada un dos cursos, desexen participar en calquera das actividades formativas, presentarán a súa solicitude de acordo co modelo establecido no anexo II, que poderán descargar na sección de formación da páxina web da Rede Galega de Escolas Infantís (www.escolasinfantis.net).

Xunto co anuncio das actividades formativas no portal educativo concretarase o lugar e datas de realización de cada unha delas.

2. Con carácter xeral, o prazo de inscrición para cada unha das actividades permanecerá aberto durante cinco (5) días hábiles contados desde o anuncio da actividade correspondente na páxina web, anuncio que se publicará cunha antelación mínima de quince (15) días hábiles á data de realización da actividade de que se trate.

Non obstante e co fin de desenvolver todas as actividades formativas previstas no Plan de formación 2011, os prazos establecidos en cada procedemento de admisión poderán variar dunha actividade a outra, establecéndose un mínimo dunha semana.

A inscrición poderá realizarse por calquera das seguintes vías:

Fax: 981 56 87 13.

Vía telemática: www.escolasinfantis.net

Artigo 5. Criterios de selección para os cursos.

1. Os criterios de selección aplicables no acceso ás actividades formativas serán os seguintes:

a) Pertenza á categoría profesional a que se dirixe a convocatoria do curso.

b) Non ter realizado o mesmo curso en edicións anteriores.

As persoas que participaron nalgún dos cursos de convocatorias anteriores do plan de formación, no caso de que presentaren solicitude de participación para a mesma actividade formativa convocada neste plan, quedarán automaticamente excluídas de tal actividade.

c) Orde de presentación das solicitudes por calquera das vías establecidas no artigo 4 desta norma.

d) En cada curso reservarase unha praza para solicitantes que presenten o certificado de recoñecemento do grao de discapacidade. En todo caso, o número de cursos sobre os que estes/as solicitantes exercen o seu dereito preferente será de dous.

2. Cando o número de solicitantes sexa superior ao número de prazas ofertadas elaborarase unha lista de agarda. De quedaren prazas vacantes para calquera dos cursos, procederase ao chamamento telefónico das persoas que figuren na dita lista.

Para a elaboración das listas tanto de admitidos/as como de agarda teranse en conta os seguintes criterios:

Todas as persoas solicitantes terán preferencia para participar nunha (1) acción formativa, establecéndose a prioridade de acordo coa orde de presentación da solicitude.

Unha vez consumida a opción preferente aplicarase o criterio do número de cursos realizados deste plan de formación. Neste sentido, a orde da listaxe establecerase dando prioridade a aquelas persoas que teñan menos cursos realizados. No caso de que dúas persoas teñan o mesmo número de cursos realizados, a listaxe establecerase en relación coa orde de presentación das solicitudes.

3. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos/as aspirantes dará lugar á súa exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso do plan de formación deste ano.

4. As persoas solicitantes ou designadas para participar nunha actividade formativa deberán estar de alta laboral no momento do inicio do curso. A situación de baixa laboral por incapacidade temporal implicará a exclusión destas persoas da relación de admitidos e de non comunicar a dita circunstancia, aínda tendo cumprido cos requisitos de asistencia á actividade, non se procederá a súa certificación.

Artigo 6. Cursos de convocatoria directa.

O órgano convocante poderá designar directamente como destinatarios/as dalgún dos cursos que integran este plan de formación determinados/as profesionais que carezan da formación considerada prioritaria para o desenvolvemento do seu traballo diario.

Ao igual que os/as solicitantes seleccionados/as, as persoas designadas directamente para algún dos cursos, consumirán a súa opción preferente.

Artigo 7. Publicación das listas de admitidos/as.

As listas de admitidos/as para cada curso serán publicadas na páxina web www.escolasinfantis.net o venres da semana anterior á realización do curso.

As persoas seleccionadas recibirán unha notificación automática da súa admisión.

Artigo 8. Requisitos de asistencia ás actividades formativas.

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos. Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, que se acreditará documentalmente ante a persoa responsable do curso nun prazo máximo de 10 días despois de que este finalice e que, en ningún caso, poderá superar o 15% das horas do curso. A ausencia aínda xustificada superior ao 15% do total das horas do curso suporá a perda do dereito á obtención do diploma.

