Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Martes, 21 de xuño de 2011 Páx. 15868

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 16 de xuño de 2011 pola que se determinan as distincións e recompensas que se concederán ao persoal dos corpos de policía local durante o ano 2011.

A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, establece no seu artigo 74 que os membros dos corpos de policía local de Galicia poden ser distinguidos ou recompensados de acordo co que se determine regulamentariamente.

Consonte con esta previsión, o Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que desenvolve a citada lei, establece no seu artigo 98 que a consellería competente en materia de seguridade concederá mediante orde a placa colectiva e a placa individual, así como a Medalla ao Mérito da Policía Local.

De acordo co anterior, a unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais procedeu a estudar as propostas formuladas, seguindo o procedemento que establece o artigo 99 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, para a concesión das distincións. As propostas feitas pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, como unidade directiva competente en materia de coordinación, están amplamente documentadas, foron sometidas a informe e valoradas positivamente pola Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia e sometidas á resolución e ditame desta consellería.

Na súa virtude, en uso das facultades outorgadas polo artigo 98 e pola disposición derradeira primeira do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, antes citado, por proposta da unidade directiva competente en materia de coordinación de policías locais, e logo do informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia, na súa sesión do 15 de xuño de 2011, ao abeiro do disposto no artigo 17.1 a) da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Aprobar, de acordo co previsto no artigo 99.5 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, a listaxe de persoas propostas como candidatas á Medalla ao Mérito da Policía Local ás cales se lles outorga esta distinción.

2. Publicar esta listaxe nos seguintes anexos a esta orde:

Anexo I. Concesión da Medalla ao Mérito da Policía Local.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Concesión da Medalla ao Mérito da Policía Local ao policía José María Barcia Veiga, do Corpo de Policía Local do Concello de Oleiros.

Vistos os feitos descritos na proposta para a concesión da Medalla ao Mérito da Policía Local, unha vez emitido informe da Comisión de Coordinación de Policías Locais, na súa xuntanza do 15 de xuño de 2011, e logo de valorar e ponderar os méritos e as circunstancias alegadas na dita proposta, esta consellería resolve conceder a Medalla ao Mérito da Policía Local, pola súa intervención nun acto de servizo manifestando calidades de valor e lealdade profesionais, coa posibilidade de risco grave para a súa integridade, ao policía do Concello de Oleiros José María Barcia Veiga.

Así mesmo, de acordo co previsto nos artigos 101 e 102 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, esta concesión acreditarase mediante o correspondente diploma e constará no Rexistro de Distincións e no Rexistro das Policías Locais de Galicia, e darase conta ao concello de Oleiros para os efectos do seu expediente persoal.