Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Mércores, 3 de agosto de 2011 Páx. 22026

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 28 de xullo de 2011 pola que se declaran e clasifican as zonas de reinstalación de moluscos bivalvos nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Regulamento (CE) 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal, establece na letra C do capítulo II, da sección VII do anexo III, os requisitos para a reinstalación de moluscos bivalvos vivos, e no punto 1 da letra A do capítulo II da sección VII do anexo III indica que só se poderán recoller moluscos bivalvos vivos en zonas de produción con localización e límites fixos, clasificados pola autoridade competente como pertencentes á clase A, B ou C consonte o Regulamento (CE) 854/2004, do Parlamento e do Consello, do 29 de abril, polo que se establecen as normas específicas para a organización de controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano.

O Regulamento (CE) 854/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril, polo que se establecen normas específicas para a organización dos controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao consumo humano, establece na letra A do capítulo II do anexo II as condicións para a clasificación das zonas de produción e reinstalación de moluscos bivalvos vivos.

Porén, a localización e os límites das zonas de produción e de reinstalación clasificadas correspóndenlle á Consellería do Mar.

As zonas de produción de moluscos bivalvos e outros intervertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia foron declaradas e clasificadas mediante a Orde do 8 de setembro de 2006, que foi modificada pola Orde do 19 de xullo de 2010 como consecuencia dunha profunda revisión dos resultados das análises e dos controis efectuados nas diferentes zonas de produción e, recentemente, polas ordes do 14 de marzo e do 6 de xullo de 2011. Os ditos controis, para garantir a idoneidade dos produtos extraídos delas, son realizados pola Consellería do Mar a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar).

Os moluscos bivalvos vivos recolectados nas zonas de produción clasificadas como B só poderán pórse no mercado para o consumo humano se foron sometidos a tratamento nun centro de depuración ou despois da súa reinstalación. Para o caso dos moluscos bivalvos vivos procedentes das zonas de produción clasificadas como C, só se poderán pór no mercado para o consumo humano despois da súa reinstalación durante un período prolongado de tempo. Despois da depuración ou reinstalación, os moluscos bivalvos vivos das zonas de produción das clases B ou C deberán cumprir todos os requisitos do capítulo V da sección VII do anexo III do Regulamento (CE) 853/2004. Non obstante, os moluscos bivalvos vivos procedentes das zonas B ou C que non foran sometidos a un proceso de depuración nin de reinstalación poderán ser enviados a un establecemento de transformación en que se deberá efectuar un tratamento para eliminar os microorganismos patóxenos.

Co fin de que os produtos procedentes das zonas de produción clasificadas como C teñan unha maior saída ao mercado, para lles dar cumprimento ás ditas normas e baseándose nos resultados das análises periódicas realizadas nos plans de mostraxe, considérase necesario declarar as zonas de reinstalación de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por tanto, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños e da Dirección do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) da Consellería do Mar,

DISPOÑO:

Artigo 1.

De acordo co establecido no Regulamento (CE) 854/2004, do 29 de abril, polo que se establecen normas específicas para a organización de controis oficiais para os produtos de orixe animal destinados ao consumo humano, establécese para as augas da Comunidade Autónoma de Galicia a relación e clasificación das zonas de reinstalación para moluscos bivalvos que aparecen recollidas no anexo I e que se corresponden co mapa da zona de reinstalación do anexo II.

Artigo 2.

Os requisitos para a reinstalación dos moluscos bivalvos vivos deberán cumprir o descrito na letra C do capítulo II da sección VII do anexo III do Regulamento (CE) 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal.

Artigo 3.

Co fin de garantir a idoneidade dos produtos reinstalados nas diferentes zonas, a Consellería do Mar, a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), realizará o control de todas as zonas de reinstalación, e na Lei 3/2004, do 7 de xuño, de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, ou normativa que a modifique ou substitúa.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2011.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

ANEXO I

Clave

Área de reinstalación

Límites da zona

Coordenadas

UTM (ED-50)

Clase

Comentario

GAL 01

R-GAL 01/01

Enseada do Portiño de Morás

Enseada do Portiño de Morás (Xove) delimitado pola liña imaxinaria que une os extremos dos espigóns do porto

(624232, 4841715)

(624175, 4841333)

A

Provisional

ANEXO II

missing image file