Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Martes, 21 de xuño de 2011 Páx. 15880

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 10 de maio de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a incentivar o turismo de aventura, actividades de lecer e tempo libre, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

O turismo xera aproximadamente un 12% do produto interior bruto galego e un 13% dos recursos humanos activos traballan no sector. Ademais, o efecto multiplicador do turismo a través do arrastre doutras moitas actividades é vital, non só pola situación de recesión económica que o país atravesa senón tamén, e sobre todo, polo enorme potencial de crecemento que Galicia aínda ten para aumentar o número de turistas, mellorar os ingresos medios por día e visitante, e incrementar o número de pernoitas por cada turista.

O Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 ten entre os seus obxectivos prioritarios incrementar o peso do turismo no PIB, mellorar o salario medio do sector, aumentar a estadía media e o gasto medio diario dos turistas que nos visitan.

Está recoñecido que o turismo debe ser desenvolvido e xestionado dun modo controlado, integrado e sustentable, baseado nunha planificación. Deben establecerse as estratexias para o desenvolvemento do sector dun modo integrado de equilibrio económico, ambiental, sociocultural e de desenvolvemento sustentable.

O obxectivo último é o desenvolvemento dun modelo turístico que afonde na competitividade das empresas como clave da optimización do crecemento da oferta e recursos turísticos con criterios de sustentabilidade.

Competitividade e sustentabilidade son, sen dúbida, as palabras chave; e conforme estes fundamentos da xestión do turismo estase a desenvolver a aposta na innovación, na produtividade, na calidade e nas novas ferramentas de xestión para a mellora dos resultados económicos das empresas do sector, para lograr cada vez un maior número de visitantes, unha maior estadía media dos turistas e un maior gasto por día.

O turismo revélase como factor fundamental de reequilibrio territorial entre o mundo urbano e o rural, tendo o noso rural galego as condicións idóneas e os atractivos suficientes para satisfacer o novo turista, que busca experiencias, praceres simples, natureza, saúde, respecto ambiental; busca renovación, vacacións intensas e non pasivas, sensacións e vivencias.

Dentro deste marco de implementación de novas accións no sector turístico procede continuar arbitrando liñas de axuda para incentivar as actuacións dos axentes que actúan neste sector en Galicia co fin de consolidar unha oferta turística de calidade diferenciada cunha ampla diversidade que procure, no respecto ao ambiente, unha opción estable para o desenvolvemento económico galego.

As actuacións desta convocatoria financiaranse coa participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e, por tanto, a súa tramitación quedará condicionada ao cumprimento da normativa da Unión Europea nesta materia.

Así, para os efectos de mellorar a oferta de servizos aos visitantes de Galicia e así, deste xeito, axudar á mellora global da oferta turística de Galicia é polo que, con cargo aos créditos orzamentarios da Consellería de Cultura e Turismo asignados para esta finalidade, e consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 54 da Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 55 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, convócanse axudas destinadas a incentivar o turismo de aventura, actividades de lecer e tempo libre nas empresas que oferten estas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas axudas sométense ao réxime xeral de axudas establecido no Decreto 432/2009, do 11 de decembro, polo que se regulan as axudas rexionais ao investimento e ao emprego na Comunidade Autónoma de Galicia (publicado no DOUE o 16 de febreiro de 2010, co número de axuda X 28/2010), en aplicación do Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado; e, por todo isto, no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Cultura e Turismo para apoiar accións encamiñadas a incentivar o turismo de aventura, actividades de lecer e tempo libre.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas subvencións para o ano 2011.

Artigo 2. Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

2. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Secretaría Xeral para o Turismo, a través dos teléfonos 981 54 63 60, 981 54 74 06, 881 99 75 94 e no número de fax 981 54 66 47.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos restantes medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Artigo 5. Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral para o Turismo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.culturaeturismo.xunta.es), na súa epígrafe de axudas.

b) Páxina web oficial da Secretaría Xeral para o Turismo (www.sxturismo.org).

c) Os teléfonos 981 54 63 60, 881 99 75 94 e 981 54 74 06 da devandita secretaría xeral.

d) Presencialmente.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a Secretaría Xeral de Turismo para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I
Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a incentivar a implantación e mellora das empresas de turismo de aventura, actividades de lecer e tempo libre

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto financiar os investimentos necesarios que permitan incentivar a implantación da oferta complementaria de turismo de aventura, actividades de lecer e tempo libre.

