Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 1 de xullo de 2011 Páx. 17823

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2011, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se adoptan medidas cautelares para a protección do trazado histórico do tramo do Camiño Inglés entre A Sionlla e o núcleo de Meixonfrío, no concello de Santiago de Compostela.

Con motivo do expediente de urbanización do solo urbanizable non programado número 38 (SUNP-38) de Formarís, na parroquia de San Cristovo da Enfesta, no concello de Santiago de Compostela, cuestiónase a autenticidade deste tramo do trazado do Camiño Inglés recoñecido no expediente que se someteu a información pública por Acordo da Secretaría Xeral da Consellería de Cultura e Comunicación Social con data do 10 de decembro de 1997 (DOG n.º 3 do 7 de xaneiro de 1998; corrección de erros DOG n.º 16, do 26 de xaneiro de 1998, DOG n.º 26, do 9 de febreiro de 1998, e no DOG n.º 92, do 15 de maio), que o sinala en paralelo coa estrada N-550.

Á vista dos escritos e informes que motivan a dúbida sobre a correspondencia dese trazado coa ruta histórica de peregrinación a Santiago, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural inicia actuacións para identificar o trazado que reúna máis grao de certeza en canto á autenticidade do Camiño Xacobeo. Para eses efectos realizarase visita de inspección á área afectada por parte de técnicos facultativos, que detectan evidencias físicas sobre o territorio, como a existencia de vestixios dunha fonte medieval relacionada coa peregrinación a Santiago e a microtoponimia do lugar, que confirmarían a documentación presentada, e solicítase un informe técnico complementario sobre o percorrido desta ruta de peregrinación dentro dese ámbito. Como consecuencia desa investigación constátase un trazado diferente ao que ata agora se recoñecía como tal e que era obxecto da protección de que tal ben é merecedor. O asunto é sometido posteriormente á consideración do Comité Asesor do Camiño de Santiago, que na súa reunión do 26 de maio de 2010 acorda emitir informe de xeito favorable sobre o novo trazado proposto por entender que hai base científica suficiente. Á vista do que antecede, conclúese que a ruta histórica cara a Santiago nese ámbito se corresponde co camiño que vai desde Agualada, e tras desviarse ao norte da N-550 atravesa o río Sionlla polo norte do castro de Formarís, atravesa os núcleos das Pereiras, o Barral e Garabal, atravesa o polígono industrial do Tambre, percorre o norte do cemiterio municipal de Boisaca e entra na cidade polo núcleo de Meixonfrío e O Cruceiro da Coruña.

Por todo o cal, considerando que a elaboración documental e a posterior tramitación que conclúa coa delimitación do novo trazo histórico do Camiño Inglés no tramo antes referido requirirá pola súa complexidade e procedemento legalmente previsto un período de tempo abondo para que poidan xurdir accións que poñan en perigo de destrución ou deterioración este novo trazo, tendo en conta tamén que a Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago, establece que o Camiño de Santiago é un ben merecedor da máis alta protección prevista na nosa lexislación para un ben do patrimonio cultural de Galicia, con independencia de que a súa delimitación estea pendente da incoación do oportuno expediente, e a regulación que sobre as medidas preventivas conteñen a Lei 30/1992, do 26 de novembro, e singularmente, os artigos 4 e 32 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, en virtude das competencias que me atribúe o Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo,

RESOLVO:

1. Establecer como medida preventiva para a protección do trazado arriba descrito do Camiño Inglés entre Santiago (Meixonfrío) e A Sionlla a necesidade de autorización, con carácter previo á resolución municipal, de todas aquelas segregacións, parcelacións ou alteracións da estrutura parcelaria, obras ou construcións, incluídos os derrubamentos, sometidas a licenza municipal (salvo obras menores que só afecten o interior da edificación), nos mesmos termos e condicións que ata a data se aplicaba para o trazado referido no expediente incoado no ano 1997 e por alusión no Plan Xeral de Ordenación Municipal, así como levantar as medidas preventivas que ata a data se aplicaban a ela, por entender que queda suficientemente acreditada a identificación do camiño histórico segundo o trazado que se recolle no anexo.

2. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia para o seu xeral coñecemento.

Esta medida preventiva manterase en vigor ata o momento de aprobación inicial do expediente de delimitación do trazado, en que se resolverá o que se considere oportuno sobre a protección preventiva do ben ata a aprobación definitiva do expediente de delimitación do Camiño Inglés.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2011.

José Manuel Rey Pichel
Director xeral de Patrimonio Cultural

missing image file