A falta de asistencia dun número de horas superior ao 15% das horas do curso sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada determinará non só a perda do dereito ao certificado, senón que poderá ser causa de exclusión das convocatorias dos restantes cursos do Plan de formación correspondente ao ano 2011.

2. Durante a realización das actividades formativas levarase un control permanente de asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencia as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe nos cursos terá que anotar a hora de chegada ou saída, no caso de facelo durante a duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

Artigo 9. Avaliación e certificados.

A avaliación dos coñecementos adquiridos polo alumnado realizarase segundo os criterios establecidos no deseño de cada unha das actividades recollidos na páxina web: www.escolasinfantis.net.

O certificado acreditativo do curso expedirase unicamente a aquelas persoas que o superen cunha avaliación positiva.

Artigo 10. Anulación da reserva.

Cando unha persoa seleccionada non poida asistir ao curso para o que está admitida, deberá comunicar a súa renuncia por calquera das vías sinaladas no artigo 4 desta norma, cunha antelación mínima de tres (3) días hábiles á data de inicio do curso de que se trate.

De non facelo así, agás causa xustificada, non poderá ser admitida en ningunha das actividades formativas integradas neste plan de formación.

A cobertura das prazas vacantes por baixas realizarase segundo a orde da lista de agarda.

Artigo 11. Suspensión ou modificación das actividades formativas.

No suposto de que o número de solicitantes dunha actividade formativa sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a Administración resérvase o dereito a suspender, modificar as datas ou agrupar varias edicións da mesma actividade. Neste suposto a comunicación ás/aos interesadas/os farase a través da páxina web www.escolasinfantis.net

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I
Actividades formativas

Curso

Edicións

Horas

Prazas

Destinatarios/as

Primeiros auxilios pediátricos e situacións de emerxencia na escola infantil 0-3

6

25

30

Persoal educativo e de servizos xerais das escolas infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Manipulación de alimentos, nutrición e alteracións alimenticias nas nenas e nenos de 0 a 3 anos

4

25

30

Persoal educativo e de servizos das escolas infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

A educación psicomotriz na escola infantil

2

25

30

Persoal educativo das escolas infantís 0-3

A masaxe infantil: aprendizaxe das técnicas e planificación e estratexias para a súa proxección na comunidade educativa

2

25

30

Persoal educativo das escolas infantís 0-3

Contos, cantos e xogos na escola infantil

2

25

30

Persoal educativo das escolas infantís 0-3

Aproveitamento de recursos: estratexias e destrezas para a construción de material didáctico para o primeiro ciclo de educación infantil

2

25

30

Persoal educativo das escolas infantís 0-3

A linguaxe corporal cos nenos e coas nenas: novos ámbitos de comunicación

2

25

30

Persoal educativo das escolas infantís 0-3

O xogo na escola infantil 0-3: o cesto dos tesouros, o xogo heurístico, o xogo simbólico

2

25

30

Persoal educativo das escolas infantís 0-3

A dirección: planificación, avaliación e xestión da escola infantil

2

25

30

Direccións das escolas infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

A dirección: liderado, habilidades sociais, mediación e resolución de conflitos

2

25

30

Direccións das escolas infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Habilidades sociais e estratexias para un bo traballo en equipo na escola infantil 0-3

1

25

30

Persoal educativo e persoal de servizos xerais das escolas infantís 0-3

Deseño e construción de ambientes na escola infantil 0-3

2

25

30

Persoal educativo das escolas infantís 0-3

A planificación e programación por proxectos na escola infantil 0-3

2

25

30

Persoal educativo das escolas infantís 0-3

Aproveitamento educativo das tecnoloxías da información e da comunicación na escola infantil I

4

50

30

Persoal de servizos xerais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Aproveitamento educativo das tecnoloxías da información e da comunicación na escola infantil II

1

25

30

Persoal educativo e persoal de servizos das escolas infantís 0-3

Atención á diversidade: nenos e nenas con NEAE e en situación de risco social

2

25

30

Persoal educativo das escolas infantís 0-3

Atención á diversidade: comunicacións coas familias (entrevistas, titorías, circulares, no cotiá, nas festas ou celebracións, na participación, coordinación e colaboración)

2

25

30

Persoal educativo das escolas infantís 0-3

missing image file
missing image file