2. As axudas reguladas nesta orde establécense ao abeiro do Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 210, do 31 de xullo) para o período 2007-2013, de acordo co establecido na Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Feder e polo Fondo de Cohesión.

As axudas reguladas nestas bases axústanse ao obxecto establecido no eixe 5: Desenvolvemento sustentable local e urbano, tema prioritario 57: Axudas á mellora dos servizos turísticos, coordinación e promoción do turismo, actuacións de fomento do turismo rural.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías) (DOUE L 214, do 9 de agosto de 2008), sendo de aplicación o Decreto 432/2009, do 11 de decembro, polo que se regulan as axudas rexionais ao investimento e ao emprego na Comunidade Autónoma de Galicia en aplicación do Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE e no resto de normativa que resulte de aplicación.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable. En concreto, consideraranse investimento subvencionable as actuacións dos proxectos que se citan a seguir:

Liña A) Investimentos para a mellora das infraestruturas para actividades hípicas, náuticas, golf e oferta turística complementaria.

Liña B) Investimentos para a redacción de proxectos para a creación de campos de golf.

Liña C) Investimentos para a adquisición e/ou renovación de activos fixos (bicicletas, piraguas, embarcacións, material golf, sendeirismo, centros BTT, etc.).

Os centros BTT son instalacións de apoio á práctica do ciclismo de montaña nas cales os usuarios poderán atopar todo tipo de servizos e rutas para a práctica desta actividade deportiva en Galicia. Un centro BTT defínese como un produto turístico destinado a promover a bicicleta de montaña.

Liña D) Creación de novas ofertas e novos produtos así como a implementación de novas tecnoloxías para a xestión e comercialización do produto ofertado.

4. Considérase investimento subvencionable tanto a execución material das obras que se emprendan para a reforma ou mellora dos establecementos ou infraestruturas obxecto desta orde como, se é o caso, a adecuación do contorno e os honorarios técnicos.

5. Están comprendidos nos proxectos de obras e son, por tanto subvencionables, todos aqueles bens de equipamento que deben ser empregados nestas mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra. Non se considera subvencionable o equipamento que non cumpra as devanditas condicións.

6. Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación desta orde a adquisición de terreos.

7. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

8. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

9. Unicamente poderán recibir subvención aqueles proxectos que se executen unha vez confirmada pola Secretaría Xeral para o Turismo a súa elixibilidade. Os solicitantes recibirán comunicación escrita en que conste que o proxecto cumpre inicialmente as condicións de subvencionabilidade suxeita ao resultado final da súa verificación detallada, sempre que a solicitude se presente conforme o establecido nesta orde. Os proxectos que non cumpran estes requisitos non serán obxecto de axuda xa que as actuacións subvencionables teñen que ser realizadas e pagadas no período comprendido desde esta notificación ata a data límite de xustificación establecida no artigo 17.

O obxecto destas axudas non pode ter comezado antes da publicación desta orde, xa que se consideran axudas de efecto incentivador a teor do establecido no Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (DOUE do 9 de agosto de 2008, L 21473).

Artigo 2. Financiamento e concorrencia.

1. As ditas axudas, que se rexen polos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, imputaranse á aplicación orzamentaria 11.02.761A.770.0 cofinanciada nun 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, para as cales se destina un crédito máximo de 1.500.000 euros con carácter plurianual, correspondendo á anualidade de 2011 a cantidade de 750.000 euros e 750.000 euros á anualidade de 2012.

2. As axudas que se poden conceder aos proxectos que se recollen nesta orde como actuacións subvencionables poderán acadar as seguintes contías:

  • Os proxectos sinalados no punto 1.3 a) poderán acadar un máximo de axuda de ata o 40% do orzamento subvencionable. O importe subvencionado por este concepto será dun máximo de 150.000 €.
  • Os proxectos sinalados no punto 1.3 b) poderán acadar un máximo de axuda de ata o 40% do orzamento subvencionable. O importe subvencionado por este concepto será dun máximo de 60.000 €.
  • Os proxectos sinalados no punto 1.3 c) poderán acadar un máximo de axuda de ata o 30% do orzamento subvencionable. O importe subvencionado por este concepto será dun máximo de 20.000 €.
  • Os proxectos sinalados no punto 1.3 d) poderán acadar un máximo de axuda de ata o 40% do orzamento subvencionable. O importe subvencionado por este concepto será dun máximo de 60.000 €.

3. Estas axudas son compatibles con calquera outra para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo elixible da actividade subvencionada. Estas axudas son incompatibles con outras financiadas con fondos europeos.

4. A intensidade das axudas encádrase dentro do Decreto 432/2009, do 11 de decembro, polo que se regulan as axudas rexionais ao investimento e ao emprego na Comunidade Autónoma de Galicia en aplicación do Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE e no resto de normativa que resulte de aplicación e do artigo 13 do Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión Europea, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda, compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88, do Tratado CE.

Artigo 3. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias das subvencións as empresas (pemes) autónomas ou as constituídas baixo calquera tipo de sociedade mercantil, civil ou comunidade de bens, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e sexan titulares dos establecementos nos cales se poidan realizar os investimentos obxecto de subvención, segundo o establecido no artigo 1 destas bases.

Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE, da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124 do 20 de maio de 2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede dos 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede dos 43 millóns de euros.

De ser o caso, e segundo a natureza do investimento ou actividade proxectada, as empresas acreditarán a titularidade dos espazos onde se pretenda desenvolver a actuación ou ben, por calquera título válido en dereito, ter unha disposición sobre eles que permita realizar o investimento proxectado. O dito título de disposición terá que ser outorgado en escritura pública, e inscrito no Rexistro da Propiedade. En calquera caso, o beneficiario da subvención terá o pleno uso e desfrute dos espazos.

Será requisito imprescindible para a concesión destas axudas que a empresa solicitante inscriba ou teña inscrita no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT) a actividade turística para a cal se solicita a axuda ou ben que a partir da entrada en vigor o 23 de febreiro de 2010 da modificación operada no artigo 28.4 da Lei 14/2008, do 3 de decembro de turismo de Galicia, pola Lei 1/2010, do 11 de febreiro, presentase a declaración responsable de inicio da actividade e o compromiso a que se refire o sinalado artigo.

O titular que figura no REAT ou, se o caso, na declaración responsable, ten que coincidir co solicitante e posible beneficiario da subvención para esa actividade en concreto.

Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

Tampouco poderán obter a condición de beneficiario aqueles que estean suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da comisión que declarase a axuda ilegal e incompatible co mercado común.

As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1, número 7, do Regulamento (CE) n.º 800/2008, do 6 de agosto, da comisión en relación ás peme e conforme o disposto no número 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02) en relación ás grandes empresas.

Artigo 4. Solicitudes.

As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria. Xunto coas solicitudes deberá achegarse a documentación xenérica para todas as liñas de actuación e a específica segundo a liña de axuda solicitada:

Documentación xenérica para todas as liñas de actuación.

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Certificación ou nota simple do Rexistro da Propiedade que acredite que o solicitante da subvención é propietario do inmoble en que se pretenda realizar a actuación, no cal conste o seu carácter indivisible. No caso de existir propiedade pro indivisa, deberase presentar poder notarial dos copropietarios, outorgando representación ao solicitante, que deberá ser un deles, para actuar neste procedemento e asumir os compromisos derivados do establecido nesta orde.

No caso de que o solicitante non sexa o propietario acreditará a disposición do inmoble ou do predio para a realización do investimento obxecto da subvención, e o período mínimo de explotación establecido no artigo 15 b) destas bases mediante certificación ou nota simple do Rexistro da Propiedade.

Todo iso sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria da propiedade ou disposición dos inmobles e/ou dos predios.

c) Cando se trate de persoas xurídicas achegarase copia compulsada do CIF, do documento de constitución da sociedade e da documentación acreditativa de representatividade suficiente para actuar en nome da empresa. Se o solicitante é persoa física observarase o disposto no artigo 5 destas bases.

d) Memoria explicativa da actuación que se vai desenvolver.

e) Orzamento desagregado por conceptos do investimento que se vai realizar.

f) Anexo III: modelo de declaracións.

  • Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.
  • Declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  • Declaración de non estar suxeito/a a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da comisión que declarase a axuda ilegal e incompatible co mercado común.
  • Declaración de non ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1 número 7 do Regulamento (CE) n.º 800/2008, de 6 de agosto, da comisión, en relación coas peme e conforme o disposto no número 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02) en relación ás grandes empresas.

g) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta en que conste: código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente.

Documentación específica segundo a liña de actuación solicitada.

Liña A) e liña B) Investimentos para a mellora das infraestruturas para actividades hípicas, náuticas, golf e oferta turística complementaria e Investimentos para a redacción de proxectos para a creación de campos de golf.

  • Anexo IV: anexo técnico.
  • Proxecto básico, elaborado por técnico facultativo competente, que conterá:

1. Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

2. Orzamento do investimento en que se especificará o importe da execución material así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra e todo o equipamento proposto, segundo o anexo técnico da folla resumo xeral do orzamento que deberá estar na memoria. De ser o caso, o interesado presentará tres orzamentos de diferentes provedores, segundo dispón o artigo 1.8 destas bases reguladoras.

3. Planos de localización do investimento.

4. Planos do estado actual se correspondesen, e do proxecto.

5. Relación exhaustiva (indicando calidades) dos materiais e acabamentos propostos.

6. Relación detallada dos mobles e equipamentos (débense indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

7. Memoria explicativa de adecuación ao contorno das actuacións que, de ser o caso, corresponda, de recuperación de elementos de arquitectura, cultura e sociedade tradicional, así como equipamentos e servizos.

8. Reportaxe fotográfica do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

Teñen a consideración de edificación e, por tanto, requiren proxecto básico os seguintes:

I. Obras de ampliación, modificación, reforma ou rehabilitación que alteren a configuración arquitectónica dos edificios, considerándose tales as que teñan carácter de intervención total ou as parciais que produzan unha variación esencial do sistema estrutural, así como as que teñan por obxecto cambiar os usos turísticos do edificio.

II. Obras que teñan o carácter de intervención total en edificacións catalogadas ou que dispoñan dalgún tipo de protección de carácter ambiental ou histórico-artístico regulada a través de norma legal ou documento urbanístico, así como aquelas que afecten os elementos ou partes obxecto de protección e as que supoñan nova construción.

Considéranse comprendidas na edificación as súas instalacións fixas e o equipamento propio, así como os elementos de urbanización que estean adscritos ao edificio.

O dito proxecto deberá estar avaliado polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo, que emitirá o informe correspondente.

No caso de tratarse dunha mellora ou reforma e cando sexan actuacións de pouca entidade que non necesiten proxecto de execución, segundo a normativa vixente, deberase presentar memoria explicativa detallada en que se defina pormenorizadamente o proxecto que se vai executar, orzamento desagregado por conceptos do investimento proxectado e os correspondentes certificados de idoneidade técnica, asinada por persoal técnico competente. Así mesmo, achegarase calquera documentación que permita comprobar a normativa de obrigado cumprimento.

Licenza urbanística que posibilite a execución do investimento para o cal se solicita a subvención. No caso de carecer dela no momento de realizar a solicitude de subvención, ou cando se trate de obras para as cales non sexa preceptiva segundo a normativa correspondente, presentarase certificación de viabilidade urbanística emitida polo órgano competente do concello en que se indique que o proxecto para o cal se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio. Coa primeira solicitude de pagamento será obrigatoria a presentación da antedita licenza urbanística.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. Para os efectos do previsto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa os datos de carácter persoal que figuren no DNI do interesado e a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, e debe presentar entón o DNI e as certificacións a que fai referencia este punto.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20.3 da Lei 9/2007, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura en poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada.

En calquera caso, nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano instrutor poderá requirir o solicitante a presentación da documentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar salvo nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. A Consellería de Cultura e Turismo velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros. No entanto a Consellería de Cultura e Turismo revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo, edificios administrativos San Caetano, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que se poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta.

Artigo 6. Órganos competentes.

A Secretaría Xeral para o Turismo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo ao conselleiro de Cultura e Turismo ditar a resolución de concesión.

Artigo 7. Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6 b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Consellería de Cultura e Turismo, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG. Se a instrución do procedemento o aconsellar, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. O Servizo de Turismo da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo achegará un informe que deberá indicar se o proxecto é conforme coa normativa de ordenación turística vixente, a localización e interese turístico do proxecto, categoría do establecemento e a data de autorización turística.

Segundo a natureza do investimento e a liña de actuación solicitada, achegarase o seguinte:

  • Informe do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico- Turística sobre a calidade do inmoble, do seu estado e do proxecto.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O/a subdirector/a xeral de Xestión, Fomento e Cooperación, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as do Servizo de Turismo de cada un das xefaturas territoriais Consellería de Cultura e Turismo.

c) O/a xefe/a do Servizo de Cooperación Institucional, Promoción e Formación, da Secretaría Xeral para o Turismo, que exercerá as funcións de secretario/a.

d) O/a xefe/a do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

e) O/a xefe/a do Servizo de Inspección, da Secretaría Xeral para o Turismo.

f) O/a xefe/a da Área de Turismo Rural e Interior de Turgalicia.

g) O/a xefe/a da Área de Novos Produtos de Turgalicia.

3. Os/as suplentes serán designados/as pola Secretaría Xeral para o Turismo.

4. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles.

5. No caso de existiren solicitudes que non figuren na proposta anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas de concesión, ben por dispor de crédito por se ter producido algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 9. Criterios de valoración.

Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de valoración que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes tendo cada unha delas o peso que se especifica:

1) Que o establecemento solicitante acredite o seu compromiso coa calidade turística (ata 15 puntos)

  • Acreditando certificación da marca Q de calidade turística do ICTE (5 puntos).
  • Acreditando a súa adhesión vixente para o ano 2011 ao ICTE, no caso de establecementos aínda non certificados co Q de calidade turística (5 puntos).
  • Acreditando o distintivo en boas prácticas de compromiso de calidade turística concedido por un destino SICTED (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia (5 puntos).

2) Que o investimento comprenda actuacións que fomenten a accesibilidade para persoas e colectivos con discapacidade (ata 15 puntos).

3) Que o proxecto pretenda acadar un establecemento respectuoso co ambiente (ata 15 puntos):

  • Acreditando una certificación ambiental internacionalmente recoñecida (ISO, EMAS, etiqueta ecolóxica,...) (ata 8 puntos).
  • A través da implantación de tecnoloxías que permitan aforro e eficiencia das instalacións en campos como: residuos, enerxías, depuración de augas, contaminación acústica, etc. (Ata 7 puntos).

4) A localización do investimento. Ata 30 puntos atendendo a:

  • Situación en áreas rurais con tendencia á despoboación (ata 5 puntos).
  • Actuacións que se leven a cabo nas provincias de Lugo e Ourense (ata 5 puntos).
  • Zonas costeiras con elementos configuradores de produto turístico náutico/mariñeiro (ata 5 puntos).
  • Situación nun espazo cualificado con algunha figura de protección ambiental (ata 5 puntos).
  • Situación en municipio turístico oficialmente declarado (ata 5 puntos).
  • Situación nun municipio que disfruta ou disfrutou dun plan de dinamización, excelencia ou de produto turístico (ata 5 puntos).

5) Que o proxecto supoña a implantación de novas ofertas combinadas das instalacións e servizos de turismo con outras actividades complementarias que permita mellorar a oferta e contribuír a dinamizar turisticamente o contorno onde se asenta (ata 10 puntos).

6) Creación novos produtos (ata 15 puntos).

Artigo 10. Audiencia.

Efectuada a avaliación, a comisión fará un informe en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisoria debidamente motivada que deberá ser notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Resolución e notificación.

1. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa ao conselleiro de Cultura e Turismo.

2. O conselleiro, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os aspectos contidos no artigo 34.4 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

En calquera caso, o pagamento da subvención estará condicionado a que os órganos competentes da Unión Europea adopten a decisión de non formularen obxeccións a esta ou declaren a subvención compatible co mercado común e nos termos en que a dita declaración se realice, aspecto que se fará constar no acto administrativo de concesión, de conformidade co disposto no artigo 17.4 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6 b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura e Turismo. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír esta notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 12. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso Contencioso-Administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Cultura e Turismo, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10.

Artigo 14. Aceptación e renuncia.

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. Coa aceptación o beneficiario consente a publicación da resolución en que se lle conceda a axuda na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión.

3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións adquiren as obrigas, establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e as sinaladas nesta orde. Así, sen prexuízo dos demais compromisos que resulten da normativa aplicable quedan obrigadas ao seguinte:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Manter o investimento subvencionado e a súa actividade en Galicia durante un período mínimo de cinco (5) anos, contados desde a data que se produza a liquidación definitiva da subvención.

c) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle á Secretaría Xeral para o Turismo da Consellería de Cultura e Turismo a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Estas comunicacións deberán efectuarse tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

g) O beneficiario deberá conservar a documentación contable e de todo tipo relativa a execución dos gastos do proxecto obxecto da subvención por un período de 3 anos a partir do peche do programa operativo, de conformidade co artigo 89 número 3 do Regulamento 1083/2006, do Consello. Así mesmo, queda obrigado a manter unha separación contable axeitada para os gastos relacionados coa axuda que facilite a «pista de auditoría».

h) Os beneficiarios deberán dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder, así como pola Xunta de Galicia, segundo o establecido no Decreto 409/2009, sobre identidade corporativa da Xunta de Galicia, podendo descargarse o logotipo no seguinte enlace: www.xunta.es/descarga-do-manual e o emblema normalizado da Unión Europea coa lenda «Unión Europea. Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional» (Feder). Precedendo os emblemas empregarase a lenda «Investimos no seu futuro». Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

Asimesmo, deberán cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello (DOUE 27.12.2006 L371), coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión do 1 de setembro de 2009, (DOUE 23.9.2009, L250) o Regulamento (CE) 800/2008 (DOUE L 9.8.2008). Así mesmo, estas medidas de información e publicidade están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 que poden consultarse na páxina web http://conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe

Cando o proxecto se materialice nun sitio da internet deberán realizarse en lugar visible as citadas referencias na súa páxina de inicio, así mesmo establecerase un enlace cara ás páxinas web da Comisión Europea relativa ao fondo.

Cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Cando o proxecto dea lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD- ROM) deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

Cando se trate de obras arquitectónicas os beneficiarios deberán colocar unha placa explicativa permanente, visible e de gran tamaño, nun prazo máximo de seis meses a partir da conclusión da obra. Na placa indicarase o tipo e nome da operación, que ocupará como mínimo o 25% da placa. Durante a execución da operación o beneficiario colocará un cartel no lugar das operacións. Concluída a operación, o cartel substituirase pola placa explicativa permanente.

i) Se implican a execución dunha obra, os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

j) Os beneficiarios quedan obrigados a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora xerados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

  • Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.
  • Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta orde.
  • Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.
  • Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.
  • Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.
  • Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvencións.

Artigo 16. Subcontratación.

Queda excluída a subcontratación das actividades subvencionadas ao abeiro desta convocatoria, non obstante, en aplicación do disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se inclúe nesta prohibición a contratación daqueles gastos en que o beneficiario teña que incorrer para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

Artigo 17. Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de novembro de 2011 para xustificar a anualidade de 2011 e ata o 30 de setembro de 2012, e deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria a documentación xustificativa xenérica para todas as liñas de actuación e a específica segundo a liña de axuda subvencionada:

Documentación xenérica para todas as liñas de actuación.

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo VI.

b) Facturas que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, no seu defecto, copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento.

c) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública. Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

d) Declaración actualizada de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Pode utilizarse actualizado o anexo III: modelo de declaracións.

e) Declaración responsable onde se recollan expresamente os compromisos a que se fai referencia no artigo 15 das bases reguladoras. Pode utilizarse actualizado o anexo III: modelo de declaracións.

Documentación específica segundo a liña de actuación solicitada.

Liña A) e liña B) Investimentos para a mellora das infraestruturas para actividades hípicas, náuticas, golf e oferta turística complementaria e Investimentos para a redacción de proxectos para a creación de campos de golf.

a) Proxecto de execución definitivo da acción subvencionada, achegarase visado e incluirá o programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión e copia compulsada do nomeamento de dirección de obra.

O dito proxecto e programa teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ao expediente deberán ser avaliados polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

b) Documento acreditativo ou contrato do nomeamento do director da obra e director da execución material da obra.

c) Certificación de obra por conceptos, en modelo normalizado que se compón de portada, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada polo arquitecto e arquitecto técnico da obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

No caso de obras menores os beneficiarios, presentarán certificado de fin de obra en consonancia co proxecto de execución asinada por persoal técnico competente.

d) Licenza urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado. O dito documento é preceptivo e non se procederá ao pagamento de ningunha anualidade mentres non se presente.

3. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención ou as modificacións autorizadas. De non xustificarse o investimento executado, quedará anulada toda a subvención; non obstante, se a xustificación for inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña a finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado e, para o caso de que o executado non cumpra o fin para o que se concedeu a subvención, quedará anulada na súa totalidade.

2. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso o conselleiro ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Pagamento.

Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de procederen ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

A comprobación material poderáselle encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

Excepcionalmente, a comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións.

O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 20. Control.

1. A Consellería de Cultura e Turismo poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como aos dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21. Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Cultura e Turismo.

Artigo 22. Remisión normativa.

Son de aplicación directa, o Regulamento comunitario 1083/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE) e ao do Fondo de Cohesión, no Regulamento comunitario 1828/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), o Decreto 432/2009, do 11 de decembro, polo que se regulan as axudas rexionais ao investimento e ao emprego na Comunidade Autónoma de Galicia en aplicación do Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Supletoriamente, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2011.

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file